FICHA E LECTIO: Domingo 30 de Ordinario C
Debuxos adaptados de: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
Fachenda
con pés de arxila
(27 outubro 2019)
Outra
fermosa parábola de Xesús a de hoxe, unha vez máis referida por Lucas e só
Lucas, o infatigábel compañeiro do apóstolo Paulo. Graciñas, pois, de novo a
Lucas por este galano que nos fai para entendermos como ha ser o noso
comportamento con Deus, o noso falar con el e mailo noso desafogar o noso
corazón con el.
No
anterior domingo expúñanos Lucas a parábola daquela teimuda muller que acadou
que o xuíz inxusto se erguese por fin do leito para lle facer xustiza,
pretendendo con iso Xesús pór ante nós de relevo, como nos dicía Lucas, “a
necesidade de orar sempre, sen cansar”. Hoxe o tema é o modo como dirixirnos ó
noso Pai Deus cando oramos, cando falamos con El.
O
fondo da cuestión é acadar clara conciencia de quen somos nós e de quen é e
como é o noso Deus. Xesús descúbrenos a Deus, ben o sabemos, como un
Deus-Pai-Nai que nos quere, que nos ten agarimo, que nos leva consigo no colo.
Non hai nena ou neno que se sintan máis felices e seguros que cando o pai ou a
nai os levan no seu colo. Esa protección amorosa crea nos fillos confianza e
fai tamén medrar neles a liberdade.
Ante
este Deus-Pai-Nai, que é amor e poder infinitos, somos durante toda a nosa vida
nenos pequenos. Mais isto non nos converte en temerosos, pusilánimes ou
apoucados, senón ó revés. É precisamente dese modo como podemos arriscarnos
ante as dificultades, loitar por espallar o ben, crear fraternidade e outras
moitas cousas boas máis. Por que? Porque ese Deus amoroso está sempre connosco.
Ou mellor, porque nós estamos sempre con el, sostidos por el, guiados por el.
Podemos
así entender bastante ben por que Xesús, na parábola de hoxe, non lle ten boa
lei ó fariseo no seu particular modo de proceder. O fariseo, efectivamente, ó
se dirixir a Deus, non se comporta con el coma un fillo cun pai-nai que o quere
e que o está a soster en todo intre en canto está a facer. O fariseo (ou
calquera de nós se nos comportamos ó seu xeito) só se apoia en si mesmo, nos
seus presuntos méritos, na súa suposta valía, no seu fiel cumprimento ata das
minucias máis pequenas da lei, na súa loada e ben vista competencia nos
complicados asuntos das prescricións legais. Diriamos que o fariseo é un
convencido de ser un especialista sobre Deus, sobre o que el quere e ordena. Por
iso ten el clara conciencia de ser distinto dos demais, de ser máis ca todos
eles. É xustamente por iso polo que fachendosamente, desde o interior de si
mesmo e nada máis que de si mesmo, lle dá grazas a Deus dicindo: “Douche grazas
porque non son coma os demais”. Pois estes, os demais, non son para el máis que
a borralla, o lixo do mundo. Eles non fan máis ca contaminar e deshonrar a
suprema dignidade de Deus e o modo puro de proceder de xentes sabias e
acrisoladamente relixiosas coma el mesmo, o fariseo.
Como
é doado ver, o fariseo (e calquera que se deixe atrapar por ese modo de verse a
si mesmo e de ver os demais) está totalmente cego para ollar o interior das
persoas, o corazón. Tanto para afondar no seu propio corazón coma no do humilde
recadador de impostos, que non lonxe del, no mesmo templo, non fai máis ca
petar no propio peito, pedíndolle a Deus compaixón polo seu mal comportamento.
O contrapunto do fariseo, é dicir, o recadador de impostos non é, oficial ou
publicamente, senón un pecador máis dos moitos que andan por aí adiante e ós
que o presuntamente especialista en Deus, o fariseo, non se achegará máis ca
para tomar renovada conciencia da súa propia grandeza e da súa diferenza con eles.
Falando
de diferenzas, para Xesús hai evidentemente unha gran diferenza entre eles. Só
que esa diferenza está decididamente a favor do recadador de impostos. Por que?
Pola mesma razón pola que a Xesús, é dicir, a aquel do que si podemos dicir que
é verdadeiramente especialista en Deus, non lle vai o comportamento do fariseo.
Porque o fariseo, na súa relación con Deus, non fai máis ca presentarlle a el,
na súa deturpada oración, o seu supostamente meritorio curriculum vitae, a súa presuntamente excelente folla de servizos.
O recadador de impostos en cambio non ten nada diso, mais apóiase por iso mesmo
no Deus que todo o sostén, no Deus do que sabe e sente que é compasivo e
misericordioso.
Resulta que aí está
precisamente a cerna, o núcleo, da mensaxe do texto de Lucas: que Deus está por
enriba de leis, normas ou condenas; Deus é, ante todo, un Deus liberador, non
condenador; un Deus que ofrece confianza, amor e compaixón, de maneira especial
a aqueles que máis o precisan, é dicir, ós pobres, ós política, social ou
relixiosamente marxinados . O recadador de impostos, a pesar do seu cargo ou
máis ben precisamente debido a iso, era na sociedade xudía do seu tempo, un mal visto, un marxinado tanto
política como relixiosamente. Por iso as preferencias de Xesús van dirixidas cara
a el e non cara ós supostamente máis relixiosos.
Compréndese tamén ben, neste
contexto, por que o papa Francisco non ten problema ningún en recoñecerse ante
todos como “pecador”, igual có recadador de impostos dos tempos de Xesús. Nunha
ampla entrevista que se publicou hai pouco dicía el textualmente: “Eu son un
pecador. Esa é a definición máis exacta. E non o digo como unha forma
figurativa de falar ou como xénero literario”.
Recoñecérmonos, pois, como
pecadores ante Deus e ante os demais significa colocarnos ó lado dese recadador
de impostos que recibiu os parabéns de Xesús fronte ó fariseo. Porque este
recoñecemento de si mesmo como “pecador” é, paradoxalmente, o sinal máis claro
de que, ó dicilo e sentilo así de verdade ante Deus e ante os demais, deixamos por
iso mesmo de selo. Pois ese recoñecemento conmove o corazón do noso
Pai-Nai-Deus e convértenos automaticamente en xustos, en reconciliadas ou
reconciliados con Deus. Así nolo dá a entender claramente a parábola de hoxe ó
rematar deste xeito: “Asegúrovos que este (é dicir, o recadador de impostos)
baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non”.
Ó comezo das nosas eucaristías
proclamamos conxuntamente: “Eu confésome pecador diante de Deus omnipotente e
tamén diante de vós meus irmáns. Pois teño pecado moito, etc...”. Á luz da
parábola de hoxe, vemos ben que esa é realmente a mellor maneira de prepararmos
o noso corazón para o noso encontro eucarístico con el, co Deus que se rebaixou
a si mesmo no seu fillo Xesús, converténdoo así en amigo e irmán de pobres e
pecadores.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/30-tempo-ordinario-c-lc-189-14/
Comentarios
Publicar un comentario