LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 32 Tpo.Ordinario (06/11/11)
DOMINGO XXXII ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Sab 6, 12-16
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Encontran a sabedoría aqueles que a buscan
Raiante e perenne é a sabedoría
e enxérgana sen dificultade os que a aman;
déixase atopar dos que a procuran.
Adiántase a se dar a coñecer polos que a arelan.
Quen madrugue por ela non ha de cansar:
atoparaa chantada a carón da súa porta.
O matinar nela é xa o cumio da prudencia,
quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións,
pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan dignos,
aparéceselles benigna nos vieiros,
sáelles ao encontro en calquera proxecto.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 62, 2. 3-4. 5-6. 7-8
R/. (2b): De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.
Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.
Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.
Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.
No leito lémbrome de ti,
nas vixilias da noite penso en ti.
Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
Segunda Lectura 1 Tes 4, 13-18 (longa)
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos TESALONICENSES
Deus levará consigo, por medio de Cristo, os que morreron
Irmáns:
Non queremos que esteades mal informados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza.
Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron.
Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ao son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ao encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 24, 42a. 44
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vixiade e estade preparados,
porque á hora que non pensades
virá o Fillo do home.
Aleluia.
Evanxeo Mt 25, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Velaquí o noivo. Saíde recibilo
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
‑ O Reino dos Ceos parecerase a dez virxes que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. Delas, cinco eran atoladas e cinco asisadas.
As atoladas colleron os candís, pero non levaron aceite consigo; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas.
Como o noivo tardaba, pegoulles o sono a todas e quedaron durmidas.
A media noite oíuse berrar: "Velaquí o noivo. Saíde recibilo".
Erguéronse de seguida todas aquelas virxes e axeitaron os seus candís.
Entón as atoladas dixeron ás asisadas: "Dádenos do voso aceite, que os nosos candís esmorecen".
Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para nós e para vós; mellor será que vaiades onda quen o vende e llo merquedes para vós".
No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta.
Máis tarde chegaron tamén as outras virxes chamando: "Señor, Señor, ábrenos".
Pero el respondeulles: "Dígovolo de verdade: Non vos coñezo".
Daquela, vixiade, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
MÁNDASNOS VIXIAR, PAI FIEL
Mándasnos vixiar, Pai fiel,
estar diario cos ollos e co corazón abertos,
porque a vida está preñada de sorpresas.
Queres que teñamos os candís acesos,
a roupa posta e o pé disposto
para cando pases pola vida e á vida nos invites.
Non che gusta a xente adurmiñada,
que non é capaz de ver e distinguir,
nin de xulgar, nin de apreciar, nin de gozar.
Mándasnos vixiar, Pai fiel,
nas cousiñas liviás de cada xornada,
ante cada persoa que cruza a nosa porta:
posiblemente alí estas ti, vestido de diario,
vestido de carne e terra, de gozo ou de promesa.
Gústache ver os teus fillos
atentos, moi atentos, cando se trata de refacer a terra,
de refacer os pobos, as parroquias,
de virar a sorte, para ben, dos máis pequenos.
Mándasnos vixiar, Pai fiel,
ata que un día ti, enteiro,
sen escuridades nin mornezas,
sexas para nós a gran sorpresa,
remate e coroa de todas as sorpresas da vida.
Seremos quen de manter a lámpada acesa?
SABIOS?. SI; PERO SEMPRE EN HUMANIDADE
Pórtico
Nos tempos de crise, e cando todos falan de cartos, números e estatísticas, as lecturas de hoxe volven lembrarnos que a verdadeira sabedoría non está no ter, senón no ser: ser persoa, ser crente, ser cidadán, ser solidario... ser home ou muller de esperanza. E que lonxe estamos desta chamada!; e que pouco entendemos a palabra que constantemente se nos dirixe!...Nós seguimos insistindo no posuír, no dominar, no obter e executar o dominio sobre os demais, cando a cousa é moito máis sinxela, inda que non acabamos de prestarlle atención: é buscar canto nos fai máis humanos, sensibles, responsables e prudentes. Non son os títulos, senón a fondura de humanidade, o que nos descubre sabios. Prestemos atención a esta chamada.
Perdón
● Por deixar que a nosa sabedoría creza na busca de prestixio e poder, e non no servizo, SEÑOR, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.
● Por andar a enredar en sedes que só falan de poder, dominio e imposición, CRISTO, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.
● Por permitir que a mala información constrúa en nós imaxes de Deus afastadas da fe e contrarias ao amor, SEÑOR, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.
● Raiante e perenne. Son estas dúas palabras que serven ao autor da primeira lectura para cualificar a sabedoría... E é verdade. Coma unha raiola de claridade que cada día asoma na nosa vida podemos considerar á sabedoría. Desde ela descubrimos o mundo, crecemos na responsabilidade, maduramos en prudencia, abrímonos á solidariedade... socializamos cuns e outros e máis co mundo. Por iso é raiola que nos saca da tebra e da negrura na que ás veces caen os nosos pensamentos ou viven as nosas experiencias. E é unha raiola, inda que a nós non nolo pareza, que nunca esmorece, non morre, non desaparece, senón que aniña en nós e vainos acompañando ao longo da vida, inda que moitas veces nos custe recoñecela. Non se esconde, pero os nosos ollos moitas veces están pechados para descubrila, por iso sae ao noso encontro para que nos atopemos con ela, e vainos dando un sentido da vida que impide que perdamos o rumbo, ou que equivoquemos a trazada. A sabedoría, e nós sabemos que tras dela se esconde o Deus sobre o que desenvolvemos a vida, é o mellor garante de que nada está perdido e sempre hai novos horizontes nos que orientar o noso horizonte persoal e colectivo.
● Desta sabedoría ten sede a nosa alma, como nos di o Salmo. Unha sede que non se apaga con auga, senón con canto nos vai facendo mostrar, e tamén descubrir, a presenza de Deus na nosa vida. Unha presenza que moitas veces nos negamos a ver porque nos esixe renunciar ao que nos é máis cómodo, ao que nos custa esforzo, ou ao que nos pide cambiar de esquemas de pasado para comezar a ver con esquemas de presente, de hoxe. Porque é no hoxe que está a pasar, e non no onte que xa pasou, onde temos que buscar e descubrir a presenza de Deus. E do mesmo xeito que Paulo lles dicía aos tesalonicenses que non quería que estivesen mal informados, pois é caldo de cultivo para o engano, tamén nolo segue a dicir a nós no aquí e agora de cada un e de cada unha dos nosos días. Como cristiáns temos que esforzarnos por formarnos, crecer coñecendo, aprender a razoar e discorrer buscando fundamentos e deixando atrás costumes, tradicións ou ditos que antes ou despois acaban levando á superstición. O cristián non pode ser supersticioso nin poñer a súa confianza na maxia. Iso só serve para que uns cantos aproveitados abusen da boa fe e máis da ignorancia de quen non fixo o esforzo por formarse. Deixemos atrás os medos e construamos a vida de fe no coñecemento, a reflexión e a razón. Nela e desde ela somos invitados a levar a cadaquén o diálogo no mundo e co mundo.
● Formarnos e esforzarnos para que esta formación sexa integral –abarque toda a vida, e non se quede só en rezos, sen raíz no que estamos a vivir- evitará que caiamos na imprudencia das virxes atoladas; ás que as présas as levaron a non prepararse como conviña para cando chegara o noivo. Tamén a nós a chegada do noivo pode atoparnos sen preparar, confundidos ou enredados en cousas que distraen, pero non axudan a vivir o evanxeo de Xesús no mundo de hoxe. A présa e a falta de madurez das virxes atoladas pechoulles as portas. Tamén pode ocorrer que nós, demasiado ocupados dentro dos templos, non esteamos preparados cando chegue o noivo –o Señor– e facéndose presente na vida de quen está parado, no alento para con quen está enfermo, na compaña a carón de quen está so ou na palabra de quen defende a quen é explotado ou tratado inxustamente ao negarlle ou recortarlle dereitos... non nos atope onde tan necesarios somos para quen está a pasar por esta situación, e acabe dicíndonos: non vos coñezo. Inda que lle presentemos ringleiras e ringleiras de rosarios rezados, novenas e horas de sagrario. A prudencia das virxes sensatas levounas a non separar o rezar do vivir, por iso cando El chegou estaban preparadas. E nós, como estaremos?.
Oración da comunidade
Agasallemos a Deus coa nosa oración comunitaria, e digamos xuntos:
QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE
● Que a túa sabedoría, Señor, alente sempre canto rezamos e vivimos, para facer do noso testemuño crente unha expresión de entrega e doazón a quen necesita da nosa man para crecer no difícil e duro camiño da vida, Oremos.
QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE
● Que a túa confianza creza en nós para que a esperanza aniñe sempre nos nosos proxectos e nas nosas ilusións, esforzándonos por non deixarnos derrotar polas dificultades, Oremos
QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE
● Que saibamos estar sempre vixiantes, para evitar que o desleixo, a falta de solidariedade, o individualismo e máis o engano agromen na nosa vida de fe, laboral, familiar ou formativa, Oremos.
QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE
Señor, que esteamos sempre preparados para ser sabios en humanidade, sen deixarnos vencer nin pola preguiza nin o desánimo. P.X.N.S.Amén.
Reflexión
Cando vexas escuro o teu camiño
e non teñas apoio ao teu redor;
cando sintas incerto o teu destino,
espera no Señor.
Cando sopran con forza os trebóns
e brúe contra ti a tempestade,
e te rodeen espesos nubeiros,
espera na súa bondade.
O universo enteiro está na súa man,
todo obedece á súa potente voz;
El, de ceos e terra é soberano.
Espera no Señor.
(Confianza. Manuel Araújo )
● ENTRADA: Amigos nas penas
● LECTURAS: Sede o sal
● OFERTORIO: Pan do ceo
● COMUÑÓN: Acharte presente
Comentarios
Publicar un comentario