LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo de 8 de Pascua PENTECOSTE (12/5/11)
DOMINGO DE PENTECOSTE A
12 xuño 2011
Primeira Lectura Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar
Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
"Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.
Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.
Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.
Segunda Lectura 1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo
Irmáns:
Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.
Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SECUENCIA
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.
Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑ Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑ Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ESPÍRITO SANTO, VEN
Espírito Santo, ven,
AUGA que nace no eterno,
Limpa as manchas do mundo,
O corazón, renovado;
Rega e fecunda a terra,
Que florezan os desertos;
Sacia a sede profunda,
O corazón, un "manancial".
Espírito Santo, ven,
LUME que baixa do ceo,
Laparadas acendidas
Do misterioso braseiro;
Purifica o noso lixo
E queima todo o vello,
Que cheguemos a ser chama
Polo teu divino cativerio.
Espírito Santo, ven,
SOPRO creador evento,
Contáxianos da túa abundancia,
Libéranos dos nosos medos.
Vivifica o noso espírito
Co teu maternal alento,
Que respiremos a vida
De Xesús, o home novo.
Espírito Santo, ven,
POMBA de limpo voo,
Pacifica as nosa guerras,
Cura as nosas feridas,
Que nos entre a túa unción
De tenra misericordia
E de perfumo feiticeiro.
Amen.
UN ESPÍRITO QUE NON UNIFORMA, SENÓN QUE POSIBILITA O ENTENDEMENTO NUNHA SANA PLURALIDADE
PÓRTICO
A celebración de hoxe, domingo de Pentecostes, quere ser para cada un e cada unha de nós unha chamada de atención sobre o feito de que tod@s estamos chamad@s a entendérmonos, porque o Espírito que se nos deu fai posible a comunicación nunha única linguaxe: a do amor e o servizo, a linguaxe da entrega en favor da construción dun mundo novo no que a dignidade das persoas sexa sempre respectada, a linguaxe do compromiso a prol dos máis desfavorecidos e esquecidos.... Certamente, esta linguaxe ten distintos acentos segundo os falantes, recalcando uns sons máis ca outros, pero no fondo tomos remamos na mesma barca da Igrexa e como cantamos moitas veces: “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une”. Que sempre respectemos o acento d@s compañeir@s de navegación e lle deamos grazas a Deus, unha vez máis, pola pluralidade de opcións, de decisións, de camiños, de xeitos de comprometerse... que, lonxe de uniformar, son manifestación do Espírito.
O PERDÓN
- Porque deixamos que a forza do Espírito pase por onda nós sen pararnos a escoitala e prestarlle atención, SEÑOR, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.
- Porque abusamos das palabras, pero non acabamos de acoller a Palabra, CRISTO, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.
- Porque a diferenza dos discípulos non saímos a anunciar coa nosa vida o que cremos, senón que nos quedamos con medo dentro das nosas propias teimas, SEÑOR, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.
Remuíño
- Os textos do libro dos Feitos que vimos lendo desde que comezou da pascua, vannos mostrando como aqueles seguidores de Xesús van deixando atrás actitudes que os levaran a pecharse na casa, a caer na tentación de constituír un grupo burbulla e desligado do que ocorre máis alá de si mesmos. A través da lectura do libro dos Feitos imos descubrindo como aquel grupo vai crecendo día a día e asentándose en actitudes que supuñan cambio, renovación, seguridade en si mesmos, alegría, fe nas súas propias capacidades e posibilidades… nunha palabra: actitudes novas que saen do seu ir madurando e crecendo tanto persoal como comunitariamente. E ao longo de todo este traxecto nunca se sentiron solos; vannos narrando como sentiron ao seu carón a presenza, e polo tanto a forza, do Espírito. Isto levounos a ser unha comunidade viva, verdadeiro testemuño de canto aprenderan e lles mostrara Xesús. Convertéranse nunha comunidade que era testemuño cheo de gozo polo cambio operado nela, por ser capaz de pasar do medo, a vergoña, a tristura, o desánimo, a rutina ata converterse nunha comunidade na que o respecto de uns para cos outros, a pluralidade, a capacidade de acollida, a solidariedade e o amor eran valores e actitudes nas que crecían e maduraban. E non estaban solos: Aquel que Xesús, tantas veces!, lles prometera era sinxelo e enriquecedor compañeiro de viaxe: o Espírito!. O seu falar non era entón un simple pronunciar palabras, máis ou menos impactantes, senón a consecuencia de tomar en serio as palabras de Xesús: non vos deixarei solos. Unhas palabras que seguen a ser para nós voz á que lle prestar atención.
- Unha resonancia que nos chega co nome de corpo. Si, a presenza do Espírito fainos tomar conciencia de que somos un corpo: a Igrexa. Unha Igrexa na que sendo moit@s. non por iso temos que ser todos iguais e uniformes, como se houbera un único patrón polo que cortarnos a tod@s. A presenza do Espírito entre nós, a festa de hoxe así nolo pon de manifesto, fainos ricos en pluralidade e experiencias, afastándonos de calquera tentación de controlar conciencias e mimificar comportamentos. Somos unha Igrexa plural na que o Espírito sopra para que esa pluralidade nos enriqueza a tod@s e nos leve a sentírmonos orgullosos de compartir unha mesma fe con xeitos de vivila e expresala distintos; sabendo aceptar, sen impoñer, e mostrar a diferenza sen uniformizar nin perseguir a quen reza, ama ou agradece de modo distinto a nós ou ao noso. E do mesmo xeito que no corpo son moitas as partes, e cada unha é distinta, pero sen que supoña desviarse do que é horizonte común: conformar a persoa. Deste mesmo xeito, tamén nós somos moitos na Igrexa e conformamos unha tarefa común: vivir o Evanxeo e propoñelo coa nosa vida para que outros poidan descubrilo e acollelo. Esta riqueza é o mellor dos legados que Xesús nos podía ter deixado!
- E nesta tarefa común nunca deberiamos esquecer que o que nos envía é Xesús, non ningunha autoridade civil ou relixiosa. Só El pode enviarnos a anunciar a Boa Nova que fai que nos indignemos cando esta é secuestrada por quen se arroga autoridade, que non só non produce esperanza, senón que nos leva a caer na submisión e o infantilismo. Porque nos envía, sentímonos acompañados para afrontar, con madurez, e sen dependencias, a tarefa de ser testemuñas no medio do mundo dun proxecto que ten aos empobrecidos como referencia, aos que están solos como corazón e aos explotados como voz. Deixemos que a forza do Espírito se mostre por medio do noso compromiso a favor de causas que promovan máis liberdade e mundo máis xusto!
Oración da comunidade
Para que a forza do Espírito renove, como ocorreu en Pentecostes, á Igrexa, deixémonos levar do seu sopro e digamos:
QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR
Pola Igrexa, que como ben nos lembra Paulo, formamos tod@s @s bautizad@s, para que non deixemos que ninguén tome decisións por nós, senón que, axudad@s polo Espírito, sexamos autónomos, coherentes e adultos, OREMOS.
QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR
Para que as nosas comunidades, coas que celebramos a fe e nos sentimos agarimados e queridos nos momentos de ledicia e nas situacións de dor, saiban abrirse á forza do Espírito que segue a invitarnos a non ter medo de anunciar a Xesús de Nazaré cos nosos feitos, Oremos.
QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR
Por cada un e cada unha de nós, para que a nosa linguaxe sexa a da palabra, a do testemuño, a da coherencia, a da comprensión e o achegamento, a do respecto... que nos permiten comprender e ser comprendidos por todas as persoas, OREMOS.
QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR
Grazas Señor pola presenza, sempre ilusionante do Espírito no noso quefacer persoal e comunitario. P.X.N.S.Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Cando o vivir diario se vive con perseveranza ata o final, cunha forza cuxa orixe non podemos abranguer nin dominar.
Cando corremos o risco de rezar no medio das tebras silenciosas sabendo que sempre somos escoitad@s.
Cando aceptamos e levamos libremente unha responsabilidade sen ter claras perspectivas de éxito e utilidade.
Cando experimentamos a desesperación e misteriosamente sentímonos consolados.
Cando se dá unha esperanza total que abrangue suave e silenciosamente todos os crecementos e caídas....
Daquela o Espírito de Deus está traballando. Alí está Deus. Alí é Pentecostes.
CANTOS
- ENTRADA: Camiñando pola vida
- GLORIA:
- LECTURAS: Manda o teu Espírito
- OFERTORIO: Eu soñei
- COMUÑÓN: Non vou so
Comentarios
Publicar un comentario