FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 3 DE CORESMA A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Cervos sedentos
(12 de marzo de.2023)
Podemos dicir que este
domingo é un día algo así como “pasado por auga”. Non porque chova ou deixe de
chover, senón porque a auga vén ser o centro das nosas lecturas. A auga e maila
sede. O Pai Deus e mailo seu fillo Xesús son proclamados hoxe como “auga viva”.
E esta auga é considerada como a única realidade que sacia verdadeiramente a
nosa sede.
No Antigo Testamento, coma
presaxio do que virá, facía Moisés saír auga da rocha para dar de beber ó pobo
sedento. Por outro lado, na Carta ós Romanos, dinos Paulo que no fondo de nós
mesmos hai un desexo e unha “esperanza” de “acadar a gloria de Deus”.
De onde nos vén tal ansia e
tal esperanza? Pois dese mesmo Deus que habita en nós. Ou, como nos di tamén Paulo,
trátase dunha esperanza que “non falla”. Pola seguinte razón: “porque o amor de
Deus se verteu nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo que se nos deu”.
É dicir, todos (cativos,
mozas, adultas ou anciáns) temos algo especial no noso interior que non se dá
saciado coas cousas e adquisicións digamos normais. En definitiva vén ser Deus
mesmo, o seu Espírito vertido en nós, o que nos fixo e nos vai facendo cada vez
máis “á súa imaxe e semellanza”. Por iso, é dicir, porque –malia os nosos
fallos- temos moito de “divinos”, por iso temos desexos de telo todo, de vivir
sempre, de ser absolutamente felices. Temos así desexos que nos diferencian moito
dun can, dun gato, dunha gaivota ou dunha pomba. É isto o que está de fondo na
conversa de Xesús coa muller samaritana. Ela busca auga, auga sen máis para
beber, auga que ten que quitar do pozo. Mais Xesús faralle saber que el está tamén
ó tanto do que ela busca: amizade e relacións (os cinco ou seis homes cos que
ela andou ou aínda anda enredada). Porque ela, no fin de contas, vai confesar
abertamente tamén que o que ela sobre todo busca é algo que a satisfaga
totalmente.
Pero esta confesión vai precedida pola
mensaxe, pola “boa mensaxe”, pola “boa e alegre
noticia” que lle comunica antes Xesús ó lle dicir: “Todo o que bebe
desta auga terá sede outra vez; mais o que beba da auga que eu lle darei, nunca
máis terá sede; a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte
que saltará ata a vida eterna”.
Fala el logo dunha auga que sacia
plenamente. Porque non é auga medida nun vaso ou embotellada nun limitado
recipiente. Máis ca auga, o que el a ela lle ofrece é unha fonte viva de auga,
é dicir, dunha de tal calidade que fai saltar a súa auga ata o ceo, ata a “vida
eterna”.
Cando era cativo, ía eu de cando en vez
á aldea próxima a aquela na que eu nacera. Era a dos meus avós paternos. Na parte
baixa da casa (onde se prendía o lume, xantabamos e parolabamos) había un
vertedoiro de pedra no que un gran picho deitaba día e noite auga abonda sen
parar. A fonte desta auga estaba alí mesmo -agachada- trala parede de pedra ben
traballada e conectaba directamente co picho. É unha imaxe, unha lembranza, que
endexamais me esquece. Nós tiñamos alí toda a auga que queriamos porque a fonte
estaba alí mesmo.
A samaritana, en cambio, non tiña auga
na casa e tiña que ir a por ela. De modo que, ante a oferta de Xesús de lle dar
un tipo especial de auga, que sería como unha fonte cantareira, non pode menos
de exclamar: “Señor, dáme logo desa auga”.
Porque o que ela quere, igual cós demais,
é iso: cousas que vallan para sempre, que nos enchan de felicidade plena, que
“salten ata a vida eterna”. Mais estas “cousas” en realidade non son “cousas”. Ou, dito doutro xeito, son
cousas que só se poden atopar en Alguén que nolas poida ofrecer con garantía e de
verdade. Só o noso Pai Deus e o seu Fillo Xesús, presente en nós polo seu
Espírito, poden e queren darnos iso que -sen sabermos nós mesmos por que-
ardentemente buscamos.
Lembrémonos unha vez máis do dito por
Santo Agostiño: “Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata
que acougue en Ti”.
Pois se iso é así e conservamos aínda
un pouco de egoísmo (o egoísmo non é nada malo con tal de que se atenda ó
egoísmo de todos), entón xa sabemos o que temos que facer. Orientar o noso corazón
cara a onde poida recibir o que sempre desexa: a plenitude e a felicidade
total. Así realizaremos en nós aquela “conversión” á que nos convida este tempo
de Coresma co seu convite: “Convértete
e cre no Evanxeo”. É dicir, cre na alegría e felicidade que o Evanxeo nos ofrece
de maneira absolutamente gratuíta.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-coresma-a-xoan-45-42-2/
Comentarios
Publicar un comentario