Domingo 2 de Pascua C



PRIMEIRA Feit 5, 12-16
Aumentaban os crentes no Señor: multitudes de homes e mulleres
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

12Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; 13dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima. 14A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. 15A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. 16Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.


SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 2-4. 22-24. 25-27a
R/ (1): Cantádelle ó Señor, porque é bo,
porque a súa misericordia dura por sempre
Ou: Aleluia

 2Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
3que o diga a casa de Aharón:
o seu amor é eterno;
4que o digan os que temen ó Señor:
o seu amor é eterno.

22A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
23Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
24Este é o día en que obra o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.

25¡Ai, Señor, dáno-la salvación!
¡Ai, Señor, dános prosperidade!

26Benditos os que veñen no nome do Señor:
bendicímosvos desde a casa do Señor.
27O Señor é Deus: El dáno-la luz.


SEGUNDA Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19
Estiven morto, e velaí vivo por sempre eternamente
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE

9Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. 10Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, 11que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas".

12E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ó virar, vin sete candelabros de ouro 13e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.

17O velo, caín ós seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Ultimo, 18o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. 19Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.



ALELUIA Xn 20, 29
Porque me viches, Tomás, tes fe, di o Señor;
ditosos quen non viron e creron



EVANXEO Xn 20, 19-31
Pasados oito días, veu Xesús
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

19Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
-Paz convosco.

20Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. 21El díxolles outra vez:
-Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

22E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
-Recibide o Espírito Santo: 23a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

24Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
25Dicíanlle entón os outros discípulos:
-Vímo-lo Señor.

Pero el contestoulles:
-Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

26Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
-Paz convosco.

27Despois díxolle a Tomé:
-Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

28Tomé respondeulle:
-¡Meu Señor e meu Deus!

29Xesús díxolle:
-¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!

30Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. 31Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.


Comentarios

Publicacións populares