31 dic. 2011

Encontraron a María, a Xosé e o Neno. E despois de oito días, puxéronlle de nome Xesús - Lc. 2

Domingo 2 Nadal - ciclo B



PREGARIA: POLOS NENOS DO SUR

Hai neniños, Señor, a mancheas
que non saben o que é unha flor,
descoñecen as tardes felices,
os amenceres de festa e candor.

Hai neniños, Señor, estragados,
ignorantes de pais con paixón,
picariños tirados nas rúas,
esmoleiros de pan e de amor.

Hai neniños, Señor, que nos falan
con linguaxe sinxela, sen voz,
e nos mostran a urxencia divina
da xustiza que Cristo encetou.

Hai neniños, Señor, pouca cousa,
que cobizan a liberación
nas súas vidas cheíñas de ausencias
que ata agora ninguén lles tapou.

Hai neniños, Señor, e ti neles
reclamando por diante de nós
o dereito a medrares contento
feito neno nos nenos sen voz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario