Domingo de Ramos - ciclo C


PROCESIÓN




EVANXEO Bendito o que vén no nome do Señor Lc 19, 28-40
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

28Xesús botou a andar diante camiño de Xerusalén.

29E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, 30dicíndolles:
-Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. 31E se alguén vos pregunta: "¿Por que o soltades?",
respondédelle: "Precísao o Señor".

32Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33E cando ceibaron o burriño, preguntáronlle-los donos:
-¿Por que soltáde-lo burriño?

34Eles contestaron:
-Precísao o Señor.

35Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. 37Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a louvar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. 38Dicían:
-¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!

39Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
-Mestre, reprende a eses teus discípulos.

40Pero el respondeulles:
-Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.




MISA

PRIMEIRA Is 50, 4-7
Non apartei a miña faciana das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

4O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruí-lo cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
5O Señor Iavé abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
6Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
7Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.



SALMO RESP. Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/ (2a): Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

8Tódolos que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
9-"Acode ó Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".

17Rodéanme cans,
cércame un fato de malvados,
atan as miñas mans e os meus pés.
18Eu podo conta-los meus ósos

19Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
20Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
meu socorro, ven axiña axudarme.

23Eu falareilles de ti ós meus irmáns,
louvareite no medio da asemblea.
24Servidores do Señor, louvádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


SEGUNDA Flp 2, 6-11
Humillouse a sí mesmo, por iso Deus exaltouno
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

6Cristo, con ser de condición divina,
non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;
7senón que se espiu do seu rango,
asumiu a condición de escravo;
fíxose un home normal e presentouse coma tal
8abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
¡e a morte na cruz!
9Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un título que está por riba de calquera título
10para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
11e para que toda lingua proclame
para gloria de Deus Pai
que Xesús Cristo é o Señor.



VERSIÑO Filp 2, 6-11
Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un título que está por riba de calquera título





EVANXEO
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO



Lc 22, 14 - 23, 56 (longa)
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO LUCAS

14Cando chegou a hora, púxose Xesús á mesa cos seus apóstolos. 15Díxolles:
-¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! 16Porque vos
digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

17E collendo unha copa, deu gracias e dixo:
-Tomade e repartídea entre vós, 18pois asegúrovos que non volverei beber do producto da
viña ata que chegue o Reino de Deus.

19E collendo pan, deu gracias, partiuno e déullelo, dicindo:
-Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

20E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:
-Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.
 21Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón
meu. 22Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ¡ai daquel que o
entrega!

23Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería se-lo que ía facer iso.

24Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:
25-Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. 26Pero vós non
fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma
quen serve. 27Pois, ¿quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? ¿Acaso
non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.

28Pois vós sóde-los que quedastes comigo nas miñas probas. 29E, coma o meu pai o
dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, 30para que, cando eu sexa rei,
comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulga-las doce tribos de Israel.

31¡Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! 32Pero
eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ó que te arrepintas, debes confirma-los
teus irmáns.

33Díxolle el:
-Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.

34Respondeulle Xesús:
-Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

35E logo preguntoulles a todos:
-Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, ¿sentistes falta de algo?

Eles responderon:
-De nada.

36El continuou:
-Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non
teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. 37Porque vos aseguro que é
preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E
o tocante a min vaise cumprir.

38Eles dixéronlle:
-Señor, temos aquí dúas espadas.

Contestoulles:
-Basta. Xa está ben.

39Despois de saír, foise como facía sempre ó Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. 40Cando chegaron ó sitio, díxolles:
-Rogade que non caiades na tentación.

41E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:
42-Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade,
senón a túa.

43E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. 44E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.

45Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. 46Díxolles:
-¿Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

47Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. 48Pero Xesús díxolle:
-Xudas, ¿cun bico entréga-lo Fillo do Home?

49Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
-Señor, ¿sacámo-las espadas?

50E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.

51Pero Xesús díxolle:
-Deixádeos facer.

E tocándolle a orella, sandoulla.

52Entón díxolles ós que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
-Viñéstesme prender con paos e espadas, coma se fose un bandido. 53Pero eu estiven a
diario convosco no templo, e non me puxéste-las mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o
poder das tebras.

54Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. 55Encenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. 56Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
-Este tamén andaba con el.

57El negouno dicindo:
-Muller, eu non o coñezo.

58Pouco despois viuno outro criado, e dixo:
-Ti es deles tamén.

Pero Pedro exclamou:
-Non, home, non son.

59Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:
-Si, seguro que andaba con el, que é galileo.

60Pedro replicou:
-Pero home, eu non che sei de que falas.

E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. 61O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces". 62Saíu para fóra, e chorou amargamente.

63Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; 64tapábanlle a cara e preguntábanlle:
-Fai agora de profeta: ¿quen che zoupou?

65E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

66Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mailos letrados, e acordaron levalo ó Sanedrín. 67E dixéronlle:
-Se ti e-lo Mesías, dínolo.

El contestoulles:
-Se volo digo, non me ides crer; 68se vos fago preguntas, non me ides responder. 69Pero
desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.

70Preguntáronlle todos:
-¿Logo es ti o Fillo de Deus?

El respondeu:
-Vós o dicides: eu son.

71Eles exclamaron:
-¿Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.

23 1Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato. 2Alí empezárono a acusar, dicindo:
-Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle paga-lo tributo ó César, e
declarándose ademais Mesías e rei.

3Pilato preguntoulle:
-¿Es ti o rei dos xudeus?

Respondeulle:
-Ti o dis.

4Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente:
-Eu non atopo delito ningún neste home.

5Pero eles teimaban dicindo:
-Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.

6Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7O saber que pertencía á xurisdicción de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

8Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. 9Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. 10Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mailos letrados acusándoo arrufadamente. 11Herodes e mailos seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. 12E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

13Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mailo pobo 14e díxolles:
-Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar
diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; 15nin tampouco
Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; 16así que voulle pór un
escarmento, e despois vouno soltar.

18Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
-¡Fóra ese, solta a Barrabás!

19(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).

20Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. 21Pero eles berraban:
-¡Crucifícao, crucifícao!

22Pilato replicou por terceira vez:
-¿Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e
soltareino.

23Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. 24Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. 25Soltou ó que reclamaban -o encadeado por revolta e asasinato-, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo.

26Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. 27Ia tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. 28Xesús volvéndose a elas, díxolles:
-Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos.
29Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as ésteriles, os ventres que non
enxendraron e os peitos que non criaron". 30E pediranlles ós montes: ¡Caede enriba de
nós!, e ós outeiros: tapádenos. 31Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á
seca?

32Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. 33E cando chegaron ó lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.

34Xesús dicía:
-Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.

E, botando á sorte, repartiron a roupa del. 35A xente estaba a mirar, e os xefes
moqueábanse del, dicindo:
-A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

36Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, 37dicindo:
-Se ti e-lo rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

38E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

39Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
-¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

40Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
-¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el? 41Nós, polo menos,
recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

42E dicíalle:
-Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

43Xesús respondeulle:
-Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

44Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. 45Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. 46Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
-¡Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.

E dicindo isto, morreu.

47O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
-Realmente este home era inocente.

48E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ve-lo que pasaba, volvía batendo no peito. 49Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.

50Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro 51-anque el non estivera de acordo co proceder do Consello-, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, 52presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. 54Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado. 55Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba. 56Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.



Ou máis breve: 23, 1-49

23 1Cando se levantou a sesión eos anciáns, dos príncipes dos sacerdotes e dos escribas, conduciron a Xesús ante Pilato. 2Alí empezárono a acusar, dicindo:
-Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle paga-lo tributo ó César, e
declarándose ademais Mesías e rei.

3Pilato preguntoulle:
-¿Es ti o rei dos xudeus?

Respondeulle:
-Ti o dis.

4Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente:
-Eu non atopo delito ningún neste home.

5Pero eles teimaban dicindo:
-Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.

6Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7O saber que pertencía á xurisdicción de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

8Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. 9Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. 10Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mailos letrados acusándoo arrufadamente. 11Herodes e mailos seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. 12E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

13Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mailo pobo 14e díxolles:
-Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar
diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; 15nin tampouco
Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; 16así que voulle pór un
escarmento, e despois vouno soltar.

18Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
-¡Fóra ese, solta a Barrabás!

19(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).

20Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. 21Pero eles berraban:
-¡Crucifícao, crucifícao!

22Pilato replicou por terceira vez:
-¿Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e
soltareino.

23Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. 24Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. 25Soltou ó que reclamaban -o encadeado por revolta e asasinato-, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo.

26Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. 27Ia tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. 28Xesús volvéndose a elas, díxolles:
-Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos.
29Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as ésteriles, os ventres que non enxendraron e os peitos que non criaron". 30E pediranlles ós montes: ¡Caede enriba de
nós!, e ós outeiros: tapádenos. 31Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á
seca?

32Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. 33E cando chegaron ó lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.

34Xesús dicía:
-Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.

E, botando á sorte, repartiron a roupa del. 35A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
-A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

36Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, 37dicin-do:
-Se ti e-lo rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

38E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

39Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
-¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

40Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
-¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el? 41Nós, polo menos, recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

42E dicíalle:
-Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

43Xesús respondeulle:
-Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

44Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. 45Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. 46Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
-¡Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.

E dicindo isto, morreu.

47O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
-Realmente este home era inocente.

48E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ve-lo que pasaba, volvía batendo no peito. 49Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.




Comentarios

Publicacións populares