Domingo 29 do Tpo. Ordinario C
Mentres Moisés levantaba a man, vencía Israel
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, viñeron os amalecitas e atacaron Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué:
‑ "Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".
Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían ao cume do outeiro.
Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento, ao tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas.
As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.
Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8
R/. (cf. 2): O noso socorro vén do Señor, que fixo o ceo e mais a terra.
Alzo os meus ollos cara aos montes:
de onde virá o meu socorro?
O meu socorro vén do Señor,
que fixo o ceo e mais a terra.
El non deixa que esvare o teu pé,
o teu gardián non dorme;
non dorme, non adormece,
o gardián de Israel.
O Señor é o teu gardián,
O Señor é o teu arrimo, está á túa dereita.
Polo día o sol non che fará dano
nin a lúa pola noite.
O Señor gárdate do mal,
El garda a túa vida.
O Señor garda a túa chegada e a túa saída,
agora e por sempre.
Segunda Lectura 2 Tim 3, 14 -- 4, 2
Perfecto sexa o home de Deus, idóneo para calquera obra boa
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che ensinar o camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase idóneo para calquera obra boa.
Pídoche diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste teimudamente, corrixe, reprende, aconsella con moita paciencia e doutrina.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Heb 4, 12
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
A palabra de Deus é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.
Evanxeo Lc 18, 1-8
Deus faralles xustiza aos seus elixidos que claman a El
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, Xesús propúxolles aos seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
‑ Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ao meu contrario". El, durante moito tempo, non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
E o Señor continuou:
‑ Escoitade o que di un xuíz inxusto. E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra?
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario