FICHA E LECTIO: Domingo 27 de Ordinario C
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
DOMINGO XXVII ORDINARIO
Pesos pesados na crenza
A temática da fe
é a que aparece no comezo mesmo do evanxeo de hoxe, ó lle pediren os apóstolos
a Xesús que lles “aumente a fe”. Unha fe que é considerada polos teólogos como
a primeira das chamadas “virtudes teologais” (xunto coas virtudes da
“esperanza” e da “caridade” ou do amor). “Teologais” porque están en relación
directa con Deus mesmo, que as suscita ou promove en nós por medio do seu
Espírito. Só el, o Deus Pai que se nos amosa en Xesús, pode “aumentala” en nós
se llo pedimos con aquela confianza que el mesmo nos dá.
Unha fe, que
–como en teoría ben sabemos- non é tal sen as obras, é dicir, sen o exercicio e
a práctica da nosa confiada relación con Deus e do noso amor a todos. Isto
último é en calquera caso decisivo, teña ou non teña quen leva á práctica o
amor aquela fe explícita que pola nosa parte nós recoñecemos ter recibido como
don gratuíto e xeneroso de Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús. Trátase así
dunha práctica ou realización cristiá da fe que nos converte a todos en
“servidores” de Deus e do seu Fillo Xesús, á maneira do humilde criado
cumpridor do que se nos fala na curta parábola de hoxe.
Unha vez máis é
tamén aquí Lucas o único dos redactores dos textos dos evanxeos que non quixo
que permanecese no esquecemento esa parábola de Xesús que remata con aquela
lección tan fermosa de humildade e alegría en
relación co noso traballo
pola realización do Reino de Deus: “Cando fagades todo o que se vos mande,
dicide: ‘Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que
facer’”. Logo de aludir a
estes dous temas, o da nosa fe e o do noso servizo a ela como condición
necesaria para que esta fe sexa unha fe verdadeiramente viva e non morta,
quixera facer unha curta alusión a unha santa e mais a dous santos que poderían
ser considerados como verdadeiros “pesos pesados” na categoría da súa fe en
Deus, sen con isto lle querer restar méritos a ningún outro santo do calendario
litúrxico. Pois resulta que temos ben próximas as festividades dos tres e por
iso quero facer unha curta lembranza deles, porque coido que se distinguiron
precisamente nesa fe e nesa realización práctica da mesma ás que me estou a
referir. Son estes tres:
Santa Teresa do Neno Xesús, San Francisco de Borxa e San Francisco de Asís. As
súas festividades, practicamente seguidas, celébranse nos días 1, 3 e 4 do mes
de outubro.
Santa Teresiña do
Neno Xesús, como ben saberedes, foi un limpo e inimaxinábel modelo de fe e
confianza feliz e absoluta en Deus. Viviu e practicou unha espiritualidade que
se adoita chamar “infancia espiritual”. Tiña unha relación de fe e confianza en
Deus á maneira dunha nena cos seus pais. Unha relación deste tipo non vale só
pra os cativos, senón tamén para persoas adultas, porque ante Deus somos ou
debemos ser todos sempre nenos, por moitos particulares aniversarios teñamos xa
celebrado. Disto decatouse ben o gran pensador e escritor vasco, Unamuno,
naquel poema seu que a min tanto me gusta e que por iso algúns de vós
posibelmente me oístes recitar desde aquí algunha vez. Vén sendo unha réplica
poética daquilo de Xesús: “Se non vos facedes coma nenos non entraredes no
Reino dos ceos”. Recítovos, pois, unha vez máis o poema de Unamuno: "Agranda la puerta, padre, / porque no
puedo pasar; / la hiciste para los niños, / yo he
crecido a mi pesar. / Si no me agrandas la puerta, / achícame, por
piedad; / vuélveme a la edad bendita /
en que vivir es soñar". A santa francesa,
Teresiña do Neno Xesús, puido coa
graza de Deus “achicarse” ata ela se sentir coma nena pequena ante o Pai Deus,
tal como llo pedía Unamuno ó seu
e noso Pai Deus.
Teresiña tiña só 24 anos cando se foi á casa do Pai Deus.
En canto ó santo
valenciano Francisco de Borxa, hai que indicar que el tiña de todo na
vida: diñeiro, moi altos cargos políticos, etc. Mais non permitiu
que o diñeiro ou os honores se fixesen donos del, seguindo as
palabras de Xesús, que comentabamos o
outro domingo, de que “non podemos servir a Deus e mailo diñeiro”. Deixouno, pois, todo e fíxose humilde xesuíta, aínda que chegase despois a desempeñar
como Prepósito Xeral o máximo
cargo dirixente na Compañía de
Xesús. Cóntase del que, á morte da emperatriz
Isabel, tivo que acompañar o seu cadáver
desde Toledo ata Granada
para testemuñar nesta cidade andaluza a autenticidade da defunta. Tan impresionado
quedou pola morte e transformación física da emperatriz que decidiu pedir ser admitido na
Compañía de Xesús pra se dedicar o
resto da súa vida a testemuñar a
súa fe en Xesús, convertido para el dende
aquel momento en único fiábel Señor
seu. “Non servirei señor que se me poida morrer”, cóntase que dixo.
Varios
séculos antes que estes dous - Francisco de Borxa e Teresa do Neno Xesús
– viviu o terceiro
gran santo: Francisco de Asís. É precisamente
o nome de pía deste santo
o que escolleu para si o actual papa
por el simpatizar moito coa súa figura. Un santo que revolucionou a Igrexa de Deus co seu amor ós pobres e á natureza toda.
Unha natureza esta que reflicte en
si a fermosura de Deus nas aves,
nos animais, na auga, no sol. Sendo como é un santo dos tempos medievais conecta, como
ben sabedes, moi ben cos desexos e arelas
de moitas persoas e culturas do noso tempo.
Por iso hoxe, e ante
a proximidade temporal a este domingo das festividades
destes tres grandes santos
que tiveron unha fe tan firme
e agradecida no Deus de Xesús,
estamos todos convidados a desexar vivamente que esa fe “aumente”
en nós tal e como ocorreu
neles e tal como
explicitamente llo pediran tamén
a Xesús os seus apóstolos,
segundo nos conta Lucas no evanxeo
de hoxe.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/27-tempo-ordinario-c-lc-175-10/
Comentarios
Publicar un comentario