MISA EN GALEGO CICLO B - 4º Dom. Advento (18/12/11)

 DOMINGO DE ADVENTO CICLO B



Primeira Lectura          2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
LECTURA DO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL
O reino de David permanecerá para sempre diante do Señor

Despois que o rei David se instalara na súa casa e que o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, díxolle o rei ao profeta Natán:
‑ "Repara que eu estou habitando nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda".
Natán respondeulle ao rei:
‑ "Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".
Pero, aquela mesma noite, veulle a Natán esta palabra do Señor:
‑ "Vai e dille ao meu servo David: Isto di o Señor: )Vasme edificar ti unha casa para que eu habite nela?
Eu saqueite dos pasteiros, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel; estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. Eu dareiche un nome tan sonado coma o nome dos grandes da terra.
Eu vou destinar un lugar para o meu pobo Israel e vou plantalo alí, para que viva nel sen sobresaltos, sen que os fillos da iniquidade volvan asoballalo, como noutrora, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Eu dareiche a paz cos teus inimigos todos e, ademais, o Señor anúnciache que el che dará unha dinastía.
Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. Eu serei para el un pai e el será para min un fillo.
A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu trono manterase firme eternamente".

             Palabra do Señor                                     
             R/. Grazas a Deus                                                                                                 


SALMO RESPONSORIAL Sal  88, 2-3. 4-5. 27 e 29

R/. (cf. 2a): Cantarei eternamente a misericordia do Señor.

Quero cantar por sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións a súa fidelidade:
"Penso que o teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade asentada cos ceos".

Co meu elixido asino unha alianza,
ó meu servo David fágolle un xuramento:
"Afincarei a túa liñaxe para sempre,
construireiche un trono duradeiro".

El dirame: "Ti es meu pai,
meu Deus, rocha da miña salvación.
Gardareille o meu amor eternamente
e a miña alianza con el será leal.


Segunda Lectura               Rm 16, 25-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O misterio escondido desde sempre, agora manifestouse

Irmáns:
A aquel que é potente para vos afiunzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme a revelación do misterio escondido durante tempos eternos, pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe, a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén.
                                                                                                                                            
                  Palabra do Señor                                   
                  R/. Grazas a Deus

ALELUIA      Lc 1, 38 
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Velaquí a escrava do Señor,
cúmprase en min o que dixeches.
Aleluia.


Evanxeo               Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Velaí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo

Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
‑ Alégrate, chea de graza , o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza  ante Deus. Velaí que vas concibir no teu ventre e dar á luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
Díxolle María ao anxo:
‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
O anxo respondeulle:
‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
Entón María dixo:
‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
E o anxo marchou de onda ela.
                                                                                                                                            
                                 Palabra do Señor                                   
                                  R/. Loámoste, Cristo


ADVENTO, TEMPO DE ESPERANZA

Advento, tempo de esperanza,
no seo de María crece o fermento dun mundo novo,
o Fillo do Deus vivo que chega a compartir connosco.
Nace Emanuel, Deus-con-nosco, feito neno, pobre, pequeno e necesitado.

María ensínanos o camiño para facer nacer a Xesús
no noso tempo: confianza, entrega, fidelidade,
coraxe, e moita fe no Deus da Vida.
Tempo de espera, de atención e coidados,
de respecto e contemplación.

Señor, hai moita dor no noso tempo, hai sufrimento e inxustiza,
axúdanos a sementar sementes de esperanza.
Descúbrenos a alegría da paciente espera, activa e fecunda,
comprometida pola vida dos que nos rodean.
Ensínanos a facer crecer a esperanza de algo novo,
anímanos a entregar as nosas vidas para a construción do Reino.

É tempo de espera, Señor, pero tamén é tempo de doazón
e compromiso efectivo.
Contáxianos a fe sinxela de María,
que deu a súa vida para alumar o Reino
e facer nacer a esperanza no medio do seu pobo.

Señor, abre os meus oídos a túa Palabra.
Señor, esperta o meu corazón á esperanza.
Ti vés, vés sempre ao meu encontro.
Ti vés sempre con amor.
Fai que me poña en camiño para recibirte,
abrireiche a porta da miña casa e darémonos unha aperta entrañable.

E ao oír os pasos de tantos camiñantes do mundo,
sentireime irmán/á de todos
e compartirei con eles a miña paz e a miña esperanza. Amen

ADVENTO, TEMPO DE AIRE RENOVADOR NUNHA IGREXA NECESITADA DEL
INICIADOS NA RECONCILIACIÓN
SIGNO: Colocamos no taboleiro ou prendemos a cuarta e derradeira candea, que terá o nome do sacramento da reconciliación ou algún signo alusivo a dito sacramento.


PÓRTICO
No camiño do Advento atopamos tamén con María, muller, cristiá da primeira fornada, nai e sempre fiel discípula disposta a acoller e enxergar no seu corazón canto vía e escoitaba dos beizos e accións de seu Fillo. A candea de hoxe, coa presenza da Señora do Advento, Santa María da Esperanza, quere lembrarnos que moitas veces a iniciación queda interrompida porque o noso actuar vaille dando, pouco a pouco, as costas a Deus e esquecéndose de que a fidelidade é constancia, paciencia, esforzo e renuncia. E como nós moitas veces, ou non queremos ou nos custa en exceso camiñar nestas catro actitudes, tiramos por terra canto o Bautismo, a Confirmación e a Eucaristía foron sementando en nós. Por iso, antes de dar o paso final e traspasar a porta que nos leva ao Nadal, somos invitados a iniciármonos no camiño da reconciliación, a deixar atrás canto nos entristece, fire, destrúe e afasta dos irmáns, do mundo, de nós mesmos, e, como consecuencia de todo isto, de Deus. Por iso esta cuarta candea quere lembrarnos que o Nadal non é algo externo, senón un punto de chegada de todo camiño anterior no que nos fomos preparando. Sentir a necesidade da reconciliación no final deste camiño do Advento é o mellor indicador de que pagou a pena todo o andado, porque Deus ábrenos de novo os brazos para acollernos e a súa misericordia é sempre moito máis grande e xenerosa que o noso pecado. Que este Nadal que xa está ás portas, non quede sen esta experiencia sempre nova e leda que é a reconciliación. Deixémonos reconciliar por El!

O PERDÓN
*       Porque en demasiadas ocasións esquecemos que a fidelidade é constancia, paciencia, esforzo e renuncia, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.
*       Por non ter sabido tornar o pesimismo, o andazo, a desconfianza e a falla de misericordia que tantas veces están á espreita na nosa vida, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.
*       Por non dar aprendido que só poderemos atoparnos contigo se baixamos do monte da soberbia e da grandeza deste mundo, reconciliándonos coa humildade e a sinxeleza, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.

REMUÍÑO
·         Irrompe María como invitación renovadora no tempo de Advento. A súa concepción segue a ser para nós hoxe exemplo de confianza e acollida da voz de Deus na nosa vida, en todo canto imos enchendo da nosa presenza e do noso actuar. Porque, coma Ela, tamén nós somos chamados a facer nacer en nós ao Deus que esperamos, ao Deus que nos chama a non permanecer calados diante de canto está a ocorrer ao noso redor. Non basta ver as cousas e deixarnos estar, pois o noso si a Deus chámanos a un actuar responsable, libre e sempre comprometido con aquelas causas nas que é posible facer presente o seu Reinado. A súa manifestación será posible se tomamos en serio actuar coma seguidores da persoa e da mensaxe de Xesús. El segue chamándonos, de nós vai depender a resposta. Que saibamos dicirlle, coma ela, si a canto vai facendo do mundo lugar de entendemento e acollida que non cala fronte os abusos, as inxustizas ou a mentir. Porque ser cristián no mundo de hoxe xa non é un rito ou un costume familiar, senón unha decisión libre e activa para facer posible toda a riqueza que lle aporta ás persoas a mensaxe de Xesús. E que mellor que este momento do tempo de Advento para formularnos revisar que actitudes e comportamentos deberiamos cambiar para chegar en disposición de celebrar de xeito cristián o Nadal!


·         A presenza do Señor no cotián de cada un/ha de nós vaise manifestando pouco a pouco, sen facer barullo e sen necesidade de organizar unha campaña de publicidade. Ao contrario, a súa presenza percíbese nese xeito sinxelo de facer as cousas, sen artificio e con seriedade, facendo crible que aquilo que estamos a dicir somos capaces de poñelo en práctica, de vivilo, que non é unha construción teórica de algo xa dito moitas veces, pero imposible de vivir. E podemos dicir isto porque a historia destes dous mil anos de vida da Igrexa ensínanos que sendo difícil facelo, si que é posible. Moitos homes e mulleres conseguírono, e fixérono porque sabían que con ilusión e gañas, a presenza do Espírito manifestábase na súa vida para seguir avanzando e para vencer a tentación de recuar e deixalo. Homes e mulleres que sen estar no calendario de celebración litúrxicas, souberon facer da súa vida experiencia de felicidade persoal e comunitaria. E se eles, de carne e oso coma nós, puideron, por que non imos poder tamén nós?

·         Nesta última semana invítasenos á preparación interior cara o Nadal. A Luz que chega, esa luz que María levou no seu ventre, quere ser agora luz que ilumine o noso camiño e nos acompañe a recoñecer as sombras que nel atopamos, sombras que a reconciliación, experiencia de amor e misericordia de Deus, nos invita a deixar atrás para cando nesa noite de esperanza e futuro, El chegue e poida entrar na vida de cada un/ha de nós. Que saibamos dicir si coma David, Paulo, Gabriel e María, que hoxe nos teñen acompañado nos textos proclamados durante a celebración!

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Logo de escoitar resoar en nós a Palabra que nos invita a deixarnos reconciliar con ese Deus que é Palabra e vida, presentamos a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:

SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
·         Para que cantos formamos parte da Igrexa saibamos recoñecer a necesidade e importancia da reconciliación, deixando atrás canto nos fai infelices e nos aparta de Deus e dos irmáns, Oremos.
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
·         As nosas comunidades parroquiais están tamén moi necesitadas de reconciliación. Por todas as veces nas que discutimos uns cos outros, creamos problemas de relación ou deixamos de axudar, Oremos.
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
·         Para que descubramos neste Advento a necesidade de ser reconciliados por todo canto temos que deixar atrás porque nin nos fai felices nin nos achega a túa confianza, Oremos.
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN

Grazas, Señor, pola invitación a facer da nosa vida unha experiencia de reconciliación. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Virxe da Esperanza,
Nai dos pobres,
Señora dos que peregrinan:
escóitanos.
Hoxe pedímosche
pola terra que ti visitas
cos pés descalzos,
ofrecéndolle a riqueza do neno
que levas no teu colo.
Un neno fráxil que nos fai fortes;
un neno pobre que nos fai ricos;
un neno escravo que nos fai libres.
Virxe da Esperanza:
a terra esperta,
despunta a luz dunha mañá nova.
É o día da salvación
que xa chega.
Señora das persoas que peregrinan:
somos o pobo de Deus,
somos a Igrexa que camiña cara á Pascua.
Nosa Señora,
ilumina a nosa esperanza,
alivia a nosa pobreza,
peregrina con nós cara ao Pai.
Amén

CANTOS

·        ENTRADA: Vén axiña a visitarnos
·        LECTURAS: Arrepentido
·        OFERTORIO: Na nosa terra
·        COMUÑÓN: Volve, Señor

POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares