FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXVII DE ORDINARIO C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

 


LECTIO:

   Santos significativos

 (2 outubro 2022)

         O tema da fe é o que aparece no comezo mesmo do evanxeo de hoxe ó lle pediren os apóstolos a Xesús que lles “aumente a fe”. Unha fe que é considerada como a primeira das chamadas “virtudes teologais” (xunto coas virtudes da “esperanza” e da “caridade” ou do amor). “Teologais” porque están en relación directa con Deus mesmo, que é o que as suscita ou promove en nós por medio do seu Espírito. Só el, o Deus Pai que se nos amosa en Xesús, pode “aumentala” en nós se llo pedimos con aquela confianza que el mesmo nos dá.

         Unha fe, que –como en teoría ben sabemos- non é tal sen as obras, é dicir, sen o exercicio e a práctica da nosa confiada relación con Deus e do noso amor a todos. Teñan ou non teñan eles explicitamente esa fe que nós recoñecemos ter recibido como don gratuíto e xeneroso de Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús. Trátase así dunha práctica ou realización cristiá da fe que nos converte en “servidores” de Deus e do seu Fillo Xesús á maneira do humilde criado cumpridor da curta parábola de hoxe.

         Unha vez máis é tamén aquí Lucas o único dos redactores dos textos dos evanxeos que non quixo que permanecese no esquecemento esa parábola de Xesús que remata con aquela lección tan fermosa de humildade e alegría en relación co noso traballo pola realización do Reino de Deus: “Cando fagades todo o que se vos mande, dicide: ‘Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer’”.

         Logo de aludir a estes dous temas quero facer unha curta alusión a tres santos que poderían ser considerados como verdadeiros “pesos pesados” na categoría da súa fe en Deus, sen lle querer restar con isto méritos a ningún outro calquera santo ou santa do calendario litúrxico.

         Porque resulta que este primeiro domingo de outubro está inmediatamente precedido ou seguido pola festividade dalgún dos tres. Por iso quero facer curta lembranza deles, pois distinguíronse precisamente nesa fe e nesa realización práctica da mesma ás que me estou a referir.

         Son estes: Santa Teresa do Neno Xesús (a súa festividade foi onte: o día primeiro deste mes ); xustamente mañá celebra a Igrexa a de San Francisco de Borxa e no día seguinte, pasado mañá, é a festividade de San Francisco de Asís.

         Pois ben, respecto de Santa Teresa (ou Teresiña) do Neno Xesús, ben sabedes que foi un limpo e inimaxinábel modelo de fe e confianza feliz e absoluta en Deus. Viviu e practicou unha espiritualidade que se adoita chamar “infancia espiritual”. Tiña unha relación de fe e confianza en Deus á maneira dunha nena cos seus pais. Unha relación deste tipo non vale só para as cativas, senón tamén para as persoas adultas, porque ante Deus somos ou debemos ser sempre nenos por moitos anos que teñamos. Disto decatouse ben o gran pensador e escritor vasco, Unamuno, naquel poema seu que a min tanto me gusta e que por iso algúns de vós posiblemente me oístes recitar algunha vez. Vén sendo unha réplica poética daquilo de Xesús: “Se non vos facedes coma nenos non entraredes no Reino dos ceos”. Velaquí vai unha vez máis o poema de Unamuno: "Agranda la puerta, padre, /  porque no puedo pasar; / la hiciste para los niños,  / yo he crecido a mi pesar. / Si no me agrandas la puerta, / achícame, por piedad; / vuélveme a la edad bendita / en que vivir es soñar". A santa francesa, Teresiña do Neno Xesús, puido coa graza de Deus “achicarse” coma unha nena ante o seu e noso Pai Deus, tal como o pedía Unamuno no seu poema. Teresiña tiña só 24 anos cando finou.

         En canto ó santo valenciano Francisco de Borxa. Tiña de todo na vida: diñeiro, moi altos cargos políticos, etc. Mais non permitiu que as comodidades ou os honores se apropiasen del, seguindo as palabras de Xesús, que comentabamos o outro domingo, de que “non podemos servir a Deus e mailo diñeiro”. Deixouno, pois, todo e fíxose humilde xesuíta, aínda que chegase despois a desempeñar como Xeral o máximo cargo dirixente na Compañía de Xesús. Cóntase del que, á morte da emperatriz Isabel, tivo que acompañar o seu cadáver desde Toledo ata Granada para aquí testemuñar a autenticidade da defunta. Tan impresionado quedou pola morte e transformación física da emperatriz que decidiu pedir ser admitido na Compañía de Xesús pra se dedicar o resto da súa vida a testemuñar a súa fe en Xesús, convertido para el dende aquel momento en único fiábel Señor. “Non servirei señor que se me poida morrer”, cóntase que dixo.

         Varios séculos antes que estes dous - Francisco de Borxa e Teresa do Neno Xesús – viviu o terceiro gran santo: Francisco de Asís. É precisamente o nome de pía deste santo o que escolleu para si o actual papa por el simpatizar moito coa súa figura. Un santo que revolucionou a Igrexa de Deus co seu amor ós pobres e á natureza toda. Unha natureza que reflicte en si a fermosura de Deus nas aves, nos animais, na auga, no sol etc. Sendo como é un santo dos tempos medievais conecta moi ben cos desexos e arelas de moitas persoas e culturas do noso tempo.

         Por iso hoxe, ante a proximidade a este domingo das festividades destes grandes santos que tiveron unha fe firme no Deus de Xesús, estamos todos convidados a desexar vivamente que a fe “aumente” tamén en nós.


Manuel Cabada Castro

 

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/27-tempo-ordinario-c-lucas-175-10-3/



Comentarios

Publicacións populares