Domingo 30 do Tpo.Ordinario C
Primeira Lectura Eclo 35, 15b-17. 20-22a (gr. 12-14. 16-18)
A oración do humilde traspasará as nubes
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Deus é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado;
non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio.
Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.
O grito do pobre traspón as nubes,
non apousenta ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
tampouco Deus a retardará.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 17-18. 19 e 23
R/. (7a): Clamou o pobre e Deus escoitouno.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.
Mais o Señor encara os malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.
Segunda Lectura 2 Tim 4, 6-8. 16-18
Finalmente daráseme a coroa de xustiza
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
A min xa me queda pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.
Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada.
E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel día. E non só a min, senón a todos os que arelan a súa Vinda gloriosa.
Na miña primeira defensa non me acompañou ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! Pero o Señor asistiume e fortaleceume para rematar a predicación e que todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león.
O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter a salvo para o seu Reino celestial. Para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.
Baixou o publicano xustificado para a súa casa, ao contrario que o fariseo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, Xesús propúxolles esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
‑Dous homes subiron ao templo para orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.
O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".
O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario