Domingo 30 de Ordinario - ciclo B



30º  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO B
  
Primeira Lectura    Xer 31, 7- 9
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei cegos e coxos

            Así fala o Señor:
            ‑ Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
            "Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
            Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
            Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
            Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar aos regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
            Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/.  (3):  O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Heb 5, 1-6
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec

            Irmáns:
            Todo Sumo Sacerdote, escollido de entre os homes, constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
            É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os perdidos, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
            Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos do pobo coma polos seus.
            Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como o foi  Aharón.
            Do mesmo xeito, tampouco Cristo procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
            "Ti es o meu Fillo,
hoxe xereite Eu".
            Entendido conforme o que di noutro sitio:
            "Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec".

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 46-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Mestre, que vexa!

            Naquel tempo,  ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño.
            Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:

            ‑ Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
            Moitos reprendíano para facelo calar, pero el gritaba aínda máis alto:
            ‑ Fillo de David, ten piedade de min!

            Xesús detívose e dixo:
            ‑ Chamade por el.
            Chaman entón polo cego e dinlle:

            ‑ Veña, érguete, que te chama!
            El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
            ‑ Que queres que che faga?
            O cego respondeulle:
            ‑ Mestre, que volva ver.
            Xesús díxolle:
            ‑ Vai; a túa fe salvoute.
            E no intre comezou a ver, e seguíao polo camiño.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



SABER CONSOLAR É A MELLOR MANEIRA DE VER NO IRMÁN A PRESENZA DE DEUS
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO

Nunca tanto coma hoxe tivemos a oportunidade de coñecer as posibilidades que se nos van presentando na vida. A pesar da forte crise que estamos a vivir, se nos comparamos con persoas doutros continentes máis empobrecidos, nós seguimos a ter moitas posibilidades; e o que é máis triste, seguimos sen aproveitalas e sacarlle verdadeiro rendemento. Como gozarían tantos rapaces novos de África, América do Sur ou Asía se puidesen estudar, inda que fora con recortes e axustes! Como e canto valorarían poder formarse! Porén, aquí, seguen a crecer os chamados nin nin –nin traballan nin estudan- que non son para tomalos a broma, senón para que reflexionemos sobre ata onde temos chegado á hora de desaproveitar oportunidades e ter construído unha sociedade saciada e opulenta, que na hora das dificultades, renuncia a facerlle fronte e a non deixarse ir sen rumbo.
            Hoxe, a Palabra preséntanos un Deus que acolle, escoita, consola, agarima... pero que fundamentalmente é un Deus que invita á acción e á loita contra a pasividade e o derrotismo. Que saibamos facer nosa esta palabra, para que anime e alente a nosa vida.

O PERDÓN

*      Pola nosa incapacidade para achegarnos a quen necesita consolo, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
*      Porque os nosos comportamentos non acompasan cos valores da fe, CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
*      Por deixarnos envolver do barullo que non deixa na nosa vida espazos para a reflexión, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.

REMUÍÑO

*      Somos plenamente conscientes de que a vida das persoas con deficiencia visual ou con dificultades ou incapacidade para oír, non é nada doada. Todo o que lle rodea non lle facilita nin axuda a superar os problemas que o non ver nin oír lle provocan. Por iso tamén podemos entender o sentido das palabras do profeta Xeremías cando, utilizando unha imaxe que tod@s comprendemos, afirma que Deus é guía e consolo para as nosas cegueiras e xordeiras. Un guía que marca o camiño e vai deixando pegadas para poder seguilo sen que corramos o risco de perdernos. E ben sabemos que as pegadas lévannos a que perdamos a sensación de desorientación e desconcerto. Unha e outra vez a palabra de Deus vén afirmando isto, e que pouca atención lle temos prestado! Tendo con nós a Deus como o mellor dos tesouros, moitas veces pouco temos feito para coidalo, conservalo e ter con El unha relación de confianza e dispoñibilidade. Máis ben, por influxo desas maneiras de presentar e achegarnos a Deus que temos recibido, moitas veces desde aqueles que no nome da Igrexa presidían as comunidades e tiñan a misión do servizo testemuñando coa súa vida, temos acabado tendo unha experiencia de Deus afastada e en absoluto asentada no amor. E como isto se vén repetindo, unha e outra vez, desde que eramos pequen@s, acabamos pensando que no canto do amor, El é medo, castigo, imposición e falta de liberdade, como se foramos monicreques cos que xoga para se divertir. Pois ben, diante disto, unha e outra vez a súa palabra non cansa de lembrarnos constantemente que El non é, non podería ser outra cousa, máis que amor, confianza, agarimo, consolo. Con El e desde El, non obviamos a realidade, pero si a afrontamos dun xeito distinto, nada paternalista, senón valorando que se nos considere adultos, autónomos e sempre libres, como fill@s de quen é o cumio da liberdade. Aquel que sempre está grande connosco, polo que estamos alegres.

*      Deus que derrama toda súa presenza no seu Fillo Xesucristo vai consolando as nosas tristuras e agonías. Tristuras e agonías que moitas veces acaban por eclipsar a forza do seu consolo e da súa esperanza que de xeito constante e permanente segue a ofrecernos, e pondo ao noso dispor. En Cristo nós recibimos a salvación, que non é un concepto teórico e abstracto, senón manifestación de que a vida non é nin caos nin azar, senón sentido, horizonte e razón universal de xustiza, solidariedade e amor. Por iso paga a pena implicarnos en toda aquela acción que poida ir facendo posible o rostro de Xesús Salvador a través da búsquea de canto fai que o ser humano sexa recoñecido e respectado na súa dignidade. O seu sacerdocio non é logo máis ca servizo e entrega á causa da humanidade, da persoa, de todo ser humano, sen ter que poñer fronteiras que delimiten ou exclúan a quen non comparta o seu seguimento ou non o acolla como luz.
*      Coma Bartimeu, en momentos difíciles e de tanto desconcerto; nos que non acabamos de ver onde está e cando chegará o final deste túnel que chamamos crise e que está deixando nas beiras e levando á desesperación a xeracións enteiras de persoas, moz@s ou maduras, tamén nós hoxe, nos diriximos a El e insistimos sen cansar para que nos acompañe neste traxecto para que se vaia facendo a luz na sociedade; unha luz que nos volva falar de que hai futuro, de que as cousas pouco a pouco van ir cambiando, e para mellor; que non estamos abocados á desesperación de que volverán gañar os que teñen moito a custa dos de sempre, os pobres, senón, porque Nel atopamos luz, coa solidariedade de uns para cos outros e coa capacidade de superar o individualismo e a tentación da división, iremos remontando rumbo e pouco a pouco iremos vendo aparecer raiolas de luz e esperanza que fagan que as nubes se vaian indo. Pero para iso, esta travesía non podemos facela solos, necesitamos uns dos outros, porque sen ser ninguén imprescindible, todos somos necesarios. Que a luz de Xesús nos vaia abrindo os ollos para ver esta tarefa que temos por diante.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Rezamos agora xunt@s a quen quere ser luz e consolo no noso camiño, e digámoslle:
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOS
ö  Para que nos esforcemos por non deixarnos levar da tebra que todo o escurece, e vaiámonos achegando aos faros que no mundo do que formamos parte, loitan e entregan a súa vida para que o teu consolo e agarimo se estenda entre quen sofre e vive na dor, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOS
ö  Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por ser luz levando consolo, tempo e solidariedade a quen poida necesitar de nós por estar enferm@, ter perdido o seu traballo ou estar a pasar por un momento de soidade e abandono, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOS
ö  Para que nós, alí onde nos atopemos, non renunciemos nunca a facer visibles cos nosos comportamentos os valores que van conformando a nosa vida e fan posible accións comunitarias que rompen co individualismo, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOS
Grazas, Señor, por axudarnos a saír da tebra que nos fai perder o rumbo, para levarnos á luz que nos ofrece iniciativas e nos invita á loita contra a resignación. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Aquí estou, Señor,
coma o cego na beira do camiño
-canso, suoroso e cheo de po-:
mendigo por necesidade e por oficio.
Pasas ao meu carón e non te vexo.
Teño os ollos pechados á luz.
Costume, dor, desalento....
Sobre eles medraron escamas que impiden que te vexa.
Mais, ao escoitar os teus pasos,
ao escoitar a túa voz inconfundible,
todo o meu ser treme coma se tivese un manancial dentro de min.
Eu búscote, deséxote,
necesito de ti para andar polos camiños da vida e do mundo sen perderme.
Que pregunta a túa!
Que quere un cego máis que ver?
Que vexa, Señor!
Que vexa, Señor, as túas sendas.
Que vexa, Señor, os camiños da vida.
Que vexa, Señor, o teu rostro, os teus ollos, o teu corazón.

CANTOS

ð  ENTRADA: Amigos nas penas
ð  LECTURAS: Sede o sal
ð  OFRENDAS: Canta o sol
ð  COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares