FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 2 DE CORESMA A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Crermos na alegría
(5
de marzo de 2023)
Ímonos introducindo, pouco a pouco, no tempo coresmal con
este 2º domingo de Coresma. Seguimos así a consigna que se nos deu no Mércores de
Cinza, ó recibirmos a cinza que se nos impuxo coas palabras “Convértete e cre
no Evanxeo”.
“Crer no evanxeo” é crer na súa mensaxe fundamental. Pois
ben, podemos dicir que no evanxeo hai invitacións á conversión, hai toma de
conciencia da gravidade das ofensas a Deus e ós demais, hai narracións de
situacións difíciles para os seguidores de Xesús, hai sufrimentos, hai morte,
hai resurrección... En calquera caso, o evanxeo é en definitiva o que está
resumido na palabra “evanxeo”, é dicir, “boa noticia”, “boa nova”, “alegre
nova”. Así o puxo de relevo o papa Francisco na súa primeira encíclica que leva
como título “A Alegría do Evanxeo”. Entre outras cousas dinos el: “Todos teñen
o dereito de recibir o Evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen
excluír ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte
unha alegría, sinala un horizonte fermoso, ofrece un banquete desexábel”.
Por iso se a actual consigna introdutoria da Coresma
inclúe as palabras “cre no Evanxeo”, entón o convite coresmal é un convite a
crer firmemente que a noticia que se nos dá e unha boa e alegre noticia. Quizais por iso o cerne das Lecturas deste II
Domingo de Coresma é tamén unha boa, unha alegre nova no medio dun tempo litúrxico
de penitencia e conversión.
Efectivamente, xa a primeira Lectura do libro da Xénese
nos presenta o prototipo do crente do Antigo Testamento. Abrán, bendicido por
Deus cunha boa nova. A de que “todos os pobos da terra se chamarán benditos no
nome del”. É esta unha visión profética ante o que vai ocorrer no Novo
Testamento coa vinda de Xesús.
Por iso, nesta mesma liña, na carta que Paulo lle escribe
a Timoteo (que os biblistas consideran algo así coma o “testamento” de Paulo),
o apóstolo fala desta vinda de Xesús ó mundo como unha vinda que ocorre grazas
ó poder de Deus Pai. Un “poder” e unha “graza” “que se manifestou agora”, dinos
Paulo, “pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús”. Para Paulo, tal como
comenta el mesmo a continuación, esta aparición de Xesús pode sintetizarse así:
“El (é dicir, Xesús) destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por
medio do Evanxeo”.
De xeito que a grande “boa nova” que nos trae Xesús está
xustamente en que ataca e fai secar a raíz mesma de cantos medos e angustias temos
as persoas: a morte.
Tal como xa teño comentado, non hai aínda moitos anos a
igrexa, na imposición da cinza do comezo da Coresma, utilizaba aquela vella fórmula:
”Lémbrate de que es po e ó po has volver”. Lembrarse da propia morte non está mal,
desde logo. Mais a verdade é que a morte non é en modo algún o pensamento
central do evanxeo. Máis ben, todo o contrario: a vida. A morte queda totalmente
superada coa mensaxe fundamental da resurrección. Da resurrección de Cristo e
mais da nosa. “Eu son a resurrección e a vida”, dirá Xesús. Isto si que é a
mensaxe central e básica. Por isto precisamente o Evanxeo é “boa nova”, “alegría”,
como con forza e insistencia nos repite o papa Francisco.
Deste modo, a mensaxe do evanxeo de hoxe vén sendo, en
tempo coresmal de conversión e de renuncias, a seguinte. Aínda que Xesús, e con
el todos nós, teñamos que enfrontarnos co sufrimento e mais coa morte nas nosas
vidas, a nosa meta e o noso destino definitivos están claros: vida para sempre,
resurrección para toda unha eternidade. A transfiguración de Xesús diante dos
seus tres apóstolos máis representativos, Pedro, Santiago e Xoán, é un sinal
ante eles de que os negros nubeiros, que se lle aveciñan a Xesús coa próxima
paixón e crucifixión, non poderán borrar do mapa a mensaxe de que el é e
seguirá a ser para sempre Vida e Luz: “Eu son a luz do mundo”. Consonte con
iso, o evanxelista Mateo dinos que na súa transfiguración “o rostro de Xesús
resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz”.
En calquera caso, cada cousa ó seu tempo. Isto é tamén
unha das leccións que aprendeu o impulsivo Pedro cando propuña pola súa parte
facer, xa agora mesmo e sen máis dilacións, tres tendas. Para cada un dos tres
protagonistas principais: para Moisés, para Elías e para Xesús. Porque, polo
que se ve, os tres apóstolos non precisaban tenda algunha. Xa estaban ben tal e
como estaban: “¡Señor, que bo sería ficarmos aquí!”.
Mais a vida é un proceso, unha marcha. Non se poden
queimar etapas. Curta é desde logo toda vida, a nosa tamén, en comparanza cos
grandes e infinitos desexos que temos de vivir. Mais nesta nosa vida e coa fe,
a graza e a paciencia que o Espírito de Deus nos dará poderemos tamén albiscar
dalgún xeito aquilo fermoso, grande e infinito que nos espera, aquilo que de
maneira efémera e fuxidía viviron Pedro, Santiago e Xoán.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-coresma-a-mateu-171-9-2/
Comentarios
Publicar un comentario