FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXV DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
A quen
queremos servir
(18
setembro 2022)
Ante o anaco do texto de Lucas que fai
referencia ó diñeiro, cómpre indicar dende o principio que nos atopamos aquí
cun tema moi central en Lucas: o dos pobres, da preocupación de Xesús por estar
entre os pobres e necesitados, compartindo con eles amizade e proximidade.
Por que e para que se comportaba así
Xesús? Simplemente, para que os pobres se tornasen conscientes da súa dignidade
(tantas veces negada polos de arriba, é dicir, polos que tenden a se creren máis
dignos ca eles simplemente por teren unha mellor posición social ou económica).
Tamén para que os pobres e necesitados do mundo saiban do amor que o Deus Pai de todos lles ten a
eles dunha maneira moi especial. Unha dignidade de seren fillos de Deus, que os
convida a viviren con alegría a súa vida. Poden saber así que son queridos polo
Deus que non fai diferenzas entre os seus fillos. O noso Deus quérenos a todos
por igual. E, se houbese diferenzas no seu comportamento, serían sempre a favor
daqueles seus fillos máis desfavorecidos ou máis discriminados polos demais.
Pois, á fin e ó cabo, non deixan eles de seren en realidade os que máis se lle
parecen ó seu fillo “preferido” e “benquerido”.
O exemplo ou a parábola de hoxe é
exclusiva de Lucas. Nos outros redactores dos textos dos evanxeos non aparece,
aínda que eles non deixen por iso de estaren na mesma liña. Este é, en calquera
caso, moi decidido na cuestión do lugar ou da función que debería ter o diñeiro
na vida dun seguidor de Xesús.
Por suposto, a parábola resulta moi
actual e doada de entender, se temos presente o que se nos di nos medios de
comunicación sobre a corrupción política, económica etc. Fálasenos,
efectivamente, tamén na parábola do comportamento corrupto dun administrador de
diñeiro alleo (un diñeiro que polo tanto non lle pertencía). Este administrador
utiliza fraudulentamente eses diñeiros en proveito propio, enganando con iso o
seu dono. Mais, ó se ver descuberto, manobra arteiramente para poder contar con
amigos que o axuden e apoien cando, de aquí a pouco, se atope no paro. Pois el
non está afeito a traballar, senón unicamente a manipular e a se aproveitar dos
bens dos demais.
Está ben claro que o que aquí se loa
non é o comportamento fraudulento do administrador infiel, senón a súa
habilidade para conseguir amigos. Isto último si que é importante. Un bo
seguidor de Xesús non pode pecharse en si mesmo ou quererse só a si mesmo. Polo
menos, co mesmo ardor co que un se ama a si mesmo (e ninguén pode en realidade deixar
de proceder así) hai que amar tamén os demais. O mandamento de “amar ó próximo coma a un mesmo” era xa mandamento
importante no Antigo Testamento. De modo que un non pode nin debe odiarse nunca
a si mesmo. Se así fose, tería que odiar tamén os demais.
Pois ben, da mesma maneira que todos somos
moi amigos de nós mesmos, temos que ser tamén moi amigos dos demais. Hai que
exercer de amigo e de irmán de calquera co que nos atopemos na vida. Dándonos a
eles e dándolles tamén o máis que poidamos daquilo que temos e el precise. Pois
non está ben entre irmáns que a uns lles sobren bens e posesións e que a outros
lles falte. As tremendas desigualdades sociais e económicas que se ven por
tantos sitios non son cousa de Deus, senón nosa, dos que nos comportamos cos
demais coma se non fósemos irmáns. Enténdese así ben a aplicación ou conclusión
que tira Xesús da súa parábola do administrador infiel: “Facede amigos coas
riquezas inxustas”.
Porque toda riqueza é inxusta cando é
resultado dunha inxusta opresión sobre aqueles dos que inxustamente nos
aproveitamos. Como seguidores de Xesús, temos que saber (e sobre todo
practicar) que un cristián non pode ser escravo dos seus bens, dese “poderoso
caballero” que o poeta Quevedo identificaba co “don dinero”. Lucas ponnos en
boca de Xesús aquela inmorredoira frase que, desde a perspectiva da nosa común
irmandade, vale e valerá sempre como norma de comportamento social e humano:
“Non podedes servir a Deus e mais ó diñeiro”.
Os propios bens fan falla para moitas
cousas, mais o que non debemos facer é convertérmonos en “escravos” deles e
acugulármonos así de cada vez máis e máis cousas. Un faise escravo deles cando
non é solidario coas necesidades dos demais. Da maneira que sexa. Porque hai
moitas maneiras de se comportar solidariamente, dado que hai moita xente no
mundo que o está a pasar mal. Mentres que neste momento, segundo se nos di, os
máis ricos se fixeron aínda máis ricos, a xente máis ou menos normal e os
pobres fixéronse aínda máis pobres.
Todo isto aféctanos a todos. A Igrexa
mesma como institución e organización necesitaría tomar máis en serio as
palabras de Xesús. Lembraredes o que dixo nalgún momento o papa Francisco: “Como
me gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!”. Frase que eu polo menos recordo
que a algúns ben situados non lles gustou moito cando as dixo. Por iso o
interese do papa Francisco por reformar as finanzas do Vaticano para que tamén
alí, e en primeiro lugar, sexa verdade o de non “servir ó diñeiro”, senón unicamente
a “Deus”. Naturalmente, dicir aquí “Deus” equivale a dicir persoas pobres ou
necesitadas. Pois está ben claro que só poderemos servir a Deus se servimos ós
nosos irmáns.
Non pensemos que este non facérmonos
escravos dos nosos propios bens nos danará na propia vida. Todo o contrario.
Gañaremos con iso en felicidade e en persoas que pola súa parte nos ofrecerán o
que poidan: a súa amizade e o seu amor. Sabemos ben que este tipo de cousas non
se mercan con cartos. É así será verdade aquilo que se nos di no texto de Lucas
de “facer amigos coa riquezas inxustas”.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/25-tempo-ordinario-c-lucas-161-13-3/
Comentarios
Publicar un comentario