Grazas


Grazas, Señor, polas cousas miúdas de cada día,
   nas que poñemos o noso corazón.
Grazas por quen nos abre a porta e nos di unha palabra
   e nos fai rir un pouco, aínda que non nos dea nada.
Grazas por quen nos colle no coche ou nos paga un café
   e conversa con nós, facendo que nos sintamos ben.
Grazas polas raioliñas de sol que no outono tanto nos apetecen
   e tamén pola chuvia miúda que enverdece os nosos campos.
Grazas polas cores do campo, das follas
   grazas polas árbores e o gando.
Grazas por quen nos fai a diario a comida e lava a roupa
   para vivirmos limpos e ben mantidos, e con ganas de troula
Grazas por quen nos atura cada día e por quen nos perdoa
  e segue sen canseira ao noso lado.
Grazas por termos veciños, bos de todo ou algo regulares,
   que nos fan irmáns e pobo, que nos fan comunidade.
Grazas polo humilde Panciño santo das nosas celebracións,
   que sabe a gloria tamén, e que nos trae as túas caricias.

M. Regal “Xesús, un home de aldea”

Comentarios

Publicacións populares