LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo da Santísima Trinidade (19/06/11)

SOLEMNIDADE DA SANTÍSIMA TRINDADE  - A
19 xuño 2011


Primeira Lectura     Ex 34, 4b-6. 8-9
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor, o Señor Deus, compasivo e benfeitor

     Naqueles días, Moisés ergueuse cedo e subiu ao monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra.
     O Señor baixou na nube e presentouse alí onda Moisés, que invocaba o nome do Señor. O Señor, pasando diante del, proclamou:
     ‑ O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade.

     Moisés, ao tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:
     ‑ Se acadei graza na túa presenza, Señor, pídoche que veñas ti connosco; este é sen dúbida un pobo de dura caluga, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade.

Palabra do Señor                                                     
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56

R/.  (52b):  Ti es digno de gloria e loanza por sempre.

            Bendito es Ti, Señor, Deus dos nosos pais,
            bendito o teu nome, santo e glorioso.

            Bendito es Ti no templo santo da túa gloria,
            Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

            Bendito es Ti que sondas os abismos,
            e estás sentado sobre querubíns.

            Bendito es Ti no firmamento do ceo.


Segunda Lectura     2 Cor 13, 11-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos CORINTIOS
A graza de Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo

            Irmáns:
            Estade alegres, camiñade cara á perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco.
            Saudádevos uns aos outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
            Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 3, 16-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus o seu Fillo para que, por El, se salve o mundo

            Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:
De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre
nel non se perda, senón que teña vida eterna.

            Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo



AMÓSATENOS TI, XESÚS RESUCITADO

María Magdalena buscadora
somos nós, Xesús amigo amado,
no horto das mortes e dos medos,
nas horas das ausencias e dos prantos.

Camiñantes cara a Emaús tristes
somos nós, Xesús, amigo amado,
polo po das esperanzas rotas
e dos soñas pola vida profanados.

Pescadores na noite, mariñeiros
somos nós, Xesús, amigo amado,
cansos do esforzo escuro, incerto,
agardando algures o froito do traballo.

Quen puidese ter o inmenso gozo
da túa man da nosa man termando,
da túa voz nosa voz falando,
do teu andar andando ao noso paso.

Dános a graza de verte e contemplarte
vivo na vida, loitando ao noso lado,
dános a graza do teu alento santo,
amósatenos ti, Xesús resucitado.

Libéranos dos medos, fainos libres,
no amor e para o amor arreo ousados,
dános a paz, dános confianza fonda,
amósatenos ti, Xesús resucitado.

Querendo amarte a ti e ao teu andamos,
entre os pobres buscaremos o teu rostro,
servidores do pan, da paz e da xustiza,
amósatenos ti, Xesús resucitado.

Que a ondaxe é moita e os tempos bravos,
que nos custa verte preto, ao noso lado,
que somos débiles, pequenos, maltratados,
amósatenos ti, Xesús resucitado.

Devólvenos a música e o canto,
que os rostros se transformen ao teu paso,
fainos alegres, humildes e constantes,
amósatenos ti, Xesús resucitado.

Testemuñas de vida, iso seremos,
na vida e para a vida traballando,
mandados por ti, por ti amparados
co gozo de sentirte ao noso lado.

Ollos novos para verte che pedimos,
corazón limpo para amarte sen cansazo,
pés lixeiros para te levar ousados,
amósatenos ti, Xesús resucitado.


UN DEUS QUE NON QUERE 
CAMIÑAR SO
PÓRTICO
Nunha sociedade na que as redes sociais, en cuestións de segundos, son quen de poñer en contacto a milleiros de persoas dun cabo a outro do mundo e de mobilizar e convocar a xente que, malia non coñecerse, comparte uns mesmos ideais; pola contra atopámonos co feito de que moita xente, moitas familias viven hoxe na máis absoluta das incomunicacións: comparten a mesma casa, entran en saen pola mesma porta, sentan na mesma mesa, viven no mesmo espazo… pero pouco falan e non se coñecen entre eles. Son incapaces de abrir o corazón para compartir desánimos, plans, proxectos ou ilusións.
Porén, a festa que celebramos hoxe, a Trindade, que nos mergulla de novo no tempo ordinario, vén dicirnos que o Deus que se manifesta en Cristo, e que envía o Espírito para alentar a nosa vida, non quere camiñar só e incomunicado, senón que entra en comuñón con nós. Que non pechemos o corazón á súa chamada.

O PERDÓN
        Pai bo e amigo, ábrenos a descubrir a túa presenza nos irmáns e nas irmás, SEÑOR, GRAZAS POLO TEU AMOR.

        Cristo pan de vida, ábrenos a camiñar aprendendo a celebrar a vida e a agradecer a man solidaria e agarimosa de quen quere axudarnos na dificultade, CRISTO, GRAZAS POLO TEU AMOR.


        Espírito de alento e solidariedade, ábrenos a aprender a compartir con quen se ve necesitado, ESPÍRITO, GRAZAS POLO TEU AMOR.

REMUÍÑO
“O Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade”: A Palabra de Deus que vimos de escoitar móstranos unha vez máis unha imaxe de Deus chea de tenrura. Porén, dentro da nosa sociedade son demasiadas as persoas para as que Deus é unha palabra con connotacións negativas, que trae malos recordos, alguén en quen non interesa pensar, alguén de quen hai que pasar se queremos ser felices e vivir plenamente. Cabería preguntármonos que parte de culpa temos nós coma Igrexa neste asunto. Frases como “castigo de Deus”, “Deus premia aos bos e castiga aos malos”, “sufrir no nome de Deus”…. e outras lindezas polo estilo tan comúns na nosa linguaxe, van presentando unha imaxe falsa, de tirano e dominador, que, ao final e a pesar de ser só unha pantasma que non existe na realidade, acabamos por crer e, polo tanto, transmitir. E, deste xeito tan horrible, só conseguimos unha cousa: que moita xente se vaia esgallando da vida da comunidade e perda as súas convicións de fe. Porque, se diante do mal que un xa se pode sentir por  non ter actuado ben: ser egoísta, insolidario, inxusto, violento… Aquel de quen esperabamos agarimo, tenrura ou compresión, o que fai é castigarnos, para que crer? A vida xa é bastante dura como para que agora o Deus, que tiña que ser perdón e misericordia, veña e me afunda aínda máis no meu “desnorte”. Diante desta visión tan afastada da Palabra de Deus na que moitos de nós temos medrado, a lectura do libro do Éxodo móstranos a un Deus enchoupado de misericordia e de compaixón, un Deus amigo e atento ao que nos pasa, un Deus que nos quere a pesares dos nosos erros ou incoherencias. Que gozo e ledicia poder xuntarnos o domingo para celebralo, compartilo e agradecelo!


 “Traballade, animádevos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor estará convosco”: E neste amor é no que estamos chamad@s a medrar e a camiñar na nosa vida. Hoxe é un bo momento para que nos preguntemos cal é a nosa achega, alí onde estamos, para favorecer a comunicación e as relacións de uns para cos outros. Paulo, na súa carta, márcanos o roteiro das relacións cos demais irmáns e irmás. De que nos vale participar nas celebracións e rezar moito se logo non sentamos ao lado daquela persoa que non nos cae ben; se cando botamos o pé fóra imos murmurando d@s veciñ@s; se non nos comprometemos en cousas que favorecen o ben común na nosa comunidade, no noso barrio, no noso concello….; se somos incapaces de mover un dedo para axudar a quen precisa de nós; se enmudecemos cando lle están cortando un traxe a alguén, se encirramos entre dúas persoas que tiveron un desencontro ou non “perdemos o tempo” visitando, escoitando ou acompañando a quen está triste, solo ou desesperanzado… Aínda temos moito camiño por andar; pero hoxe é un bo día para comezar.

“Deus enviou ao seu Fillo non para condenar, senón para que o mundo se salve”: Porque….se Deus non condena, quen somos nós para condenar, xulgar ou separar entre bos e malos?. Se El non quere que ninguén se perda, nós estamos chamad@s a facer nada que supoña que outras persoas sufran, desconfíen, discutan ou se pelexen. A fe supón forza, alento, compromiso na tarefa de facer do mundo a casa de tod@s, sabendo que non somos os únicos nin estamos solos, senón que o Deus Trindade: Pai, que nos quere e acompaña; Fillo, que nos ensina e agarima; Espírito, que alenta e fortalece; son para nós compañeiros de camiño. Non dubidemos. Paga a pena abrirlles o noso corazón.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Non podemos facer nada mellor que agradecer de maneira comunitaria a presenza e o alento do Deus graza, amor e comuñón que uníndonos para dicir:
QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS
        Que camiñemos sendo unha Igrexa austera, solidaria e fraterna, Oremos.
QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS
        Que celebremos como verdadeira comunidade preocupándonos, con misericordia e compaixón, do que lle pasa a quen temos máis preto, Oremos.
QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS
        Que non deixemos que no corazón de cada un de nós creza o individualismo, a indiferenza e o silencio diante das dificultade e problemas polos que estean a pasar os nosos veciños, amigos ou compañeiros de traballo, Oremos.
QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS
Grazas por mostrarte coma un Deus amor que nos reúne para celebrar e amar na comuñón e responsabilidade de uns para cos outros. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non lle teñas medo aos que agochan a verdade,
ou, créndose donos dela,
manipúlana, dosifícana e véndena.
Rebélate,
manifesta en todos os sitios,
en todo momento,
a tempo e a destempo,
a túa fe na vida e na irmandade
adquirida ao amparo do Pai,
ao lado de Xesús,
á sombra do Espírito,
no seo da comunidade.
Fíate de Xesús,
responde á súa chamada;
fíate do Pai,
descansa no seu colo;
fíate do Espírito,
loita e se libre.
Estás investindo a vida
no proxecto máis grande e venturoso
posto nas nosas mans.
Non teñas medo!.
Confía en Deus!

CANTOS
        ENTRADA: Temos unha festa
        LECTURAS: Canta aleluia
        OFERTORIO: Pan de vida
        COMUÑÓN: Non vou so





Comentarios

Publicacións populares