FICHA E LECTIO: Domingo 29 de Ordinario C



LECTIO:

Ora e traballa
(20 de outubro de 2019)

            Máis dunha volta se alude no evanxeo de Lucas á importancia da oración e ás escenas correspondentes nas que el presenta Xesús retirándose ó monte a orar, para falar co seu Pai-Deus e pai noso tamén. Xesús era o “benquerido”, o infinitamente querido polo Pai e en ningún outro sitio –se podemos falar así- se atoparía el máis a gusto ca con el, conversando co seu Pai Deus. Por outra parte, a vida interior de Xesús tiña que ser necesariamente algo así coma un intenso fervedoiro de vida e paixón intensa ante a tarefa de redención e salvación ou liberación da humanidade que o Pai lle encomendara. Algo que nos resulta totalmente imposíbel de imaxinar. Nese sentido a súa forza ou a súa fonte reconfortante era o Pai Deus.

            En relación co texto de hoxe, nos escritos do especialista bíblico e compañeiro xesuíta José Luis Sicre atopei ideas e datos que me resultan ben axeitados para o comentario de hoxe. A eles vou referirme a continuación. Dinos el que os cristiáns ós que Lucas dirixiu o seu evanxeo non tiñan moito costume de rezar, posibelmente porque a meirande parte deles se converteran recentemente do paganismo, “igual ca moitos cristiáns actuais –comenta el- que só se lembran de Santa Bárbara canda hai tronada”. A iso se debería a frecuencia coa que Lucas se refire no seu evanxeo a moi diversos tipos de oración realizada por diversos personaxes bíblicos relevantes e de maneira especial, exemplar e eminente polo propio Xesús.

           Polo que parece, a comunidade á que Lucas se dirixía vivía angustiada , nunha “crise moi grave”, que se podería ver en conexión co que a parábola de hoxe pon en boca de Xesús ó el nos falar dos “seus elixidos, que claman día e noite”.

            Para unha certa comprensión da situación anímica daqueles cristiáns, que podería asemellarse á de determinados grupos cristiáns ameazados e perseguidos tamén hoxe en día (nas zonas de guerra en África, por exemplo), cumpriría ter en conta que Lucas escribiu o seu evanxeo entre os anos 80 e 90 do século I e que foi precisamente no ano 81 cando subiu ó trono o emperador Domiciano. Este emperador romano perseguiu duramente os cristiáns tras promulgar a súa lei de que “ningún cristián, unha vez traído ante un tribunal, quedase exento de castigo se non renunciaba á súa relixión”.

            Pois ben, a parábola de Lucas acáelle ben a un contexto coma este de persecución dos cristiáns, que en consecuencia claman xustiza “día e noite”. Trátase neste sentido dunha parábola, como se nos di no comezo do texto de Lucas, “verbo da necesidade de orar sempre, sen cansar”.

          O contraste entre a fachendosa e prepotente figura do xuíz desprezador tanto de Deus como das persoas humanas e a outra humilde mais teimuda figura da viúva que lle reclama xustiza é moi instrutivo para un cristián consciente da súa fe nun Deus todopoderoso, que ademais é Pai, verdadeiro pai agarimoso. O modo de a viúva pobre se relacionar, día tras día e durante moito tempo, co xuíz ou mandatario inxusto, reclamándolle xustiza, viña ser algo semellante ó que hoxe en día ocorre nos que chaman “escraches”, cos que os prexudicados protestan publicamente en contra dos prexuízos que lles ocasionaron determinadas persoas ou institucións.

            Se no caso do xuíz inxusto accede este por puro cansazo e fastío ás demandas que se lle formulan, no caso da oración que lle diriximos a Deus Pai trátase de algo moi distinto. Pois el é o Pai que nos quere, como quere en primeiro lugar o seu fillo Xesús, por máis que permitise que este seu fillo benquerido pasase por moitas e duras angustias vitais antes de lle facer finalmente “xustiza a tempo”, como se nos di no texto de Lucas.

            Por todo isto, a oración ten que ser durante toda a nosa vida non só lene brisa que nos refrixera nun momento concreto e pasaxeiro, senón unha verdadeira “necesidade” persoal e comunitaria, coma a do aire que precisamos respirar, pois énos imprescindíbel para mantérmonos vivos. Unha necesidade, unha actitude continua e constante nosa, ben conscientes de que non podemos prescindir de Deus e de que el endexamais nos deixará abandonados.

            A oración procede da nosa fe en Deus e dános ó tempo confianza nel, empuxándonos a practicar e loitar pola xustiza, ó revés de como se comportaba o xuíz inxusto. Porque a oración ha ir sempre acompañada, como ocorreu no caso de Xesús, pola acción a prol da xustiza, por unha actitude de proximidade ós pobres e necesitados e crítica ó tempo cos poderosos e “xuíces inxustos” que non se preocupan senón pola súa particular comodidade e interese.

            Ben o formula dalgunha maneira o coñecido refrán de “a Deus rogando e co mazo dando”. Polo tanto, orar e mais actuar. Ou, como di o lema de San Bieito, “ora et labora”, “ora e traballa”. Unión orante con Deus e exercicio concreto de evanxelización, anuncio da “boa nova” de Xesús. Esa foi a práctica de Xesús e así deberiamos comportarnos tamén nós. Traballarmos nós, mais conscientes ó mesmo tempo de que neste noso traballo está a traballar tamén Deus connosco. Tal como o formulou Santo Ignacio de Loiola, “facer as cousas como se todo dependese de nós  e confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del”. Son algo así como esas dúas alas coas que as aves do ceo saben voar seguras. Se teimamos en voar cunha soa desas alas, daremos inútiles voltas sobre nós mesmos para caermos logo contra o chan.

Na Lectura do Antigo Testamento vimos como os israelitas tiñan éxito na batalla contra os amalecitas cando Xosué loitaba coa espada e, ó tempo, o xa velliño Moisés erguía as mans, en sinal de oración, cara ó ceo pedindo a vitoria. O traballo bélico e a oración residían aquí, como vedes, en persoas distintas. A oración resultaba ser tamén neste caso eficaz, aínda que o experto bíblico Sicre non deixe de sinalar, algo ironicamente, que “a idea de usar a oración para matar amalecitas non parece a máis evanxélica”. Algo semellante ó que facía Moisés, aínda que por outra parte moi distinto, é o que se indica no que os xesuítas chamamos o noso “Catálogo” anual, un rexistro onde figuran os nomes e mailas actividades dos que residimos nas diversas casas. Nel aparecen tamén compañeiros maiores ou enfermos que non están en condicións de exercer actividades directamente evanxelizadoras. Con todo, ó lado do seu nome figura esta pequena frase: “Ora pola Igrexa e pola Compañía”. É dicir: ora ou reza por cantos na Igrexa ou na Compañía están aínda en situación de poderen exercer algún tipo de actividade exterior, anunciando dunha ou doutra forma a “boa nova” de Xesús. Son orantes “puros” e, xa que logo, moi meritorios.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:

https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-c-lc-181-8/

http://remoldapalabra.blogspot.com/2019/10/domund-2019.html



Comentarios

Publicacións populares