V Domingo de Coresma - CICLO A

 

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL

Primeira Lectura    Ez 37, 12-14

Dareivos o meu Espírito e viviredes


            Isto di o Señor Deus:

            ‑ Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,

e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,

e vouvos levar á terra de Israel.

            Recoñeceredes que eu son o Señor,

cando eu abra as vosas sepulturas,

e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.

            Vou poñer en vós o meu espírito

e vouvos facer revivir na vosa terra.

            Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago

‑ é o Señor quen fala ‑.


Palabra do Señor




SALMO RESPONSORIAL    Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8

R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.


Desde os abismos clamo a ti, Señor;

Señor, escoita a miña voz.

Ten atentos os oídos

á voz da miña súplica.


Se levas conta dos pecados, Señor,

Señor, quen poderá terse en pé?

Mais en ti está o perdón

para te faceres respectar.


Eu espero no Señor,

a miña alma espera na súa palabra;

a miña alma agarda o Señor,

máis do que os vixías á aurora.


Agarde Israel o Señor,

pois do Señor vén a misericordia

e nel a redención é cumprida.

El é quen redime a Israel

de todos os pecados.


 


LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

Segunda Lectura    Rm 8, 8-11

O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós


            Irmáns:

            Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.

Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.

            Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.

            Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.


Palabra do Señor


 


VERSÍCULO      Xn 11, 25a. 26

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;

quen cre en min non morrerá endexamais.


 


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Evanxeo    Xn 11, 1-45  (longo)

Eu son a resurrección e a vida


            Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:

            ‑ Señor, mira, o que amas está enfermo.

            Ó oílo, dixo Xesús:

            ‑ Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.

            Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:

            ‑ Vaiamos outra vez a Xudea!

            Os discípulos respondéronlle:

            ‑ Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus,  e vas ir outra vez alí?

            Xesús replicou:

            ‑ Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.

            En dicindo isto, proseguiu:

            ‑ Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.

            Dixéronlle entón os discípulos:

            ‑ Señor, se dorme, curará.

            Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:

            ‑ Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!

            Díxolles entón Tomé ‑ o chamado Xemelgo ‑ aos outros discípulos:

            ‑ Vaiamos tamén nós morrer con el!

            Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:

            ‑ Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.

            Xesús díxolle:

            ‑ Teu irmán resucitará.

            Marta respondeulle:

            ‑ Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.

            Díxolle Xesús:

            ‑ Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?

            Ela respondeu:

            ‑ Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.

E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:

            ‑ O Mestre está aquí e chámate.

            Ela, ao oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:

            ‑ Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.

            Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:

            ‑ Onde o puxestes?

            Contestáronlle:

            ‑ Señor, ven ver.

            E Xesús botouse a chorar.

            Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"

            Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"

            Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.

            Xesús ordenou:

            ‑ Arredade a pedra.

            Marta, a irmá do finado, díxolle:

            ‑ Señor, xa cheira, que leva catro días.

            Xesús contestoulle:

            ‑ Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?

            Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:

            ‑ Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.

E dito isto, gritou con voz forte:

            ‑ Lázaro, ven para fóra!

            Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:

            ‑ Desenleádeo e deixádeo ir.

            Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.



Palabra do Señor


______________________________________________________________________

Ou máis breve:  Xn 3-7. 17. 20-27. 33b-45

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel tempo, as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:

            ‑ Señor, mira, o que amas está enfermo.

            Ó oílo, dixo Xesús:

            ‑ Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.

            Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:

            ‑ Vaiamos outra vez a Xudea!

            Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.

Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa.

            Díxolle entón Marta a Xesús:

            ‑ Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.

            Xesús díxolle:

            ‑ Teu irmán resucitará.

            Marta respondeulle:

            ‑ Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.

            Díxolle Xesús:

            ‑ Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?

            Ela respondeu:

            ‑ Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.

            A Xesús, véndoos chorar, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:

            ‑ Onde o puxestes?     

            Contestáronlle:

            ‑ Señor, ven ver.

            E Xesús botouse a chorar.

            Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"

Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"

            Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.

            Xesús ordenou:

            ‑Arredade a pedra.

            Marta, a irmá do finado, díxolle:

            ‑ Señor, xa cheira, que leva catro días.

            Xesús contestoulle:

            ‑ Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?

            Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:

            ‑ Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.

            E dito isto, gritou con voz forte:

            ‑ Lázaro, ven para fóra!

            Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:

            ‑ Desenleádeo e deixádeo ir.

            Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.


Palabra do Señor



Comentarios

Publicacións populares