MISA EN GALEGO CICLO B- 3º Dom. Advento (11/12/11)

DOMINGO 3º DE ADVENTO  -  CICLO B


Primeira Lectura          Is 61, 1-2a. 10-11
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Alegrareime con grande gozo no Señor

O Espírito do Señor, Deus, está sobre min, porque o Señor me unxiu.
Mandoume anunciar a boa nova ós pobres, curar os de corazón esnaquizado,
proclamarlles ós cativos o indulto e ós presos a liberación,
e promulgar un ano de graza  do Señor e o día do rescate do noso Deus.
Exulto con ledicia no Señor,
e a miña alma relouca no meu Deus,
por me vestir con roupas de salvación
e me envolver co manto da xustiza,
coma noivo cinguido con coroa,
coma noiva que se adorna coas súas xoias.
Pois, como a terra fai saír os seus gromos,
e como un horto fai brotar as súas sementeiras,
así o Señor fará brotar a xustiza,
e a loanza ante todos os pobos.
                                                                                                                                            
                Palabra do Señor                                    
                R/. Grazas a Deus                                                                                                         


SALMO RESPONSORIAL        Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54

R/. (Is 61, 10b): A miña alma exultará no Señor, meu Deus.

Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito en Deus, o meu Salvador.
Porque reparou na humillación da súa escrava.

Desde agora chamaranme ditosa todas as xeracións,
porque fixo marabillas en min o Poderoso; 
o seu nome é Santo.
A súa misericordia chega xeración tras xeración
a todos os que o temen.

Os famentos encheunos de bens,
e os ricos despediunos baleiros.
Amparou a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia.


Segunda Lectura          1 Tes 5, 16-24
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO ÓS TESALONICENSES
Gardade a vosa vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor

Irmáns:
Estade sempre alegres. Orade constantemente. Dade grazas  en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns.
Non apaguedes o Espírito; non desprecedes as palabras inspiradas.
Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo.
Afastádevos de toda especie de mal.
Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser ‑espírito, alma e corpo‑ se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.
Pois o que vos chama é fiel, hao facer.
                                                                                                                                            
                  Palabra do Señor                            
                  R/. Grazas a Deus


ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova ós pobres.
Aleluia.


Evanxeo           Xn 1, 6-8. 19-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No medio de vós está aquel a quen non coñecedes

Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:
‑ Ti quen es?
El declarou e non negou. Declarou:
‑ Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
‑ Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
‑ Non son.
‑ Es o profeta?
Respondeu:
‑ Non.
Daquela dixéronlle:
‑ E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta ós que nos mandaron. Que dis de ti mesmo?
El dicía:
‑ Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" (como escribira o profeta Isaías).
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
‑ Entón, por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
‑ Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.
Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

             Palabra do Señor                                       
             R/. Loámoste, Cristo


A ESPERA

Espérasme cada día.
Sempre vés, non cesas de chegar desde o silencio
ata o sol da miña porta.
Tiras pedras suaves e pequenas,
Transparentes ao cristal do meu cuarto e dos meus ollos.

Non descorro a miña voz.
Non me decato de que Ti estás aí,
que esta hora é outra vez a túa cita.
Non distingo a túa chamada.
Mañá, esta sesta, este ocaso,
nesta noite tamén virás,
Ti nunca deixarás de chegar.

Ata que un día
sairei por fin, sábelo,
e nas túas mans porei
canto me esperas e me deches.

            Valentín Arteaga



ADVENTO, TEMPO DE ACCIÓN DE GRAZAS
Iniciados na Eucaristía
SIGNO: Colocamos no taboleiro ou prendemos a terceira candea, que terá o nome do sacramento da Eucaristía ou algún signo alusivo ao mesmo.


PÓRTICO
O terceiro sacramento da iniciación é a Eucaristía. Cara el han levarnos tanto o bautismo como a confirmación, e con el pechamos a triloxía que nos invita a estar no medio do mundo cunha actitude activa de fidelidade, compromiso e seguimento daquel en quen cremos, daquel a quen rezamos –pedindo, pero tamén agradecendo- e desde o que traballamos para que o mundo sexa casa común de encontro, diálogo e presenza de Deus. E que mellor que no comezo da celebración sexamos invitados non só a participar da Eucaristía estando fisicamente, senón a vivila con espírito de comuñón fraterna cos irmáns, de diálogo sincero desde a relación con Deus e en permanente acción de grazas por todo canto imos atopando no camiño da vida, e que vai facendo de nós man solidaria, corazón quente e pés sempre dispostos a poñerse en camiño para servir a quen se sinta necesitado do noso tempo e atención; pois é nestas persoas nas que sabemos apreciar e descubrir a presenza de Deus. Na “fonte e cume” de todo o proceso de vida e de fe que é a Eucaristía, celebremos o encontro con Deus e cos irmáns de xeito gozoso, fraterno e agradecido. Que a candea que agora colocaremos no taboleiro (prendemos) non só non nos faga esquecer, senón que reafirme que esa luz é luz para o camiño que persoal e comunitariamente todos debemos facer como resposta á confianza que en nós puxo Aquel que “pasou polo mundo facendo o ben”.
O PERDÓN
  • Señor, agoniados polos nosos quefaceres de cada día, esquecémonos moitas veces de dar grazas por todo o que vas poñendo na nosa vida, SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.
  • Cristo, cómo nos custa asumir e entender que as cruces que van aparecendo no noso camiño non rematan no fracaso, senón que nos abren á esperanza, CRISTO, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.
  • Señor, qué fácil nos resulta preparar o noso camiños esquecéndonos dos teus, SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.

REMUÍÑO
  • Isaías na primeira lectura fai un canto de esperanza para que o pobo, nun momento de especial dificultade, non esmoreza, non se veña abaixo, non desespere. A confianza en Deus é sempre para o profeta o alento no camiño no que vai atopando dificultades, e non poucas. Fronte á dureza da vida, el vai apoiándose no Deus que non só quere gardar para si, senón que se fai presente en cantos vai atopando no camiño frustrados ou se ven desacougados: os que sofren, os que teñen o corazón desgarrado –e quen non en máis dunha ocasión!- os que senten presos da enfermidade,a dor, a tristura, aos que non se lles respecta a súa dignidade... Para todos eles vén o Señor. E vén porque nos abre á forza para non deixarnos ir sen rumbo, para non permitir que a rutina nos converta en indiferentes e despreocupados, para que nunca poidamos dicir: deixo a fe porque non me achega nada, ao contrario só adormece e xustifica o que me pasa. Contra disto, dinos Isaías que a fe é gromo de novidade, ilusión, esperanza, forza e proxecto de presente e futuro para que a vida de cada un de nós sexa un río que sempre reborda, e non un regato que seca. Para que sexa así, podemos dicir tamén nós: o Espírito do Señor está sobre nós!.
·         Porque non podemos esquecer que o proxecto de Deus chámanos a vivir a salvación non como algo abstracto; nin tampouco desde o “boísimo” hipócrita ou desde o medo. Non. A salvación hai que vivila desde a confianza de quen se deixa levar pola man agarimosa e sempre acolledora daquel que se nos ofrece como guieiro da nosa vida, para curar os “corazóns escachados”. Nós ben sabemos que ao noso redor son moitos os “corazóns rotos e sen esperanza”: a dureza e as dificultades da vida vanse concretando en situacións de soidade, perda de traballo, violencia, explotación, falta de respecto aos dereitos fundamentais da persoa... Pois nestas situacións, Deus, solidario con estas persoas, maniféstase de moitos xeitos e maneiras. Unha delas é a través da nosa mediación. El non nos deixa sós, e o texto de Isaías lémbranolo. No Servo están presentes tantas persoas que non poden facer o camiño da vida desde a dignidade que posúen. Por iso correspóndenos a nós saber poñer nestas vidas rotas afecto, sinceridade, consolo... proximidade... como sinais da manifestación da salvación de Deus.
  • A Eucaristía quere ser ese momento de agradecemento persoal e compartido dunha comunidade que ao longo da semana camiña, non sen dificultades, pero tamén con ledicias, facendo familia, parroquia e sociedade guiada pola forza da fe vivida e celebrada sen medo nin complexos. O noso encontro do domingo, no que estamos pequenos e grandes, maiores e novos, sen diferenzas nin distincións, querendo mostrarnos como comunidade, é unha chamada, tamén invitación para que a Eucaristía sexa verdadeira acción de grazas por non estar sós, por descubrir por que dicimos que a fe é gromo de esperanza e forza desde a que facer fronte a canto na vida se nos vai manifestando. Este tempo de Advento, que pouco a pouco imos decorrendo, quere hoxe facernos conscientes de que só preparando o camiño poderemos escoitar a súa Palabra. A Palabra que, no deserto no que tantas veces vivimos, dinos que a fe é oasis comunitario de encontro e fraternidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
A Eucaristía é acción de grazas, encontro comunitario e diálogo confiado con Deus. Invitados a participar dela, dicimos agora xuntos:
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
ð      En momentos de dificultade, dureza e desencanto no que moitas persoas viven hoxe, que saibamos ser verdadeira comunidade que acolle, escoita, comparte a acompaña, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
ð      Nas nosas parroquias coñecemos persoas que están a vivir momentos de especial dificultade, tristura, desesperanza e coa sensación de que todo se lle pecha e non atopan luz no seu camiño. Para que saibamos estar atentos para que a exclusión e o anonimato non prendan nas súas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
ð     Por todos nós, que hoxe compartimos, unha vez máis, a mesa solidaria da Eucaristía. Para que comprendamos que esta mesa significa comuñón fronte a exclusión, integración fronte a marxinación; participación fronte a insolidariedade, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS

        Que a nosa oración saiba ser sempre agradecida por todo canto vas pondo ao noso redor. Por P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor da Vida:
invítasnos a ser persoas solidarias
para cambiar o mundo,
para que naza o Reino.
Abre as nosas mans e os nosos corazóns
para aprender a compartir o que somos e o que temos;
para vivir a festa diaria da solidariedade,
que é o amor polos demais feito acción e compromiso.
Ensínanos a ofrecer o que temos,
a compartilo coas outras persoas,
a dalo con xenerosidade.
Ensínanos a compartir os nosos bens, a vivir co preciso,
a ser persoas xenerosas e desprendidas.
Ensínanos a dar o noso tempo, a ofrecer a nosa colaboración,
a compartir os nosos dons;
porque cando un dá o que ten,
a solidariedade fai o resto,
e chega para a vida de todas as persoas.
Ensínanos a ser persoas solidarias.
Ensínanos a compartir desde a gratuidade.
Ensínanos a ledicia de dar,
para construír o Reino,
para vivir o amor,
para cambiar o mundo e achegalo máis a Deus.


CANTOS
Entrada: Vinde axiña
Lecturas: Volve Señor
Ofertorio: Grazas, Señor, graciñas
Comuñón: Pan do ceo

POWER POINTS




Comentarios

Publicacións populares