FICHA E LECTIO: Domingo 31 de Ordinario C
Debuxos de: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Dende o balcón da figueira
(3 novembro 2019)
Hai na liturxia de hoxe un notábel contraste
e, tamén, axeitado complemento entre a Primeira Lectura e o texto do evanxeo,
no que o protagonista é alguén chamado Zaqueo. No libro da Sabedoría fálasenos
da grandeza de Deus e no evanxeo do seu rebaixarse en Xesús ata conversar de
igual a igual cos pecadores, parando cas deles, cousa que resultaba
inconcibíbel nas categorías sociais e relixiosas daquel tempo .
Mais case máis importante có
detérmonos neste contraste entre ámbolos dous textos é ver como Deus mantén en
realidade o seu mesmo modo de ser en relación coa grandeza do universo material
e na súa relación coas persoas. Nun caso e noutro amósase el sempre grande,
magnánimo, sorprendente.
Vexamos. No Libro da Sabedoría hai
conciencia de que no universo se expresa dalgunha maneira o mesmo Deus. Mais,
sen que isto se negue, amósase este mesmo Deus como incomparabelmente máis
grande có universo, por grande que este sexa: “o universo todo, de fronte túa
–dísenos neste libro do Antigo Testamento- é como un lixo na balanza e como
pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra”.
Isto segue a ser válido nos nosos
tempos por máis que hoxe en día saibamos moito máis sobre a grandeza do
universo que cando se escribiu o Libro da Sabedoría. Actualmente fálannos os
astrónomos e astrofísicos de miles de millóns de galaxias existentes no noso
universo e da posibilidade incluso de que existan outros universos iguais ó
noso ou moito máis extensos, incluso innumerábeis.
Podemos pensar que esta excelsitude
divina, reflectida na grandeza do universo, é precisamente a que fai que sexa
Deus tan dadivoso e magnánimo en tódalas súas criaturas. Por iso non lle vai a
el ser envexoso, resentido, “malo”. Á fin e ó cabo, todo vén del. Desde as
partículas elementais máis pequenas ata as galaxias máis descomunais. Todo
procede del e quere e ama, polo tanto, tódalas cousas.
É isto o que se deduce de moitas
expresións deste Libro da Sabedoría. Velaquí algunhas: “compadecícheste de
todo, pois todo o podes”; “todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da
vida; pois o teu sopro incorruptíbel mora en tódalas cousas”; “amas tódolos
seres e non rexeitas nada do que fixeches”.
Deus e, polo tanto, bondadoso,
magnánimo, porque a súa creación, e nós nela, procedemos del e nel estamos
(“nel vivimos, nos movemos e estamos”) ou, como se di no Libro da Sabedoría, el
está en nós (“o seu sopro inmortal está en todo”).
Agora ben, é esta grandeza de
Deus a que se vai amosar tamén no encontro de Xesús, imaxe humana de Deus
Pai-Nai, con Zaqueo, tal como nolo describe Lucas no seu relato de hoxe.
Polo que alí se nos di, Zaqueo
era “pequeneiro” de talle, mais grande en desexos e anceios. Buscaba con teima
a felicidade e chegou por iso a ser “moi
rico” (tal como se nos di), posibelmente a costa tamén doutros que, de cando en
vez polo menos, el asoballaba. Mais a sona de Xesús, un personaxe singular, que
non dispuña de riquezas materiais mais que facía felices a cantos o seguían,
inquietábao. Correu, pois, e subiuse a unha figueira coa idea de se pór así a
tiro da ollada de Xesús, que por alí ía pasar.
Zaqueo non sospeitaba nin era
consciente de que en realidade e de verdade era o propio Xesús o que lle estaba
a dar forzas e presteza, ó seu corpo e ós seus pés, para correr e apulitar
figueira arriba. E iso que Zaqueo tiña que saber moi ben que as pólas das
figueiras eran perigosas, pois non se deixan domear coma as doutras árbores,
senón que rompen de súpeto cando un menos o pensa. “Coidadiño coas pólas da
figueira, que vos son moi falsas”, dicíanos miña nai ós seus fillos pequenos
cando subiamos á nosa frondosa figueira, pegada á parede da casa, para paparmos
algúns figos.
Mais
Zaqueo non sube á figueira a por figos, porque el, como rico que era, dispuña
de abondosos alimentos na súa casa e na súa mesa para non ter que andar
buscándoos entre as follas dunha humilde e xenerosa figueira. El quere ver
Xesús. El vai ver Xesús. Non por curiosidade, non. Ocorría que a persoa de
Xesús estaba hai tempo movéndolle o corazón, aínda que Zaqueo non fose capaz de
se dar suficientemente conta do que lle estaba a pasar... Como era Xesús quen
levaba a iniciativa neste encontro salvador, sen que Zaqueo se puidese decatar
ben diso, a sorpresa de Zaqueo tivo que ser maiúscula cando de súpeto escoita
que Xesús se “autoinvita” a comer na súa casa: “Zaqueo, baixa, que hoxe teño
que comer na túa casa”...
Unha vez
máis temos aquí o xantar compartido como símbolo da íntima e igualitaria
relación, persoal e comunitaria, de Deus, do Deus de Xesús, connosco e de nós
con el. Non o esquezamos: é sempre Deus, o Deus de Xesús, quen convida. Nunca
somos nós os que o convidamos a el. Só temos, pola nosa parte, que poñermos a
tiro del, por máis que mesmo nisto sexa el que tira tamén de nós.
Zaqueo
acada así unha viva experiencia da grandeza, da bondade, da xenerosidade do
Deus de Xesús ó se atopar deste modo, inesperadamente, man a man con el na súa
casa. Unha experiencia semellante non pode menos de transformar Zaqueo. De
rico, explotador ou asoballante pasa a sentir os demais como iguais a si mesmo
en canto fillos dun mesmo pai: “darei a metade de canto teño ós pobres e, se
roubei a alguén, devolvereille catro veces máis”. En adiante, Zaqueo será menos
rico en cousas das que presumir ou fachendear, mais terá un tesouro infinito: a
riqueza dun Deus que se fai amigo del en Xesús e a plenitude que proporciona a
irmandade coas persoas coas que convive, que el fai partícipes dos seus bens. Tales
persoas deixan xa de se sentir asoballados por el e acadan a dignidade de
irmáns seus, cos que se comporta fraternalmente.
Amósase así
nidiamente unha vez máis a vertente social da mensaxe de Xesús, tal como Lucas
a percibiu. Isto é válido e importante nas celebracións eucarísticas.
Xustamente pouco antes de recibirmos a comuñón eucarística dicimos nós: “eu non
son merecente de que entres no meu fogar...”. Tampouco Zaqueo era “merecente”
de que Xesús parase no seu fogar, na súa casa, e así o pensaría seguramente el
tamén tras escoitar desde a figueira as palabras de Xesús. Mais nesta nosa
relación con Deus non teñen cabida algunha os chamados “méritos” propios, pois
un nunca os pode ter desde si mesmo. Aquí só campa a gratuíta e xenerosa
iniciativa de Xesús, que busca a nosa felicidade e plenitude.
Preguemos
xuntos, irmás e irmáns, a Deus Pai, para que nos transforme como a Zaqueo en
verdadeiros amigos de Xesús e solidarios cos demais, dicindo: Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
-
Fainos,
Pai, impulsores de felicidade e vida para todos. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-
Dános,
Pai, desexos de te coñecer e de sentarnos á túa mesa. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Transfórmanos, Pai, en persoas solidarias e críticas de calquera forma de inxustiza entre as persoas e os países:
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/31-tempo-ordinario-c-lc-191-10/
Comentarios
Publicar un comentario