II Domingo de Coresma - CICLO A


LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE

Primeira Lectura       Xen 12, 1-4a

Vocación de Abrahán, pai do pobo de Deus


     Naqueles días, o Señor díxolle a Abram:

     Sae da túa terra e da túa patria e do teu clan para a terra que eu che mostrarei.

            Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome con sona, que será exemplo de bendición.

            Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga. Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome.

     Abram saíu, conforme lle dixera o Señor.


Palabra do Señor




SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22

R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.


A palabra do Señor é recta

e todas as súas obras son leais:

el ama o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.


Os ollos do Señor están postos nos que o temen,

nos que esperan na súa misericordia,

para liberar las súas vidas da morte,

para os manter no tempo da miseria.


Nós agardamos lo Señor:

El é o noso socorro, o noso escudo.

Veña a nós, Señor, a túa misericordia,

como de ti o esperamos.



LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO

Segunda Lectura    2 Tim 1, 8b-10

Deus chámanos e ilumínanos


            Benquerido irmán:

            Comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El santificounos e chamounos a unha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de todos os tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús.

            El destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.


Palabra do Señor


 


VERSÍCULO


Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:

Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.


 


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo     Mt 17, 1-9

O seu rostro resplandecía coma o sol


            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto.

            Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.

            Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el.

            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

            ‑ Señor, que bo sería ficarmos aquí! Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?

            Aínda el estaba falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:

            ‑ Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitá­deo.

            Ó escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:

            ‑ Erguédevos, non teñades medo!

            Levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:

            ‑ Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.


Palabra do Señor


Comentarios

Publicacións populares