LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 33 Tpo.Ordinario (13/11/11)

DOMINGO XXXIII ORDINARIO - CICLO A


Primeira Lectura     Prov 31, 10-13. 19-20. 30-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Traballa gustosa coas súas mans

            Unha muller xeitosa quen a atopará?:
o seu valer supera o das perlas.
            O seu marido pon nela a confianza
e non lle han faltar ganancias;
procúralle felicidade, e non desgraza,
todos os días da súa vida.
            Consegue la e liño,
e traballa gustosa coas súas mans;
            Bota as mans á roca
e os seus dedos manexan o fuso.
            Tende a palma ao indixente
e achega as súas mans ao mendigo.
            A graza engana e a fermosura esvaece:
só a muller que teme o Señor merece ser loada.
            Que falen por ela as obras das súas mans,
e os seus feitos lle dean honra na praza!

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 127, 1-2. 3. 4-5

R/. (cf. 1a): Ditosos todos os que temen o Señor.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


Segunda Lectura     1 Tes 5, 1-6
LECTURA DA 1º CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Que o día do Señor non vos sorprenda coma un ladrón

            Irmáns:
            Tocante ao tempo preciso, irmáns, tampouco precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite.
            Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar.
            Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
            Polo tanto, non adormezamos coma os outros; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control.
           
                        Palabra do Señor                                          
                        R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 15, 4a- 5b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;
quen permanece en min da froito abondoso.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 25, 14-30 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xa que fuches fiel no pouco, pasa a gozar da festa do teu amo

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábo­la:
            - Un home que ía saír de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou.
            De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco; do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un, foi cavar un burato na terra e escondeu o diñeiro do seu amo.
            Ó cabo de moito tempo chegou o amo daqueles criados, pedín­dolles contas.
            Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
            Achegouse o que recibira dous talentos, e dixo: "Señor, dous talentos me entregaches; velaquí outros dous que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
            Achegouse tamén o que recibira un talento, e dixo: "Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementa­ches e recolles onde non botaches. Como collín medo, fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu".
            Pero o seu amo respondeulle: "Criado ruín e lacazán! Con que sabías que sego onde non sementei e recollo onde non botei? Pois deberías ter o meu diñeiro posto no banco, de modo que, ao volver eu, puidese recoller o que é meu, cos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez: Porque ao que ten, háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escurida­de; alí haberá pranto e renxer de dentes".

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Loámoste, Cristo


Ou:  14-15. 19-21 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábo­la:
            - Un home que ía saír de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou.
            Ó cabo de moito tempo chegou o amo daqueles criados, pedín­dolles contas.
            Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Loámoste, Cristo


GRAZAS POLOS TEUS DONS

Douche grazas, Pai,
porque es un Pai abundante
que estendes os teus bens por toda a terra.

Sementas sempre semente abondosa
antes de faceres a seitura;
espalla primeiro con graza e con regalo
o froito que logo pensas recoller.

E así van aparecendo homes e mulleres ...
Que gusto dá velos na súa abundancia e variedade!
Cada un coa súa graza e estilo
no ser, no sentir, no falar, no vivir, e ata no andar.
Cada un coas súas capacidades de vida e de servizo.

Douche grazas, Pai, e dóullelas tamén
aos que no teu canto sabéndoo ou sen o saber,
lle transmiten ou lle descobren calidades á xente;
e lles axudan a seren eles mesmos
segundo a riqueza do seu ser;
e lles permiten achegar á comunidade
todo o que eles saben e queren e poden.

Grazas polas veces que non somos covardes,
nin gardamos a nosa achega no peto,
nin ternos medo a perder a paz no balbordo da vida
nin a lixarnos nas loitas coa comunidade.

Grazas por min mesmo, Pai,
a quen ti queres propio e diferente,
libre e comunitario,
alegre cos teus bens en min
e pleno e satisfeito no servizo co meu á comunidade.


O TRABALLO: ESE BEN TAN ESCASO E QUE TANTA FALTA NOS FAI

PÓRTICO
         Nestes momentos de crise, todos apreciamos a importancia que o traballo ten na vida de cada un e cada unha de nós. Agora xa non facemos riso daquel dito que preguntaba cando sería domingo para poder ir á misa; é dicir, cando será o día de descanso. E non se fai riso porque cada día, tristemente, son máis os que perden ou ven o seu posto de traballo ameazado, á vez que non perciben posibilidades ou perspectivas de que esta situación poida cambiar. Fronte desta dificultade, a situación tamén pode ser un momento para que nos paremos e pensemos se de verdade temos feito canto estaba na nosa man para que o traballo que realizamos sexa desenvolvido responsablemente, se nos temos formado para coñecer e saber facelo mellor.
         É este o momento para que tamén tomemos en conta que o traballo non é só unha experiencia para gañar cartos, senón que é unha experiencia de crecemento e madureza persoal, de sentido comunitario e contribución á sociedade, de posibilidade de relación e coñecemento de outras persoas... e un momento de crecemento espiritual e experiencia de presenza de Deus. Sendo tan rica e importante a experiencia do traballo, poucas foron as veces nas que o temos vivido así. Que a celebración de hoxe nos faga reflexionar sobre a importancia do traballo e a súa necesidade para que crezamos, maduremos e nos formemos de xeito integral, e non pensando só en cartos.
O PERDÓN
        Por ser incapaces de descubrir que o traballo non só é un medio para obter cartos, senón unha experiencia de desenvolvemento persoal e comunitario, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.
        Por non saber valorar que o aforro, o esforzo e o sacrificio de hoxe son pan para mañá,      CRISTO, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.
        Por non acabar de descubrir que o traballo non só ten unha dimensión persoal, senón que é tamén contribución ao desenvolvemento social e comunitario, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.
REMUÍÑO
            Durante moitos anos, falar de traballo era referirse a traballo manual, artesán, con poucos medios técnicos e moito esforzo físico. Mesmo hoxe, a moitas persoas cústalles entender que a realidade do traballo é moito máis ampla, e vai máis alá do traballo manual. A evolución da sociedade, a capacidade de poñer ao servizo de todos novos descubrimentos fixeron que pouco a pouco o traballo manual se vise axudado para un menor desgaste físico e como consecuencia, para unha mellor saúde. Lonxe queda, en xeral e en occidente, a situación que viviu o proletariado durante o século XIX. Pero se ben isto é verdade, tamén o é afirmar que con todo este cambio no mundo laboral, a incorporación da máquina para substituír ou facer máis doado o traballo da persoa, dou lugar tamén a novos problemas, e non poucas dificultades.
            A crise que estamos a vivir non é máis que un pequeno exemplo desta situación. Problemas e dificultades que deron lugar a supresión de postos de traballo –moitos deles xa eran cubertos polas máquinas– e tamén á pouca estima que durante bastante tempo, debido a que a bonanza económica o permitía, moitas persoas, especialmente xente nova, non dedicou tempo nin valorou a importancia da formación; mesmo aqueles traballadores que levaban anos nun mesmo posto de traballo, non tiveron en conta a necesidade da formación permanente e a reciclaxe. De todo aquilo, neste momento de crise estamos a ver  as súas consecuencias, xa que a falta de preparación fai que non se puidera responder á solicitude de postos de traballo con formación especializada, o que ten levado a moitas persoas, especialmente xente nova que se fora ao mundo laboral na busca dun diñeiro abondoso e a postos con pouca cualificación –a triste experiencia do ladrillo– a engrosar as listas do paro.
            E que ten que ver isto coa palabra de Deus que acabamos de ler hoxe?, poderá preguntarse alguén. Se temos escoitado con atención o que aquí se proclamou como Palabra de Deus, non fará falta dar moitas explicación para descubrir a importancia do traballo como unha realidade non só para obter medios/bens económicos –cartos– senón como unha profunda experiencia antropolóxica que lle vai dando sentido a vida e nos fai co-partícipes do desenvolvemento e crecemento da sociedade. Cómo non vai estar isto en relación co que Deus nos di na súa palabra? Canto nos pasa, canto nos ocupa e preocupa, ten repercusión na nosa experiencia e vida de fe.
            O “ide e anunciade” concrétase tamén hoxe nesta palabra proclamada, porque a fe non é algo que quede pechado dentro das igrexas, senón que temos que vivila en todos e cada un dos momentos, situacións e realidades da nosa vida. O compoñente social da mesma vai facendo que canto nós aportemos co noso traballo a unha maior e mellor humanización da sociedade sexa á súa vez a nosa resposta a poñer a render os talentos que Deus puxo en cada un de nós para que foran dando o seu froito. Non todos somos iguais en capacidade, formación... pero si todos somos complementarios e iguais na posibilidade de poñer todas esas nosas capacidades ao servizo dunha sociedade moito máis xusta, libre, plural, democrática e sempre solidaria e na que a man de Deus vai descansando sobre o esforzo que cada un/ha de nós pon en conseguilo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Preocupados pola realidade do traballo, ben cada vez máis escaso, poñemos sobre a mesa do altar a nosa oración comunitaria para que xunto co pan e co viño, sexan ofrenda que xuntos presentamos a Deus, e digámoslle:
QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS
        Para que na Igrexa teñamos sempre sensibilidade, convertida en compromiso e obras, para compartir, promover e apoiar accións que supoñan considerar o traballo como aquel valor no que hai que formarse para logo contribuír con el ao ben común, Oremos.
QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS
        Neste día da Igrexa diocesana, pedimos tamén para que sexamos sempre sensibles aos problemas e dificultades que a crise e a falta de traballo está a deixar en moitas familias da nosa diocese. Que como Igrexa saibamos dedicar recursos, tamén os que son froito do noso esforzo e da nosa contribución, para poñer en marcha accións e proxectos que supoñan axudar a quen está a pasar necesidade, para que atopen un camiño que os axude a descubrir que hai futuro e esperanza, e deixen de vivir da beneficencia, Oremos.
QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS
        Que nas nosas comunidades poñamos a render os nosos talentos, ofrecendo canto podemos e sabemos facer, para todos poidamos gozalo. E poñéndoo ao servizo uns dos outros, sexamos comunidades verdadeiramente solidarias e preocupadas en que ninguén quede excluído ou sufra as consecuencias da falta de traballo, Oremos.
QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS
        Que cada un e cada unha de nós saibamos aproveitar os talentos que Deus puxo en nós, e os poñamos a render na busca dunha mellor formación no noso traballo, na responsabilidade de facelo o mellor posible e na esixencia de afastar de nós a tentación egoísta da preguiza, para que ninguén cargue coas tarefas que nós tiñamos que facer, Oremos.
QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS
Grazas, Señor, por invitarnos a valorar a importancia do traballo na nosa vida e a descubrir que non se reduce a un simple gañar cartos polo tempo dedicado. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
ORACIÓN NAS DIFICULTADES ECONÓMICAS
Señor,
que creaches todo o universo
e dotaches a terra de riqueza suficiente
para alimentar a todas as persoas que nela habitan,
vén na nosa axuda.
Señor, que coidas dos lirios do campo e das aves do ceo,
vístelos, aliméntalos e falos prosperar,
manifesta sobre nós a túa providencia paterno/materna.
Axúdanos, Señor,
xa que a salvación só pode vir de persoas honestas e boas.
Infunde no corazón dos nosos próximos
o sentido da xustiza, da honestidade e da caridade.
Coida das nosas familias,
que confiadamente esperan de ti o pan de cada día.
Fortalece os nosos corpos.
Dálle serenidade á nosa vida
a fin de que poidamos corresponder máis facilmente
á túa graza divina,
e sentir que sobre nós,
sobre as nosas preocupacións e angustias,
a túa agarimosa vela de Pai/Nai. Amén.

CANTOS
        ENTRADA: Amigos nas penas
        LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus
        OFERTORIO: Aquí están Señor
        COMUÑÓN: Acharte presente na vida/Non vou so



Comentarios

Publicacións populares