FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO DE RAMOS A

 FICHAS ANTERIORES: 

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


LECTIO:

Poder e amor fan resucitar 

(26 de marzo de 2023)

            Xa no próximo domingo -Domingo de Ramos- entramos na Semana Santa. Semella que a liturxia ten présa para nos anunciar o que vai vir despois da treboada da Paixón. Para nos dicir que sempre hai –detrás de todo e pese a todo- Resurrección.

            A boa noticia da resurrección de Lázaro é anuncio anticipado da propia resurrección de Xesús e por iso tamén da nosa propia resurrección. Un anuncio que os cristiáns deberiamos proclamar ós catro ventos, alicerzados na graza de Deus.

            O relato da resurrección de Lázaro é realmente impresionante por moitas veces que un o lea ou o escoite. Mais é sobre todo unha maneira de facérsenos comprensíbel o porqué da Resurrección de Xesús e o porqué tamén da nosa.

            Se o pensamos ben, a resurrección de Lázaro é moi diferente da resurrección de Xesús ou da futura nosa. Por que? Porque Lázaro foi resucitado a unha vida que sería máis ou menos coma a de antes. Pois o Lázaro resucitado morrería aínda.

            A resurrección de Lázaro é así só unha pequena mostra do que será a resurrección definitiva. O máis importante do relato é o que nel se deixa entender e que no fondo se nos anuncia con claridade. Xesús vén falarnos nel de quen é El de verdade, de cal é o seu poder e o seu amor.

            Adoito comentar, co gallo das misas de defuntos ou nos cabodanos, que se se xuntan e suman estas tres “cantidades” (para dicilo dalgunha maneira), que son Deus e mailo seu poder e o seu amor, entón o resultado desa suma é igual a resurrección.

            Así, pois, en relación con esas tres realidades (Deus, poder e amor), sobre o poder de Deus non fai falla falar moito. Nós cremos que El é o creador de todo canto existe, sen que antes houbese absolutamente nada, ningún material, que lle puidese axudar ou valer para del se servir. Así o confesamos sempre ó principio do “Credo”: “Cremos nun só Deus, Pai todopoderoso, creador do ceo e maila terra”. Ese poder infinito de Deus é o que se manifesta dalgunha maneira no seu Fillo, cando no texto de Xoán se nos di que Xesús, ante a sepultura de Lázaro, “berrou con voz forte: Lázaro, ven para fóra!”. Con voz forte, poderosa, de quen sabe que ninguén, nada, pode escapar á súa forza, á súa omnipotencia.

            No que se refire ó amor de Deus para connosco, tampouco precisamos estendernos moito. Deus quérenos de verdade, infinitamente máis do que nós podemos amar unha persoa. Xesús falaba continuamente do seu Pai Deus como Pai tamén noso. Deus-Pai quérenos polo tanto verdadeiramente coma fillos seus, coma irmáns do seu “Fillo predilecto”. Este é, pola súa parte, o noso irmán maior. Quérenos, polo tanto, verdadeiramente como se queren os irmáns dunha mesma familia. Son moitas as pasaxes no Evanxeo nas que se nos fala deste amor inmenso, infinitamente delicado,  paciente e constante que Deus-Pai e o seu Fillo Xesús nos teñen.

            Agora ben, adoito aludir tamén ó que dicía o filósofo francés Gabriel Marcel: “amar unha persoa é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”. Isto sabémolo ben. Cando de verdade queremos unha persoa (o noso pai, nai, esposa, esposo, filla, fillo, noivo, noiva, etc.), fáisenos dificilmente aturábel, case impensábel, que esa persoa poida morrer, que vaia morrer. Pois amar leva consigo que a persoa querida sexa considerada por nós en certo modo como inmortal, como alguén que non pode morrer, que non debería morrer. E se, a pesar de todo ou polo que fose, morrese e nós tivésemos o poder para lle devolver a vida, fariámolo decontado. Resucitámolo e punto.

            Lembremos agora o texto da resurrección de Lázaro. Que ocorre alí? A familia de Lázaro é unha familia especialmente querida por Xesús. Xesús, pola súa parte, é moi querido e aceptado tamén polos membros desta familia. Onda a sepultura de Lázaro atópanse, pois, Lázaro, que leva varios días morto, as súas dúas irmás, Xesús e maila xente que os acompañaba. Porén, é Xesús o verdadeiro centro do que alí ocorre. Nel habita toda a divindade do Pai, todo o seu poder e todo o seu amor.

            Realicemos agora a operación da suma (é unha maneira de falar) que os rapaces aprenden doadamente na casa ou no cole. Temos os tres sumandos: Deus, poder e amor. O resultado desta suma é a resurrección de Lázaro. Se “amar” é, con razón, segundo Gabriel Marcel, “dicirlle a un: ti non morrerás nunca”, isto convértese necesariamente en resurrección.

            Como Deus é Deus e, polo tanto, ama e pode infinitamente, por iso fainos, faranos, vivir para sempre, máis alá do que fixo con Lázaro. O ocorrido con Lázaro foi só un sinal do que ocorrerá para sempre despois da nosa morte. ¿Como vai permitir Deus que morramos para sempre aqueles que El de verdade quere, tendo poder como ten para nos dar vida, e para sempre?

            No relato do evanxeo o amor de Xesús a Lázaro é algo que está alí presente á maneira dunha música de fondo. As irmás mándanlle con tempo o recado a Xesús: “Señor, mira, o que amas está enfermo”. E Xoán engade aínda: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela e mais a Lázaro”. Xesús mesmo comunícalles ós apóstolos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Dísenos tamén que Xesús “se botou a chorar” ante a súa sepultura. A xente que estaba alí interpretou correctamente as bágoas de Xesús como un sinal do moito que o quería. “¡Hai que ver como o quería!”, comentaban os xudeus.

            Agora podemos entender xa ben que cando se xuntan o poder de Deus e o seu amor a nós o resultado é a incríbel nova da nosa Resurrección, moito máis marabillosa e grandiosa que a ocorrida con Lázaro.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:





Comentarios

Publicacións populares