24º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     Ex 32, 7-11. 13-14

O Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO


     Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:

     ‑ Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que ti saca­ches de Exipto, perverteuse. Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara. Fixeron un becerro de metal, próstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: "Este é o teu Deus, Is­rael, o que te sacou de Exipto".


     E díxolle o Señor aínda a Moisés:

     ‑ Vexo que ese é un pobo de dura caluga. Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo.


     Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus:

     ‑ Por que, Señor, se ten que acender a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa ti sacaches de Exipto?  Lembra os teus servos Abrahán, Isaac e Israel, aos que con xuramento prometiches: "Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o posúan a perpetuidade.

     E o Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo.


        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL     Sal 50, 3-4. 12-13. 17 e 19

R/.  (Lc 15, 18):  Levantareime e irei onda meu pai.


Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;

pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;

lávame enteiro da miña iniquidade,

límpame da miña culpa.


Crea, oh Deus, en min un corazón puro,

renóvame por dentro con espírito firme;

non me botes da túa presenza,

e non tires de min o teu santo espírito.


Abre, Señor, os meus labios,

e a miña boca pregoará a túa loanza.

O meu sacrificio a Deus é un espírito contrito:

un corazón contrito e humilde

Deus, ti non o desprezas.




Segunda Lectura      1 Tim 1, 12-17

Cristo veu salvar os pecadores

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO


            Benquerido irmán:

            Doulle grazas a Cristo Xesús, noso Señor, que me fortaleceu, porque confiou en min, encomendándome o ministerio; a min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador. Pero compadeceuse porque o fixera por ignorancia, sen ter aínda fe; e a graza do noso Señor desbordou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.

            Esta é palabra segura, merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ao mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiriño.

            Pero por iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia como exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna.

            Ó Rei da eternidade, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.


                Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA    2 Cor 5, 19

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,

e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.

Aleluia.



Evanxeo     Lc 15, 1-32 (longa)

Haberá grande alegría nos ceos por un pecador que fai penitencia

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

            ‑ Este acolle os pecadores e come con eles.


            Entón Xesús contoulles esta parábola:

            ‑ Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera".

            Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.

            E, que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.


            E dixo tamén:

            ‑ Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

            Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

            Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

            Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

            Pero o pai díxolles aos seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

            Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

            Pero o pai, saíndo, intentouno convencer.

El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

            O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".


     Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


______________________________________________________________________


Ou: 1-10  (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

            ‑ Este acolle os pecadores e come con eles.


            Entón Xesús contoulles esta parábola:

            ‑ Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera".

            Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.

            E que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.


            Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares