DOMINGO DE RAMOS - ciclo A
PROCESIÓN DAS PALMAS
Evanxeo
Bendito o que vén no nome do Señor
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
CICLO A Mt 21, 1-11
Cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
‑ Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,
humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
‑Hosanna ao Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna nas alturas!
E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
‑ Quen é este?
A xente respondía:
‑ Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
MISA
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura Is 50, 4-7
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?
Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.
Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.
Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Segunda Lectura Flp 2, 6-11
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno
Irmáns:
Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Flp 2, 8-9
Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.
Evanxeo - PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO
Comentarios
Publicar un comentario