27º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C
Primeira Lectura Hab 1, 2-3; 2, 2-4
O xusto vive pola súa fe
LECTURA DO LIBRO DE HABACUC
Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,
sen que ti fagas caso?
Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?
Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime?
Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.
Respondeume o Señor e díxome:
‑Escribe a visión e grávaa en taboíñas,
para que se lea de corrido,
pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,
falará da fin e non mentirá.
Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.
Velaquí: o temerario faise forte,
o seu alento camiña con el,
pero o xusto vivirá pola súa fe.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
Non endurezades os vosos corazóns.
Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.
Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.
Segunda Lectura 2 Tim 1, 6-8. 13-14
Non te avergonces do testemuño do noso Señor
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
Recórdoche que reavives o don de Deus, que tes recibido pola imposición das miñas mans.
Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, agarimoso e sobrio.
Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ao contrario, comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.
Mantén como modelo, na fe e no amor de Cristo Xesús, as ben fundadas palabras que me escoitaches.
E garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Pe 1, 25
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor permanece eternamente;
e esta é a palabra que se vos anunciou.
Aleluia.
Evanxeo Lc 17, 5-10
Se tivésedes fe!
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, rogáronlle os apóstolos ao Señor:
‑ Auméntanos a fe!
O Señor respondeulles:
‑ Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.
E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ao criado por facer o que lle manda?
Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer".
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario