MISA EN GALEGO CICLO B- 2º Dom. Nadal (01/01/12)

SOLEMNIDADE DE SANTA MARÍA NAI DE DEUS

  
Primeira Lectura     Num 6, 22-27
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos

     Naquel día, o Señor faloulle a Moisés:
-         Dilles a Aharón e a seus fillos: Desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel:
     "Que o Señor te bendiga e te garde; que faga brillar o seu rostro sobre ti e che conceda a súa graza; que o Señor volva os seus ollos cara a ti e che dea a súa paz".
     Invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8

R/. (2a): Deus teña piedade de nós e nos bendiga.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os  pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura      Gal 4, 4-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller

            Irmáns:
            Así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei de xeito que puidésemos recibir a adopción de fillos.
            A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou aos vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama Abbá! (que quere dicir meu Pai! ).
            Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo.
            E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.

                        Palabra do Señor                             
                       R/. Grazas a Deus

ALELUIA      Heb 1, 1-2
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
En moitas ocasións, e de moitos xeitos, veulles falando Deus
ós nosos devanceiros por medio dos profetas;
ultimamente falounos por medio do Fillo
Aleluia.


Evanxeo     Lc 2, 16-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Encontraron a María e a Xosé e o neno. E despois de oito días puxéronlle de nome Xesús.

            Naquel tempo, os pastores foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.
            E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.
            María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
            E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.
            Ós oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
                       
                                   Palabra do Señor                             
                                   R/. Loámoste, Cristo



E O SI DE MARÍA ABRIU O CEO Á MATERNIDADE DE DEUS

PÓRTICO
No comezo do ano, no que se volven renovar ilusións e proxectos, queremos poñer estes doce meses que temos por diante na man de Deus, para sentírmonos acompañados por El; tanto cando as cousas saian como as tiñamos proxectado, como cando non consigamos atopar explicación a canto ocorre. Renovar é querer poñer punto e seguido na nosa vida. Un punto e seguido que non mira cara atrás, senón que encara o futuro con ollos de admiración e esforzo polo moito que temos que facer, e polas posibilidades que se nos abren. E porque esta viaxe non a queremos facer solos, no bo e no malo, nas tristuras e ledicias, nos sorrisos e nas bágoas, que aprendamos sempre, Señor, a deixarnos acompañar por Ti.

Acollendo a túa palabra, en Xesús recibimos a túa bendición para que este sexa un ano de presenza solidaria e traballo cotián pola paz e a xustiza:
Bendí, Pai, o noso mundo, dividido por tantas inxustizas e violencias.
Que os responsables dos pobos se desarmen progresivamente e utilicen non as armas que matan, senón as do diálogo e a solidariedade.
Que a Igrexa sexa foco de diálogo e pacificación.
Que as familias cultiven o amor primeiro e superen as crises coa madurez humana a oración.
Bendícenos, Pai, que traballando pola paz, sexamos fillos teus e fillas túas. Amén.

O PERDÓN
        Porque a paz non é un valor que cultivemos cada día na nosa vida, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE PAZ.
        Porque a xustiza non é o camiño que seguimos na maioría das veces nas nosas decisións, CRISTO, ENCHÓUPANOS DE PAZ.
        Porque nin nos educamos nin educamos aos que veñan tras de nós nos camiños do entendemento e o diálogo, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE PAZ.


REMUÍÑO
        Dinos o Papa na mensaxe que escribiu para esta xornada da paz, que”o comezo dun Ano novo, don de Deus á humanidade, é unha invitación a desexar a tod@s, con moita confianza e afecto, que este tempo que temos por diante estea marcado pola xustiza e a paz”
- Comezar é querer deixar atrás canto non foi como nos tería gustado, para encarar o que queda por diante con gañas, forza, ilusión e esperanza. Non é tempo de laiarnos, de deixar que as situacións nos dominen sen facer nada por cambialas. Comezar é renovar o esforzo por crecer como persoas con valores e dispostas a vivilos sen medo nin angustia cada día no que facemos e no xeito de tratar aos demais. Comezar é apostar que sempre se pode cambiar, que o destino de cada un/ha de nós, porque somos libres, está nas nosas mans, no que decidamos, sen deixar que ninguén nolo marque e nos utilice como se foramos monicreques, roubándonos a capacidade e a posibilidade de ser nós mesmos.
- Poder comezar este ano é un don. E todo don é algo que se nos concede, que se nos dá para que o acollamos. Deus concédenos o don de poder comezar e plantexar novos horizontes na nosa vida; uns horizontes cara aos que temos que ir avanzando, non sen dificultades, pero conscientes de que está na nosa man e nas nosas decisións, poder acadalos. Non podemos permitir que ninguén nos roube este don que nos concede a centralidade a nós á hora de tomar decisións. Ser conscientes de que posuímos este don axúdanos a non deixarnos levar polo que outros poidan dicir o facer para quitárnolo. É este un don sen exclusións, para tod@s e chamado a ser compartido. Un don que nos fala de agarimo, respecto, encontro, igualdade... empatía.
- Un comezo que é don e quere camiñar na xustiza e a paz. Só desde elas poderemos sentírmonos verdadeiros protagonistas deste novo ano que hoxe comeza. Unha xustiza que non se reduce ao que marca a lei, establecendo criterios que moitas das veces están lonxe do que preocupa e vive a xente. Non, a xustiza que temos que construír é a xustiza da fraternidade, que nos fai irmáns no mesmo Pai, e nos chama non volvernos indiferentes diante do que ocorre ao noso redor. É a xustiza do compromiso e a da implicación. É a xustiza dos que queremos chamarnos e sentirnos seguidores de Xesús. E só desde esta xustiza poderemos falar de paz, que como ben dixo hai moitos anos o Papa Xoán XXIII, non se reduce á ausencia de guerra. Son moitas as situacións que vivimos hoxe nas que, sen haber guerra, non é posible traer a paz: cando nos enganan, cando nos explotan, cando toman decisións sobre nós sen consultarnos, cando nos negan o dereito a expresarnos, cando os silencios esconden amargura, desprezo ou indiferenza. Pode non haber guerra, de feito, cando isto ocorre non a hai, pero non podemos dicir que haxa paz. A paz é tarefa e esforzo de todos por non excluír, discriminar, separar... esconder. A paz é luz, porque luz é o que o si de María nos veu traer, e que hoxe acollemos no nome da paz e da xustiza: Xesús. E se non nos educamos para e desde elas, comezaremos moitos anos novos, pero non acadaremos o máis importante: ilusións e esperanzas.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque nos traes a paz, neste comezo de ano, e baixo a agarimosa mirada da nai María, presentamos a nosa oración comunitaria e dicimos:
QUE NOS EDUQUEMOS NA XUSTIZA E NA PAZ
        Para que non renunciemos nunca a construír a vida desde a xustiza e a paz, facendo da Igrexa verdadeira testemuña de gratuidade e acollida no medio dun mundo falto de cariño e solidariedade, OREMOS.
QUE NOS EDUQUEMOS NA XUSTIZA E NA PAZ
        Para que neste comezo de ano, saibamos ser calor e porta aberta para os membros das nosas comunidades que están a pasar por situación de dificultade por non ter traballo, estar enferm@s ou non ter paz nas súas familias, OREMOS.
QUE NOS EDUQUEMOS NA XUSTIZA E NA PAZ
        Para que saibamos renovarnos e ilusionarnos neste comezo de ano, propoñéndonos metas alcanzables e proxectos que nos fagan sentir a gusto co noso traballo, OREMOS.
QUE NOS EDUQUEMOS NA XUSTIZA E NA PAZ
Grazas, Señor, por invitarnos a construír a paz, neste ano que comeza, sobre a xustiza e o respecto de uns para cos outros. Que como María, a muller da maternidade de Deus, sementemos o noso camiño de gratitude e gratuidade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

A Utopía da Paz

Ela está no horizonte.
Achégome a dous pasos,
ela afástase dous pasos
e o horizonte
móvese dez pasos máis alá.
Por moito que eu camiño,
nunca a acadarei.
Para que serve a utopía?.
Para isto serve: para camiñar.

(Eduardo Galeano)


CANTOS
        
         Panxoliñas


Comentarios

Publicacións populares