Novidades na música relixiosa galega
Benqueridos irmáns:
Xa hai tempo que toda Galicia vén de reclamar unha renovación ou polo menos algo de movemento na música relixiosa popular galega, pois ben, os tempos son chegados. Desde a editorial SEPT, vimos de facer un chamamento a toda a Igrexa galega que traballa na inculturación e necesitamos que os músicos celebredes con nós este momento.
Temos prevista unha reunión conxunta o día 27 de decembro en Santiago ás 17.30 da tarde no colexio La Salle -en breve recibiredes a convocatoria xeral- para falar sobre como facer unha plataforma que facilite unha comunicación entre as persoas, cregos e laicos, grupos, movementos, colexios... que traballamos neste eido e vós teredes un espazo moi importante, porque Galicia non se entende sen a nosa música. A nosa oración chega a Deus a través das nosas voces e necesitamos o voso corazón para expresala en nome de todos.
Sei que temos que ver de facer un encontro propio porque hai moitos temas que falar especificamente musicais:
- Cantos que nunca se gravaron e deben gravarse para que non se perdan
- Cantos que nunca se compartiron
- Arranxos para actualizar os cantos
- A necesidade de renovación de cantorais
- A importancia da divulgación e a difusión da nosa música litúrxica
- Proxectos novos
- Necesidades urxentes
- Traballo en rede
- ...
Todo isto e todo o que vós aportedes sobre estes temas e os que propoñamos entre todos. Pero antes, e para renovar a esperanza e a ledicia, xa temos en marcha un proxecto para o que buscamos voluntarios (algúns xa están apuntados). Trátase dunha web de oración na que os cantos teñen unha parte reservada moi importante, a idea é chegar algún día a facer unha oración diaria (xa a Escola de Espiritualidade con Manolo Regal ao fronte comezou un traballo similar, e que vai colaborar connosco) pero enfocado máis ben á mocidade, que buscan novas formas de oración. De momento, e sendo realistas, conformámonos coa oración dominical para poder incorporar a música simultaneamente. As parroquias galegas que o desexen participarán tamén.
Levou un tempo que o Espírito mostrase o camiño, pero pensamos centrar o voso papel en frases musicais, xa que elaborar cantos longos -ben o sabedes vós o traballiño que dá facelos- non é viable e menos a curto prazo. Esta é a proposta:
- Un podcast coa antífona dos Salmos dominicais, para que se poida cantar na misa (esta xa está elaborada, só sería gravala, e parece que xa hai voluntarios, podedes unirvos).
- Un podcast cunha frase significativa do Evanxeo do día a modo de canon, é dicir, unha breve frase musical que se vai repetindo para acompañar á oración (como se vén facendo en Taizé desde os seus comenzos, precisamente por esta mesma necesidade de simplificación, excluíndo, neste caso, as voces solistas).
Hai máis cousas pensadas para traballar, pero isto é de necesidade inminente, pois queremos comezar co novo Ciclo Litúrxico neste Advento.
Así que vos pedimos, alegría, ilusión, compromiso e traballo polo Reino, porque Deus tamén fala galego. Non queremos forzar a ninguén pero si invitarvos a todos a colaborar, xa sabedes que non gañamos cartos con estas cousas, pero o noso espírito medra tan alto como as nosas melodías. Asegurámosvos agradecemento e eterna memoria no corazón do pobo galego crente.
Non hai fixadas "cantidades" tampouco, cadaquén pode comprometerse en función das súa situación persoal e capacidade, e elixe tamén o momento. Dá igual que poidades facer 2 frases que 20 (esaxerando, non se lle pide a ninguén ese esforzo), todas as pedras fan Igrexa, non importa quen as poña.
E, por último, vós sabedes máis ca nós do voso mundo, compartide esta comunicación e facédea chegar a todos aqueles que pensedes que poderían participar no proxecto. Como dicía a miña nai: Traballos compartidos, traballos divididos. Sabio consello cristián, compartir e participar, xa só falta un enorme sorriso cheo de esperanza evanxélica.
En fin, que quedamos á espera do que nos respostedes, e nos gustaría, de corazón, que entre todos fagamos un esforzo -outro máis, e os que veñen despois...- por seguir o mandato do evanxeo de compartir a nosa alegría: Ide e pregoade...
Un saúdo agarimoso na fe.
Nuria M. Núñez Elissetche
Secretaria da Editorial SEPT
PD. Por favor, comunicarvos comigo polo correo: xanostesaqui@gmail.com e aportade os vosos datos e disposicións En breve repartiremos o traballo.
Comentarios
Publicar un comentario