A Inmaculada


INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
                                                Día 8 de decembro      Solemnidade


Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller

     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     ‑ Onde estás?
     El respondeulle:
     ‑ Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     ‑ Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     ‑ A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     ‑ Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     ‑ A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     ‑ Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.

Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
            ‑ Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            ‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            ‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            ‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            ‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus



CON  MARÍA

Con María, bendicímoste e loámoste, Pai,
porque nela fixécheste:
Boa Nova para todos,
luz da alba que abre camiños ao Sol,
estrela da mañá que anuncia o Día,
libro aberto que acolle e aluma a Palabra,
muller e nai da Vida.

Con María, Pai de todos:
alegrámonos da túa presenza entre nós,
compartimos o gozo de sentirnos nas túas mans,
anunciamos a túa fidelidade
e proclamamos a túa misericordia.

Con María, Pai bo:
anúnciasnos o teu proxecto de xustiza e salvación,
encamiñas os nosos pasos polas pegadas de Xesús,
reúnesnos na fermosa casa do teu Reino,
iluminas a esperanza e anticipas o futuro.

Con María, Deus e Pai:
recoñecémoste pequeno nos sinxelos,
sabemos que es misteriosamente débil;
sentimos a túa tenrura e proximidade,
humanamente non te vemos,
comprendemos un pouco o teu Misterio
e abóndanos saber
que nos levas na palma das túas mans

Con María, noso Pai, dicímosche:
Estamos aquí; glorificámoste, loámoste
e dámosche grazas desde o máis íntimo de nós;
actúa en nós segundo a túa Palabra,
Que queres que fagamos?
Ti es o Deus que nos salva;
Como será todo isto?
Somos os teus fillos e desde sempre
convivirnos como irmáns na túa única casa.


MARÍA DIXO SI.... E O MUNDO PREÑOU DE ESPERANZA

PÓRTICO
Vivimos nun mundo desesperanzado, no que cada vez é máis frecuente atopar persoas desencantadas, desilusionadas, descridas, desganadas. Un mundo no que parece que xa non hai lugar para o optimismo, para a utopía, para a ilusión: a crise, o materialismo, as desigualdades económicas, o paro, o racismo, as inxustizas…e tantas e tantas dificultades que nos parecen carentes de solución, fan que nos deixemos levar do pesimismo e que moitas veces nos preguntemos cara onde camiñamos, que vai ser de nós, cando rematará tanto sufrimento...
Porén, no medio do advento, tempo de iniciación, celebramos hoxe a festa da Inmaculada, que ten que ser, para todos nós, que nos confesamos crentes, unha chamada á esperanza, a un crer e saber que nada do que sementamos queda sen froito, que todo o que facemos e todo aquilo polo que loitamos ten un sentido. E todo grazas ao si que un día deu unha mociña de aldea a un Deus que lle pedía ser nai do seu Fillo. Aí é nada!. Que a celebración que agora comezamos nos axude a, como María, saber vivir sen medo, con esperanza, con ilusión e, fundamentalmente, confiando en Deus.

O PERDÓN
        María confiou e creu no que Deus lle pedía. Polas veces nas que descremos de Ti, dos irmáns e das irmás, vendéndonos ao mellor ofertante, SEÑOR, DANOS A TÚA ESPERANZA.
        María soubo poñerse ao servizo de Deus. Polas veces nas que nós seguimos escudándonos no “non sei, non vallo....”, para non poñernos ao teu servizo, comprometéndonos no mundo e co mundo, CRISTO, DANOS A TÚA ESPERANZA.
        María foi quen de romper as cadeas dos prexuízos, do que dirán, do relixiosamente correcto. Polas veces nas que o medo nos atenaza, converténdonos en persoas covardes que non fan máis que vivir axeonlladas, SEÑOR, DANOS A TÚA ESPERANZA.


REMUÍÑO
CORREN MALOS TEMPOS PARA A TENRURA…: Vivimos tempos difíciles en todos os campos, tamén no da fe. Parece que o laio permanente, a mediocridade, a imposición, o neoconservadurismo, o medo e a rutina son os sinais que definen a esta nosa Igrexa na que a coherencia é un valor á baixa, na que o medo ao novo atenaza e mesmo paraliza as nosas accións e fai que pouco a pouco nos vaiamos illando en pequenas burbullas, nos nosos guetos, cos que pensan coma nós, nos que nos dan sempre a razón. A crispación está ben latente en todos os eidos da nosa sociedade: política, ensinanza, asociacións.. e cómo non, tamén na Igrexa. Que nos pasa? Por que temos tantos medos, tantos complexos, tan baixa autoestima? Por que pensamos, e mesmo nos convencemos, de que estamos perseguidos? Por que seguimos a crer que o que berra máis ten sempre máis razón? Por que seguimos crendo que hai un único xeito de facer as cousas: o noso? Realmente é este o camiño que Xesús nos abriu? Estamos sendo fieis ao seu mandado de “ide e pregoade”, que non “ide e impoñede”?

…NOS QUE ESTAMOS CHAMAD@S A ESPERANZAR Á SOCIEDADE...: Hoxe, en María, muller sinxela, muller do pobo, muller labrega, anúnciasenos a vitoria: o plan de Deus, a salvación para todos, faise realidade aquí e agora co noso esforzo, co noso servizo, co noso compromiso. Non se trata, pois, de laiarnos de tempos pasados, de volver ao matrimonio entre igrexa e poder, que sempre está abocado a unha ruptura dolorosa ou a unha dominación esmagante dunha parte sobre a outra. Ser semente do Reino supón e esixe de nós facer presente o noso compromiso evanxélico cos pobres e pequenos nun único escenario: o mundo, porque queirámolo ou non, non somos illas, senón seres sociais. Máis alá do que pensen, digan ou comenten de nós, temos que saber rachar con todo aquilo que nos afoga, porque o Señor “repara nas persoas humildes e desbarata aos soberbios”. A que esperamos? María, co seu si valente e confiado, abriunos o camiño. De nós dependerá seguilo ou coller outros atallos nos que o fundamentalismo ou a separación de persoas por mor do seu xénero non nos leven a un final axeitado.

…E A TRABALLAR POLA IGUALDADE DE XÉNEROS: Por iso as mulleres sentímonos identificadas con María: muller comprometida, muller independente, muller valente e coherente… nun tempo no que, coma hoxe, a parte feminina, non contaba nada. Por iso hai moitas cousas que cambiar na nosa sociedade… e sobre todo na nosa Igrexa, para chegarmos á tan arelada igualdade. Porque María non se dedicou a lavar panos, a varrer sinagogas ou a poñer floriñas, senón que soubo poñerse ao servizo dos irmáns. Por que a unha parte da nosa Igrexa lle custa tanto descubrir o importante papel das mulleres nela? Ata cando seremos sinónimo de perdición, tentación e pecado? Cando se asumirá, por parte de todos, que somos COMPLEMENTARIAS, e que por iso deberiamos ter os mesmos dereitos e deberes que os varóns? Por que a nosa Igrexa é tan machista, amordazando a afectividade e a tenrura, relegando á muller e non recoñecendo o seu papel protagonista na evanxelización e na construción do Reino e da civilización do amor?A pequeneza e a humildade de María non lle impiden iniciar un diálogo co enviado de Deus. Ela non se limita a escoitar e a asentir, a súa fe é un acto libre, por iso quere saber como sucederá o que se lle comunica. A forza do Espírito suscita nela unha participación activa; é a colaboración de alguén que se sabe nas mans de Deus... pero que pide a súa colaboración aínda que sexa muller. O si da súa maternidade comunícanos ao Mesías e así, María, ocupa o seu lugar na historia da salvación. A Encarnación é froito da forza do Espírito e da dispoñibilidade e do si de María. Muller, si; nai, si; obxecto, non. Cómpre que non o esquezamos.

Que a festa da Inmaculada que celebramos no advento, nos axude a que de verdade tomemos conciencia do papel central da muller, non só na Historia da Salvación, senón na marcha da sociedade. Porque, o advento é tempo de iniciación.... comecemos a traballar pola igualdade e a complementariedade de xéneros xa.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na festa da Inmaculada, chamada á esperanza e á corresponsabilidade, presentámoslle a nosa oración ao Señor, por intercesión de María, dicindo:

QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

        Pola nosa Igrexa, para que traballe por favorecer relacións de igualdade entre homes e mulleres, corrixindo calquera discriminación e encomendándolles do mesmo xeito a uns e outras tarefas eclesiais de responsabilidade: consellos de pastoral, consellos económicos, comisións, delegacións, elaboración de documentos, órganos de decisión..., OREMOS.

QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

        Polos gobernantes e políticos, para que nos seus programas de goberno, fagan eficaz e real a igualdade entre os homes e as mulleres e así evitemos toda discriminación, todo desprezo e violencia cara ás mulleres, OREMOS.

QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

        Polas mulleres que nas nosas comunidades levan a cabo distintos servizos na evanxelización, para que o seu traballo e esforzo sexa sempre valorado, coñecido e recoñecido na mesma medida que o dos homes, sen pedirlle un plus de imposto, OREMOS.

QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

        Por todas as mulleres que en todo o mundo sofren polo simple feito de ter nacido mulleres: as vítimas da violencia de xénero, as que son obrigadas a prostituírse, as que son escravizadas polos modelos estéticos imperantes na nosa sociedade, as que non teñen acceso a unha cultura que permita o seu desenvolvemento como persoa, as que son ignoradas polos vellos prexuízos, OREMOS.

QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

Grazas, Señor, porque, pasando dos prexuízos, fixácheste en María, muller sinxela, para encomendarlle a gran misión de ser nai do teu Fillo. Que ela sexa para nós porta, modelo e espello. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Saudámoste, María,
porque o Señor está contigo,
na túa casa, na túa rúa, no teu pobo,
na túa aperta, no teu seo.
Saudámoste, María,
porque te turbaches
-quen non o faría diante desa noticia?-
pero deseguida recobraches paz e ánimo
e criches a un enviado calquera.
Saudámoste, María,
porque preguntaches o que non entendías
-aínda que fose mensaxe divina-,
e non deches un si inxenuo nin un si cego,
senón que tiveches diálogo e palabra propios.
Saudámoste, María,
porque concibiches e pariches
un fillo, Xesús, a vida;
e ensináchesnos canta vida
hai que xerar e coidar
se queremos facer presente.
Saudámoste, María,
porque te deixaches guiar polo Espírito
e permaneciches á súa sombra,
tanto en treboada como en tempos bos,
deixando a Deus ser Deus
e non renunciando a ser ti mesma.
Saudámoste, María,
porque lle abriches horizontes novos ás nosas vidas,
fuches coidar á túa curmá,
compartiches a boa nova,
e non te fixeches antolladiza.
Saudámoste, María,
irmá peregrina dos pobres de Iavé.
Camiña con nós,
lévanos onda as outras persoas
e mantén a nosa fe.


CANTOS
       ENTRADA: Xa nos tes aquí
       LECTURAS: Noraboa María
       OFERTORIO: Camiñar
       COMUÑÓN: Que bonito

POWER POINT INMACULADA




Comentarios

Publicacións populares