LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 34 Tpo.Ordinario (20/11/11)

SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI  DO UNIVERSO  - CICLO A


Primeira Lectura     Ez 34, 11-12. 15-17
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella

            Así fala o Señor:
            ‑ Velaí, eu en persoa virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
            O mesmo que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
            Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
‑é o meu Señor, quen fala ‑.
            Buscarei a ovella perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei a feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
            Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.
            Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor:
            ‑ Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,
            entre carneiros e castróns.

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6

R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.

El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     1 Cor 15, 20-26. 28
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en todo

            Irmáns:
            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.
            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.
            E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.


Evanxeo     Mt 25, 31-46
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos outros

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.
            Entón dirá o Rei aos da súa dereita:
            ‑ Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun foras­teiro, e acolléstesme; estiven en coiros, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.
            Entón preguntaranlle os xustos:
            ‑ Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiros e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
            O Rei contestaralles:
            ‑ Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.
            E diralles logo aos da súa esquerda:
            ‑ Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, prepa­rado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.
            Entón tamén eles lle preguntarán:
            ‑ Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?
            El responderalles:
            ‑ Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
            Estes irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Loámoste, Cristo



POBRES DE DEUS

Pobres tan pobres!: son pobriños,
almas sen lares, aves sen niños ....

Como farrapos, cousas sombrías,
trapos levados nas ventanías ....

Fillos de Cristo, fillos de Adán,
buscan no mundo codias de pan!

Polos alpendres, polos currais,
dormen deitados como animais.

Choran cantando, penan rezando,
ai!, só a morte sabe ata cando!

Mas no outro mundo Deus lles prepara
leito o mais albo, cea a mais rara ....

E embalsamados, transfigurados,
túnicas brancas, como en noivados,
vivirán sempre na eterna luz,
pobres benditos. Amén, Xesús!

Guerra Xunqueiro (1850-1923)


INDA QUE ABANEEN OS CIMENTOS, NON NOS DERRUBAMOS: EL MIRA POR NÓS
“Á luz das palabras de Cristo, o sur pobre xulgará o opulento norte.
E os pobos pobres – pobres de xeitos distintos, non só faltos de alimento,
senón tamén privados de liberdade e doutros dereitos humanos-,
xulgarán os que lles arrebatan eses bens, acumulando para eles
o monopolio imperialista do predominio económico e político a expensas doutros”.
(Beato Xoán Paulo II
Homilía en Namao, Canadá, 17/9/1984)
Pórtico
                Chegamos ao final do ano litúrxico e non queda outra máis que revisar se o noso zurrón está cargado de froitos de boas obras ou se segue baleiro e en ermo. Os tempos litúrxicos, as festas que ao longo deste ano fomos celebrando, quixeron ser unha achega para dar sentido, fondura e coherencia á nosa vida; para desenclaustrala e poñela a render coma os talentos. E no remate o mellor de tódolos ramos: a festa de Cristo Rei. O Cristo do reinado de paz e xustiza, de vida e verdade, de solidariedade e igualdade. O Cristo que se nos manifesta nas persoas que teñen fame, sede, están núas, no cárcere... e nos chama sempre a recoñecelo aí. Que a celebración que comezamos sexa pulo de revisión e arela de renovación dunha fe que ten os seus cimentos naquel que non nos deixa sós.

Perdón
        Por borrar as nosas pisadas para impedir que ti poidas seguilas e así mirar por nós, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
        Por ir deixando que esmoreza e se contamine a fe que esperanza, renova e comparte, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
        Por non esforzarnos en distinguir cal é o lado bo da vida: Aquel onde estás ti en quen ten fame, sede ou está enfermo, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
Remuíño
        O recurso literario da alegoría é moi habitual nos diferentes textos da S.E., pero especialmente nos textos dos profetas. Hoxe, unha vez máis, a linguaxe quere facérsenos comprensible con esta imaxe do pastor preocupado e sempre centrado en atender e vivir para o coidado do seu rabaño. Un coidado que non é por horas nin por contrato, senón na totalidade, a tempo completo. A tempo e a destempo. Isto dános unha imaxe moi nítida do que queremos expresar e manifestar canto dicimos da palabra Deus. Non é algo abstracto e ao que recorremos cando nos vemos apertados; tampouco é o tendeiro que nos vai dispensando mercancía segundo necesitemos e previo pago pola nosa parte da taxa establecida; e menos aínda o mago que soluciona, porque quere e pode, canto lle pedimos. Non, esta non é a imaxe de Deus sobre a que nós asentamos a vida e en cuxa man poñemos esforzos e tarefas. E non o é porque como acabamos de escoitar na primeira lectura, a cuestión é ao revés. Non é que El non queira estar ao noso lado, senón que somos nós os que imos pondo trabas e dificultades para que El poida acompañarnos. Como entender senón cando di: “eu en persoa virei seguirlles as pisadas”, ou “vounas salvar, sacándoas de todos os sitios por onde se espallaron un día de nubes e escuridade”. El, que se ocupa e preocupa de nós, sempre está en disposición de respectar a nosa liberdade e non decidir por nós (aínda que sabe que moitas das nosas decisións son equivocadas e non nos producen felicidade), facendo realidade a afirmación de que somos libres e con capacidade de decidir. E así, aínda que non lle guste o que eliximos, respecta a nosa liberdade, porque para El non somos monicreques aos que se manipula e cos que se xoga, senón persoas libres e con capacidade de tomar decisións. Pero respectar a nosa liberdade non supón deixarnos ao pairo, senón que El sempre está ao dispor de saír ao noso encontro e invitarnos a volver cando nos temos afastado; a curarnos cando nos temos magoado e a alimentarnos coa fondura da súa palabra cando temos enfraquecido pola nosa teimosía de querer prescindir de Deus na nosa vida.

        Sendo El todo en todos, é dicir, sen poder prescindir da súa presenza en nós, vai ofrecéndonos continuamente raiolas de luz e esperanza en todo momento. Non só cando as cousas van mal e necesitamos ser rescatados; senón sempre e en todo momento. O camiño que a resurrección, pilastra e cimento da fe, nos abre quere ser sempre luz e espazo de encontro, no que a morte non é máis ca paso. Paso duro e moitas veces difícil de comprender, pero nunca final de camiño. Tras dela segue a haber moitos máis pasos que nos van indicando o enderezo que nos leva a repousar en Deus. No a tempo e destempo da vida de cada un, ningún de nós escapa da morte, pero tampouco se queda nela; paso necesario, si, pero nunca final de camiño, que segue a estar en Deus e que é sempre resurrección e máis vida.

        De aí que cando teñamos fame, sede, esteamos nus, necesitemos ser acollidos ou visitados por estar enfermos, sempre atoparemos a súa presenza a través da man, solidaria e desinteresada, de tantas persoas boas coas que imos atopando no noso camiño. Persoas que non teñen cargos importantes, non se poñen nas tribunas públicas, non mandan, tampouco teñen pasado pola universidade, e ás veces nin pola escola, pero nas que si hai un corazón grande que, incapaz de coller dentro delas, vaise expandindo no servizo, a solidariedade e a entrega xenerosa aos irmáns. Persoas que, sen sabelo, van facendo realidade e vida canto Xesús nos di no Evanxeo de hoxe: “vinde, benditos do meu Pai, porque tiven fame e déstesme de comer, sede e déstesme de beber... cando, Señor?: cando llo fixestes a un destes irmáns”.


Oración da comunidade
Poñemos agora diante de Deus e da comunidade a nosa oración, que quere ser acción de grazas e alento no noso camiñar cotián. Por iso dicimos xuntos:
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
        Para que cantos serven dentro da Igrexa teñan sempre como texto de cabeceira o Evanxeo de hoxe e non convertan o seu servizo en imposición, dominio e exclusión de quen pensa diferente, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
        Nun día no que estamos chamados a exercer o noso dereito de voto, pedimos para que o fagamos dun xeito responsable, maduro e coherente, sentíndonos cidadáns activos, comprometidos no mundo e co mundo, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
        Polos nosos gobernantes, para que nunca busquen apacentarse, senón servir fielmente aos cidadáns que confiaron neles, buscando o ben común, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
        Para que entre nós, homes e mulleres que nos chamamos cristiáns e cristiás, non esquezamos nunca que o mellor alimento para a nosa vida é o Evanxeo, e non costumes e tradicións que se esquecen dos irmáns e nos afastan da preocupación de tender a nosa man a quen a necesite, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
        Para que nunca lle pechemos a vida á presenza de Deus en nós, sabendo descubrilo ao noso carón, non para manipularnos, senón para aledarse co que nos aleda e sufrir con canto nos produce dor, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO
Grazas, Señor, por abrir os nosos ollos e os nosos corazóns para que poidamos ser construtores do teu Reino desde a realidade cotiá da nosa vida, facendo do presente tempo de salvación. PXNS.
Reflexión
Fuches posto na terra cun propósito: servir a Deus e aos demais. Sempre que serves a outros de calquera maneira, verdadeiramente estás servindo a Deus e cumprindo unha das súas invitacións. Non estamos na terra só para respirar, comer, ocupar un espazo e divertirnos. Deus formounos individualmente para construír solidariedade e comuñón coas nosas vidas.
Xesús abriunos o camiño, un camiño que nos enriquece porque nos pon sempre ao dispor dos demais. Non nos salvamos porque haxa boas obras, senón por facer esas boas obras. No reino de Deus tes un sitio. De ti depende poder ou non ocupalo. Non deixes que pase por diante túa!, cólleo!. Dálle á túa vida a razón pola que vivir: se Deus te ama, vai e fai o mesmo: ama ti tamén. E estórzate por ser os seus ollos, a súa man, o seu corazón cada día. Esa é a túa misión no mundo!
CANTOS
        ENTRADA: O amor é o meirande
        LECTURAS: Veña o teu Reino
        OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
        COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

Comentarios

Publicacións populares