FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXIV DE ORDINARIO C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

 


LECTIO:

Un Deus decididamente compasivo

 (11 setembro 2022)

            Estamos a lle prestar atención nestes domingos ó que nos di Lucas sobre Xesús. É dicir, sobre esa manifestación humana de Deus Pai, do Deus Pai de todos, que chamamos Xesús, Fillo único “benquerido” de Deus e irmán maior noso. El insiste, como quizais ningún dos evanxelistas, nesta paternidade de Deus e nesta común irmandade nosa.

            Mais el preséntanos sobre todo un Xesús interesado ou preocupado de maneira especial polos máis pobres, necesitados, desprezados ou “perdidos”. Esta expresión “perdido” é no texto de hoxe central. Xesús vaise achegar precisamente a aquela xente que a práctica da relixión do seu tempo mantiña en certo modo á marxe. Xente ademais perigosa, porque podían contaminar os demais co seu pecado, coa súa enfermidade (considerada como consecuencia de pecados manifestos ou ocultos), coa súa mesma pertenza ás clases baixas (porque a riqueza e mailo poder, ó contrario da pobreza, eran considerados como sinal da bendición de Deus).

            Xesús (e o Deus Pai que nel se manifesta) quere acabar con tal discriminación e anúncialles a valía, a importancia que eles teñen, en canto irmáns dese Xesús que naceu entre pobres e necesitados, que viviu entre eles e que morreu tamén axustizado formando un trío con outros dous pobres desgraciados condenados a morte.

            Esta súa preocupación (e este aprecio) polos que viven desorientados na súa vida, polos que manchan as súas mans no traballo e entre o lixo do mundo, polos que se meteron por camiños desviados dos que logo non resulta doado saír, esta preocupación (digo) por todas estas persoas maniféstase de forma moi clara nas tres parábolas deste domingo: a da ovella perdida, a da moeda perdida e, finalmente, a inmortal parábola do que tamén podemos chamar a do fillo perdido. E non deixa de ser curioso tamén que só Lucas presente conxuntamente estas parábolas. Dos outros tres evanxelistas só Mateo nos fala dunha delas: da parábola da ovella perdida.

            A ovella perdida. Ó bo pastor -que é Xesús (e que nós deberiamos ser tamén, á nosa maneira)- non lle preocupan as ovellas sen problemas. Mais si quere saber que lle pasou á que non está no rabaño, a que está exposta a perigos e ameazas do lobo ou doutras feras. Na súa soidade vai perder ademais o sentido de fraternidade coas outras do rabaño. Non vai sentir tampouco a seguridade que lle dá verse protexida e defendida xunto coas outras por un pastor que coñece e quere todas e cada unha das súas ovellas. Na parábola dinos Lucas que, ó atopar a ovella perdida, o pastor volve para a casa “con ela ó lombo”. Chamou ben a atención o papa Francisco cando no seu momento lles pediu a bispos, sacerdotes e cristiáns que “deberían cheirar á ovella”. É dicir, que deberían buscar o contacto con esas ovellas descarreiradas e non se contentar con estaren man sobre man, limitándose a contemplar o tranquilo rabaño que pace bucolicamente ó seu lado. O papa Francisco, que pide á Igrexa que saiba traballar nas “fronteiras”, tampouco foi ben visto por algúns cando na liturxia do xoves santo lavou os pés a certas persoas que eles consideraban pouco dignas.

            A moeda perdida. É a parábola da alegría da muller que barre a casa ata atopar a moeda perdida entre o lixo. Gústame o que escribe un comentarista sobre esta parábola (descrita só por Lucas): “Nunca vimos representado a Deus na forma dunha muller cunha vasoira na man. Pero é unha imaxe ben bonita. A vasoira non é para arrear, senón para buscar con moito agarimo”. E engado eu: O Deus que se nos manifesta en Xesús non é un Deus que anda a vasoiradas coa xente, senón un Deus que busca agarimosamente o noso encontro con el, a nosa liberación. Porque para el cada un temos valor (como calquera moeda por cativa que sexa). Aínda máis, temos propiamente un valor absoluto, pois ese é o valor que el nos deu a cadaquén de nós ó nos facer persoas. Por iso, aínda que esteamos emporcallados co lixo, Deus quérenos. E quere tamén que nós procedamos do mesmo xeito.

            O fillo perdido. Tamén é só Lucas o que nos refire esta preciosa parábola. Como ben din os entendidos, non é moi axeitado ó contido desta parábola iso de chamala, como normalmente se fai, a parábola do “fillo pródigo”. Porque este título semella poñer demasiado o acento no comportamento aloucado do fillo menor, nos seus pecados e desvaríos. Mais non é ese o centro da mensaxe da parábola que Lucas pon en boca de Xesús. É máis ben a inimaxinábel e case incomprensíbel misericordia de Deus Pai-Nai a que se nos impón como mensaxe fundamental. Por iso dinnos con razón eses entendidos que deberiamos denominala “a parábola do Pai bo e misericordioso”.

            Deus non é, pois, de maneira ningunha, un vingador ou castigador, tal como en certa medida a algúns dos maiores de entre nós nos quixeron meter noutros tempos na cachola. Desde logo, no Antigo Testamento a idea que popularmente se tiña de Deus era a dun Deus dese tipo. En tal sentido, o fillo maior da parábola (o que se quedou en casa) vén sendo un verdadeiro modelo desa antiga relixiosidade. En consecuencia, o irmán maior resístese a entrar para apertar o seu irmán menor (como fixera o pai) e celebrar así todos xuntos con alegría a volta do irmán máis novo á casa. O irmán máis vello resístese porque iso significaría para el non tomar en serio o pecado, a transgresión da lei. “Levo moitos anos servíndote sen che faltar nunca en nada”, replícalle “moi alporizado” o fillo maior a seu pai. Servizo, pois, sometemento ás normas, e consecuentes dereitos adquiridos polo correcto modo de proceder son os argumentos que esgrime o fillo maior ante o Pai. Para o irmán máis vello, o seu irmán pequeno deixou en realidade de ser irmán seu. É só, tal como lle di o fillo maior a seu pai, “ese fillo teu”...

            Os razoamentos do irmán maior non deixan de ter a súa lóxica. E a máis dun nos poderían resultarnos incluso coherentes e comprensíbeis. Mais non é esa a lóxica do Deus do Novo Testamento que se manifesta en Xesús como Pai, que quere de corazón tódolos seus fillos. Habería que dicir incluso que tamén o fillo menor pensaba dalgunha maneira en categorías do seu irmán maior cando se nos di que el parou por fin a recapacitar sobre o que lle estaba a pasar na súa pródiga e descontrolada vida. Tampouco o fillo menor podía imaxinar seu Pai esperándoo cos brazos abertos. Nos seus plans non entraba sequera a posibilidade de relacionarse con el coma un fillo. El funciona, pois, tamén con categorías de pecados cometidos, de traballos a realizar coma un xornaleiro máis... Pois seu pai non pode seguir sendo xa pai del. Madía levaría –pensaría el- se o recibía coma un servo ou xornaleiro. Como vedes, categorías todas específicas do Antigo Testamento. Ben se pode albiscar así -como é doado ver- a incríbel novidade do Deus que se nos revela no Novo Testamento.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/24-tempo-ordinario-c-lucas-151-32-3/



Comentarios

Publicacións populares