Xornada Mundial da Paz
Educar os mozos para a xustiza e para a paz
O Papa Bieito XVI elixiu o seguinte tema para a celebración da 45ª Xornada Mundial da Paz do próximo 1 de xaneiro de 2012: "Educar os mozos para a xustiza e para a paz". O tema lévanos ao centro dunha cuestión urxente no mundo de hoxe: escoitar e valorar as novas xeracións na realización do ben común e na afirmación dunha orde social xusta e pacífica onde poidan ser plenamente expresados e realizados os dereitos e as liberdades fundamentais do ser humano.
Resulta, xa que logo, un deber das actuais xeracións o colocar ás futuras nas condicións de expresar en xeito libre e responsable a urxencia dun mundo novo. A Igrexa acolle os mozos e ás súas diversas instancias como o signo dunha sempre promisoria nova primavera e indícalles a Xesús como o modelo de amor que fai "novas todas as cousas" (Ap 21, 5).
Os responsables da cousa pública están chamados a operar de modo que as institucións, as leis e os diversos ambientes de vida sexan penetrados polo humanismo transcendente que ofreza ás futuras xeracións as oportunidades da plena realización e traballo para construír a civilización do amor fraterno coherente coas máis profundas esixencias de verdade, de liberdade e de xustiza do ser humano.
De aí, xa que logo, a dimensión profética do tema elixido polo Santo Padre, que se coloca no suco da “pedagoxía da paz” trazado por Xoán Paulo II en 1985 (“A paz e os mozos camiñan xuntos”), en 1979 (“Para lograr la paz, educar para a paz”) e no 2004 (“Un compromiso sempre actual: educar para a paz”).
Os mozos deberán ser operadores de xustiza e de paz nun mundo complexo e globalizado. O cal fai necesaria unha nova "alianza pedagóxica" de todos os suxeitos responsables. O tema conduce a unha preciosa etapa do Maxisterio proposto por Bieito XVI nas Mensaxes para a Xornada Mundial da Paz, iniciado no signo da verdade (2006: “Na verdade, a paz”), proseguido coas reflexións sobre a dignidade do ser humano (2007: “A persoa humana, corazón da paz”), sobre a familia humana (2008: “Familia humana, comunidade de paz”), sobre a pobreza (2009: “Combater a pobreza, construír a paz”), sobre o coidado da creación (2010: “Se queres promover a paz, protexe a creación”), e sobre a liberdade relixiosa (2011: “A liberdade relixiosa, camiño para a paz”), e que agora se dirixe ás mentes e aos corazóns arelantes dos mozos: “Educar os mozos para a xustiza e para a paz”.
Comentarios
Publicar un comentario