Defendo o traballo decente - Xornada Mundial polo Traballo Decente 07/10/19

Defiendo el trabajo decente #Iglesiaporeltrabajodecente

MANIFESTO FRONTE Á INDECENTE PRECARIEDADE, 
TRABALLO DECENTE, COMO DEUS QUERE

Por quinto ano consecutivo, as organizacións que integramos a iniciativa «Igrexa polo Traballo Decente» (ITD) celebramos, o 7 de outubro, a Xornada Mundial polo Traballo Decente para facer visible a indecente precariedade que sofre o mundo do traballo. Xunto a todos os axentes que participan na organización política, económica e social do traballo, urximos a adoptar as medidas necesarias para conseguir que o Traballo Decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas.

En xuño celebrouse o centenario da Organización Internacional do Traballo no marco da súa 108ª Conferencia, onde se constatou a necesidade de orientar todos os esforzos a asegurar unha transición xusta a un futuro do traballo que contribúa ao desenvolvemento sustentable nas súas dimensións económica, social e ambiental. A aposta común foi a de aproveitar todo o potencial do progreso tecnolóxico e o crecemento da produtividade para lograr traballo decente e desenvolvemento sustentable, con obxecto de asegurar a dignidade, a realización persoal e unha distribución equitativa dos beneficios para todos.

As preguntas que lanzamos neste 7 de outubro son estas: En que se transformou hoxe a dignidade do traballo? Que precariedade laboral é a que sufrimos as fillas e fillos de Deus? Cando falamos de precariedade laboral facémolo de vidas truncadas, vulnerables e violentadas; de persoas explotadas e abusadas por contratos temporais e eventuais, con soldos que non concordan coas horas realizadas, sen seguridade no posto de traballo e suxeitos a unha flexibilidade que acaba crebando a dimensión persoal das persoas traballadoras ao imposibilitar unha verdadeira conciliación entre traballo, familia, descanso, participación social e lecer. Seguimos constatando como o traballo está lonxe de ser un dereito que garanta a dignidade da persoa, mentres segue aumentado o número de traballadores e
traballadoras pobres.


O testemuño de Alberto, un mozo traballador que reside en Madrid, pon voz a esta realidade. «Actualmente traballo 16 horas semanais e cobro 560 euros. A resposta do meu xefe as veces que lle comentei o tema do salario, da categoría sempre foron: "Agora non é o momento", "a cousa está moi mal", "xa ves como está a situación, non fai falta que che conte", "agora non hai diñeiro" [...]  Encima hai outras persoas que insinúan que quizais é que non te esforzas o suficiente, que non traballaches todo o que deberías, que o teu traballo non o é todo para ti e iso nótao o xefe, que o teu currículo non é o suficientemente amplo, isto é, QUE A CULPA É TÚA».

Como organizacións e movementos de Igrexa encarnados na realidade do traballo, queremos ser boa noticia nas nosas casas e barrios, lugares de traballo e centros de estudos. E volvervos a lembrar que "a política económica debe estar sempre ao servizo do traballo digno". En palabras do papa Francisco "cando a sociedade está organizada de tal modo, que non todos teñen a posibilidade de traballar, de estar unidos pola dignidade do traballo, esa sociedade non vai ben: non é xusta! Vai contra o mesmo Deus, que quixo que a nosa dignidade comece desde aquí. A dignidade non nola dá o poder, o diñeiro, a cultura, non! A dignidade dánola o traballo!". E un traballo que sexa realmente digno, porque hoxe "tantos sistemas sociais, políticos e económicos fixeron unha elección que significa explotar á persoa".

Sensibles a esta realidade, conscientes da importancia de establecer pontes e mirando ao mundo desde as periferias nas que estamos presentes, nesta Xornada Mundial reivindicamos que:

- Tódolos poderes públicos se comprometan de forma activa na construción dun sistema económico, social e laboral xusto, fraterno e sustentable que sitúe á persoa no centro.

- O traballo sexa garante de dignidade e xustiza, así como do desenvolvemento integral da persoa, das súas capacidades, dons e vocación, empezando polas persoas máis descartadas e excluídas.

- O traballo sexa fonte de recoñecemento social e persoal, a través da dignificación dos coidados, con novas formulacións de políticas sociais, de xénero e educativas en igualdade entre mulleres e homes, sen esquecer o dereito a unha conciliación real da vida familiar e laboral.

- O traballo é para a vida, polo que é imprescindible que se realice nunha contorna de seguridade e saúde, con condicións que garantan a integridade física e psíquica da persoa.

Como Igrexa viva inserida no mundo onde bole a vida, as entidades que formamos a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente acompañamos esta dura realidade social e os seus efectos deshumanizadores. Estamos chamados por iso a estar alerta para denunciar, desde a tenrura, a compaixón e o estilo de vida de Xesús de Nazaret, a denigración que está a sufrir a persoa e o traballo.

Nesta Xornada que coincide co inicio do Sínodo especial para a Amazonía, compartimos con todos os convocados a esa esperanzadora cita tanto os retos que nos lanza o coidado da Casa Común como as inquietudes ante a deterioración ambiental e as violacións de dereitos humanos que leva para as comunidades máis vulnerables. A defensa da Creación involúcranos directamente como ITD na defensa dunhas condicións laborais dignas para quen ven sometidos, baixo escandalosas condicións de explotación, a prácticas produtivas insustentables coa dignidade humana e o equilibrio ambiental.

Unimos as nosas forzas e compromisos como xesto profético, e convidamos a toda a Igrexa, ás comunidades, movementos sociais e persoas de boa vontade a celebrar e reivindicar xuntos esta xornada.

Comentarios

Publicacións populares