FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXVI DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Os
pobres no centro da Igrexa
(25
setembro 2022)
As parábolas dos textos dos evanxeos
adoitan ser claras e o seu sentido enténdese normalmente ben. O que pasa é que
ás veces non as tomamos suficientemente en serio. Hoxe temos diante unha
parábola máis de Lucas, impresionante como tódalas súas. Ademais, tamén esta
parábola é exclusiva del, pois outros textos dos evanxeos non a refiren. Como é
ben sabido, en Lucas hai unha preocupación notábel por nos presentar a estima
que ten Xesús dos pobres, da súa dignidade e da súa función na Igrexa.
Por iso, a Igrexa ten que ser unha
Igrexa dos pobres, onde eles se sintan a gusto como en casa propia. Como isto
con frecuencia non funciona así, o papa Francisco anda dicíndonos, un día si e
outro tamén, que teriamos que acostumármonos a ver e a practicar esa estreita
relación entre fe cristiá e xente pobre e necesitada. A Igrexa ten que aprender
de novo a irse desprendendo de xeitos de proceder que teñen máis parecido cos
comportamentos de xente rica e podente ca cos modos de ser e de vivir de xente
sinxela, traballadora, sufrinte e necesitada.
Simplemente porque Xesús se comportou así.
Fíxose pobre cos pobres, sufrinte cos sufrintes, necesitado cos necesitados. Os
que polo menos en intención nos consideramos seguidores del teremos que seguilo
nese comportamento.
Sempre me chamou a atención na parábola
de hoxe a naturalidade, para dicilo dalgunha maneira, con que nela se conta,
sen máis preámbulos, que o pobre Lázaro morreu e foi recibido no ceo e que o
rico tamén morreu e que non foi acollido entre os xustos. Non se di nada
directamente sobre a relixiosidade dos dous. Polo que se ve, todo semella
indicar que en Lucas van estreitamente unidas, por un lado, pobreza e salvación
e, polo outro, riqueza e condena. Isto está naturalmente en relación co que
Lucas -como lembraredes- poñía en boca de Xesús no anterior domingo: “Non
podedes servir a Deus e mailo diñeiro”.
Na mensaxe hai algo fundamental. Vénsenos
dicir que todos (sexamos da ideoloxía, cultura, país ou relixión que sexa)
temos un mesmo Pai, aquel que invocamos dicindo “Noso Pai que estás no ceo”.
Que todos somos e debemos comportarnos, xa que logo, entre nós como irmáns.
Agora ben, que é ou que significa o
feito de que en tantas partes do mundo haxa uns que fan esmorga case a diario,
sentados ou deitados sobre feixes de billetes, e outros teñan que rebuscar no
lixo para poderen atopar algo pra comer?
Iso significa simplemente que non
existe verdadeira irmandade. Pois ben, ese non é o plan de Deus nin o seu
proxecto. No evanxeo denúnciase tal estado de cousas con toda claridade. Lázaro
ten para el a mesma dignidade de fillo de Deus có rico. Mais ese rico, co seu
comportamento, abdicou da súa dignidade de fillo de Deus e de irmán dos demais
para se facer escravo da propia riqueza, xa que -tal e como el se comportaba- o
seu señor non era Deus senón o diñeiro. Deus, en cambio, maniféstase no seu
fillo Xesús como Pai de todos, creando liberdade e fraternidade. O rico, ó se
facer escravo da riqueza e se converter en adicto a un consumismo desenfreado,
perdeu toda dignidade. Lucas nin sequera lle pon nome, como si llo pon a
Lázaro. É unha persoa, pois, sen dignidade e sen nome, por máis que a tradición
posterior lle inventase un nome, o de Epulón (do “epulor” latino, que ten que
ver coas enchentes ás que a diario se dedicaba).
O texto de Lucas non nos di que o
diñeiro en principio sexa cousa mala. O que é malo é facérmonos escravos del,
permitindo que nos poña unha venda nos ollos para non ver os necesitados que
temos ó lado. A actitude inmoral do rico non está propiamente en que o rico
sexa rico. Pode ter adquirido esas riquezas co seu esforzo, co seu traballo ou
coas súas lexítimas habilidades. O malo do seu comportamento consiste en que
non se deixa conmover pola pobreza e miseria do seu irmán necesitado. Non o
olla coma irmán, senón coma un infrahumano ó que só se lle permite que poida
atrapar debaixo da mesa algunha frangulla de pan ou os desperdicios dunha boa
tallada de tenreira.
Cando consideramos os demais como infrahumanos
e deixamos polo tanto de velos como iguais a nós, convertémonos entón en seres
inmorais. E ben sabemos que o malo do mundo de hoxe son precisamente as
tremendas desigualdades que existen entre uns e outros en relación coas
posibilidades de vivirmos cun mínimo de dignidade.
En resumidas contas, o noso destino, a
nosa pertenza ou non ó que no Novo Testamento se describe como “reino de Deus”,
xógase ou decídese nisto: en se exercemos ou non a misericordia e a bondade de
irmáns coas persoas que estean ó noso lado.
Porque en última instancia son eses
actos os que verdadeiramente salvan. Non aqueles outros de correcto cumprimento
de normas rituais ou exteriores, realizadas á marxe do que verdadeiramente
importa: o exercicio efectivo da nosa común fraternidade.
Manuel Cabada
Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-c-lucas-1619-31-3/
Comentarios
Publicar un comentario