LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Corpus Christi (26/06/11)
DOMINGO DESPOIS DA FESTA DA STMA. TRINDADE
SOLEMNIDADE DO SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO CICLO A
Primeira Lectura Dt 8, 2-3. 14b-16a
Deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
‑ Has de te lembrar do camiño que o Señor, o teu Deus, te fixo percorrer polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e sabes o que había nas túas intencións, se ti querías gardar os seus mandamentos ou non. El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais, para che mostrar que o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor.
Acordaraste do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude e foi o teu guía por un deserto grande e terrible, entre serpentes de mordedura queimante e escorpións, a través dunha terra reseca, sen gota de auga; e que fixo saír para ti auga da máis dura das pedras e che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20
R/. (12a): Glorifica ao Señor, Xerusalén.
Ou: Aleluia.
Glorifica o Señor, Xerusalén,
loa, Sión, o teu Deus,
que reforza os ferrollos das túas portas,
e bendí os teus fillos no teu seo.
El establece paz nos teus confíns,
é el quen te farta con flor de trigo.
El mándalle á terra a súa mensaxe,
e a súa palabra corre lixeira.
Anuncia a súa palabra a Xacob,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fixo así cos outros pobos,
non lles manifestou os seus mandatos.
Aleluia.
Segunda Lectura 1 Cor 10, 16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Moitos formamos un único pan, un só corpo
Irmáns:
A copa da bendición que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non é unha comuñón co corpo de Cristo?
E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SECUENCIA, AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem
Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.
Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.
A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.
Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.
Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.
Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.
Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.
O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.
Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.
Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.
Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.
A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.
Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.
Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.
Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.
Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.
Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.
Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.
Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.
Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.
En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
Ou, máis breve: Ecce panis
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.
En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
ALELUIA Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que baixou do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Xn 6, 51-58
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida, o meu sangue é verdadeira bebida
Naquel tempo, díxolles Xesús aos xudeus:
- Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Discutían entón entre eles os xudeus:
‑ Como pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
‑ Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ENSÍNANOS A SER SOLIDARIOS
Señor da Vida:
invítasnos a ser persoas solidarias,
para cambiar o mundo,
para que naza o Reino.
Abre as nosas mans e os nosos corazóns
para aprender a compartir
o que somos e o que ternos;
para vivir a festa diaria da solidariedade,
que é o amor polos demais
feito acción e compromiso.
Ensínanos a ofrecer o que ternos,
a compartilo coas outras persoas,
a dalo con xenerosidade.
Ensínanos a dar os nosos cinco pans
e os nosos dous peixes,
a compartir os nosos bens,
a vivir co preciso,
a ser persoas xenerosas e desprendidas.
Ensínanos a dar os nosos cinco pans
e os nosos dous peixes,
a dar o noso tempo,
a ofrecer a nosa colaboración,
a compartir os nosos dons.
Cinco pans e dous peixes non son moito,
pero chegan cando se comparten:
porque cando un dá o que ten,
a solidariedade fai o resto,
e chega para a vida de todas as persoas.
Ensínanos a ser persoas solidarias.
Ensínanos a compartir desde a gratuidade.
Ensínanos a ledicia de dar,
para construír o Reino,
para vivir o amor,
para cambiar o mundo e achegalo máis a Deus.
AS COUSAS IMPORTANTES FANSE CON CORAZÓN
(CAMPAÑA CÁRITAS CORPUS 2011)
PÓRTICO
Din que hai crise económica e crise de valores. O certo é que hai crise económica porque hai crise de valores, xa que:
● se prevalecese a xustiza, ninguén tería fame
● se prevalecese a fraternidade, ninguén se sentiría so
● se prevalecese a solidariedade, ninguén quedaría fóra da mesa da creación
● se prevalecese a persoa sobre a economía, ninguén estaría no paro
● se prevalecese o amor, ninguén tería frío
● se prevalecese a fe, ninguén viviría desesperanzado
Hoxe, na festa da gratuidade total, na festa do Corpo e do Sangue do Señor, a campaña de Cáritas chámanos a non esquecer que os xestos verdadeiramente importantes saen do corazón: a entrega, o cariño, o compromiso. De certo que “as cousas importantes fanse co corazón”. Que sempre o teñamos presente.
O PERDÓN
● Acompañámoste en procesión triunfal polas nosas rúas e prazas, pero seguimos marxinando os pobres, os teus preferidos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.
● Sentamos piadosamente á túa mesa; pero non nos sentimos verdadeiramente irmáns e irmás, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.
● Alimentámonos co pan da vida; pero non nos enchemos da túa vida, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.
REMUÍÑO
CHAMAD@S A CONSTRUÍR UNHA NOVA SOCIEDADE: Escoitamos ou mesmo dicimos moitas veces que esta sociedade perdeu o espírito e só queda o desencanto (isto non ten solución, non hai nada que facer), a vivencia do efémero (goza hoxe, porque ao mellor mañá non pagan ou estás enferm@), o relativismo xeneralizado (depende, todo depende) e o consumismo insolidario (se non tes roupa de firma, luxosas vacacións e aparellos de última xeración es un ninguén). A forza de escoitar sempre o mesmo, pode ocorrer que nolo creamos, deixándonos invadir polo pesimismo. Porén, movementos coma o do 15M lémbrannos que si, que hai moita xente indignada co “sistema” (un sistema que creamos nós, por certo), e que hai que reconverter toda esa carraxe en enerxía positiva capaz de mover o mundo para reconducilo ao seu posto: o fogar onde todas as persoas teñan acubillo, no que os dereitos humanos, e non a economía, sexan o carné de identidade.
Desde a nosa óptica cristiá, non podemos ser pesimistas: Deus ama a esta sociedade, o Espírito segue alentando e hai moitas persoas que, por si mesmas, polo que fan, son para nós esperanza de que outro mundo é posible.
Porén, este mundo novo non baixará do ceo dun xeito apocalíptico. Tampouco hai que esperar unha revolución universal que lle dea volta ás estruturas de pecado. Somos nós, co noso compromiso concreto e coas nosas pequenas accións, os que temos que facer o cambio. Non nos podemos contentar con mirar, laiarnos ou criticar. Movámonos, sexamos sal e luz, lévedo e semente.
A festa de hoxe, o Corpus, quere ser para cada un e cada unha de nós forza e motor que nos axude neste proceso de cambio. É a festa da proximidade de Deus, dese Deus que nos di que para El somos importantes, que conta con nós, que confía en nós, porque:
○ o pan da Eucaristía ten todos os sabores e todos os valores
○ é pan de fortaleza, para chegar máis alto
○ é pan de xenerosidade, para que dividido e multiplicado, ninguén pase fame
○ é pan de fraternidade, para que tod@s nos sintamos irmáns e irmás
○ é pan de unidade
○ é pan de amor, para que nos fagamos pan e nos deixemos comer
DESDE A GRATUIDADE: E porque a Eucaristía é festa, forza, urxencia e compromiso, xa non podemos virar a cara para outro lado ou agochar a cabeza para evitar ver a realidade. Por iso non podemos esquecer que hoxe é o día no que Cáritas quere por diante de nós o rostro, tantos rostros de Cristo que van quedando á beira da nosa sociedade, e piden que nós sexamos para eles agarimo dese Deus que, a través nosa, sae ao seu encontro.
E todo isto facémolo desde a gratuidade, desde o corazón. Certamente, as persoas somos quen de dar gratis, e a pouco que nos fixemos, decatarémonos de que as cousas máis valiosas facémolas gratis: querer aos fillos e amigos, coidar a un familiar que se vai deteriorando e xa non nos recoñece, compartir a nosa vida.... Si. Somos capaces de dar gratis, é máis, sentímonos reconfortad@s cando o facemos. Pois hoxe é un bo día para que non esquezamos que nunca podemos comercializar a vida, o agarimo, a axudar, porque “as cousas importantes fanse con corazón”, gratis e sen esperar nada a cambio.
Poñamos en marcha esta revolución de amor na gratuidade.
ORACION DA COMUNIDADE
A Ti, Deus da paz e da xustiza, do amor e da vida, dicímosche confiad@s:
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● Por todas as persoas que teñen calquera tipo de responsabilidade, para que leven a cabo a súa tarefa con espírito de xustiza e solidariedade, OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● Pola Igrexa, para que, desde a gratuidade, saiba descubrir, alentar e acompañar a tantas persoas crucificadas hoxe en día: parad@s, maiores, inmigrantes, enferm@s, desesperanzad@s..., OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● Polas nosas comunidades, para que sexan niño de acollida no que ninguén se sinta patiño feo, OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● No ano dedicado ao voluntariado, pedimos por tantas e tantas persoas que, desde Cáritas ou calquera outra ONG, viven a súa vida no servizo aos últimos. Para que non cansen na súa tarefa e sempre atopen a nosa man aberta para axudarlles, OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● Tamén pedimos para que nas nosas parroquias se vaia asentando e medrando o grupo de Cáritas interparroquial e non teñamos medo a formarnos para poder desenvolver mellor o noso traballo de voluntarios e voluntarias, OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
● Por cada un e cada unha de nós, que compartimos unha mesma fe e un mesmo alimento, para que sempre lle poñamos corazón quente a todo aquilo que facemos, OREMOS.
DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE
Grazas, Señor, por querer ser alimento na nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Grazas, Señor, polas cousas miúdas de cada día,
nas que poñemos o noso corazón.
Grazas por quen nos abre a porta e nos di unha palabra
e nos fai rir un pouco, aínda que non nos dea nada.
Grazas por quen nos colle no coche ou nos paga un café
e conversa con nós, facendo que nos sintamos ben.
Grazas polas raioliñas de sol que no outono tanto nos apetecen
e tamén pola chuvia miúda que enverdece os nosos campos.
Grazas polas cores do campo, das follas
grazas polas árbores e o gando.
Grazas por quen nos fai a diario a comida e lava a roupa
para vivirmos limpos e ben mantidos, e con ganas de troula
Grazas por quen nos atura cada día e por quen nos perdoa
e segue sen canseira ao noso lado.
Grazas por termos veciños, bos de todo ou algo regulares,
que nos fan irmáns e pobo, que nos fan comunidade.
Grazas polo humilde Panciño santo das nosas celebracións,
que sabe a gloria tamén, e que nos trae as túas caricias.
M. Regal “Xesús, un home de aldea”
CANTOS
ñ ENTRADA: Vinde axiña
ñ LECTURAS: Xesús é Señor
ñ OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
ñ COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
Comentarios
Publicar un comentario