Domingo 27 de Ordinario - ciclo B
Primeira Lectura Xen 2, 18-24
E farán unha soa carne
LECTURA DO LIBRO
DA XÉNESE
O Señor Deus pensou: Non é bo que o home
estea só. Voulle facer unha axuda semellante a el.
Entón o Señor Deus formou de terra as
feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ao home, para ver que nomes lles puña. Cada
ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.
O home púxolles nomes aos animais
domésticos, aos paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero non daba cunha axuda
semellante a el.
Entón infundiu o Señor Deus un sono
profundo no home e, cando este adormeceu, sacoulle unha costela e cerrou con
carne o sitio.
Da costela do home, o Señor Deus formou
unha muller e presentoulla ao home.
O home exclamou:
Agora esta é coma min, óso dos meus ósos,
carne da miña carne. Chamarase muller, porque foi sacada do home.
Por iso o home deixará seu pai e mais súa
nai e unirase coa súa muller e os dous farán unha soa carne.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4-5. 6
R/. (cf. 5): Bendíganos o
Señor todos os días da nosa vida.
Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas
mans,
serás ditoso, serás afortunado.
A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de
oliveira
arredor da túa mesa.
Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde
Sión,
que goces coa prosperidade de
Xerusalén
todos os días da túa vida.
Que vexas os fillos dos teus
fillos.
Paz sobre Israel!
Segunda Lectura Heb 2, 9-11
O consagrante e os consagrados
teñen que ser todos da mesma liñaxe
LECTURA DA CARTA
AOS HEBREOS
Irmáns:
Aquel
que "rebaixaron só un chisco con respecto aos anxos", Xesús, por
aturar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste
xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
Efectivamente,
conviña que Aquel para quen e por quen existe todo, se quería conducir moitos
fillos á gloria, levase á perfección por medio do sufrimento o que ía ser o
primeiro dos que se salvarían; pois o consagrante e os consagrados veñen todos
da mesma raíz. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Xn 4, 12
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se nos amamos mutuamente, Deus
está connosco,
e o seu amor chega á plenitude en
nós.
Aleluia.
Evanxeo Mc 10, 2-16 (longa)
O que Deus uniu que non o separe
o home
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel
tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle
está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
‑
Que foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
‑
Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles
Xesús:
‑
Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma.
Pero desde o principio da creación, creounos Deus varón e femia. Por iso
deixará o home seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous
unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto,
o que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa
na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
‑
O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E
se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Daquela
leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos
rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
‑
Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o
Reino de Deus. Dígovolo de verdade: Quen
non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
E
abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
______________________________________________
Ou: 2-12 (máis breve)
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel
tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle
está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
‑
Que foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
‑
Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles
Xesús:
‑
Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma.
Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. Por iso deixará o
home seu pai e mais súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa
carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que
non o separe o home.
Xa
na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
‑
O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E
se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
A SOLIDARIEDADE DE XESÚS FAINOS A TODOS/AS
IGUAIS NA COMPLEMENTARIEDADE
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
Pórtico
Xesús é fonte de bendición para todo ser humano sen distinción de raza,
cor, sexo, formación ou relixión. Esta bendición que nel recibimos fainos
complementarios uns dos outros, xa que o que uns temos como limitación poden achegárnolo
outros como complementariedade, de xeito que sempre nos necesitamos, á vez que
evitamos caer na tentación de crernos superiores a ninguén. A fe pon de
manifesto esta igualdade na complementariedade desde o mesmo xeito de facer e
dicir de Xesús, para quen ser home ou muller non engade diferenza, tampouco
superioridade, senón igualdade que enriquece desde a relación de uns cos
outros. Mágoa que isto que para Xesús é pedra esquinal da súa proposta de
salvación, os cristiáns, antes e agora, témolo esquecido moitas veces, dando
lugar a diferenzas e enfrontamentos que nada reflicten o compromiso de ser as
súas testemuñas no medio do noso mundo.
Que o que hoxe vimos
compartir na celebración nos axude a descubrir que non son as palabras, senón
os nosos feitos, o que dan credibilidade a canto nela comezamos agora a
celebrar.
Perdón
●
Porque no noso día a
día seguimos tendo prexuízos á hora de confiar e valorar que non é a
discriminación, senón a igualdade a pegada que nos deixou Xesús, SEÑOR,
AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
●
Porque nos custa
aceptar que o seguimento de Xesús faise desde a igualdade de todos, sen
distincións nin superioridades, CRISTO, AFÁSTANOS DE CANTO NOS
ENFRONTA.
●
Porque á hora das responsabilidades seguimos
lonxe do exemplo de Xesús, e non valoramos a complementariedade, SEÑOR, AFÁSTANOS
DE CANTO NOS ENFRONTA.
Remuíño
●
A presenza do
Espírito na vida das comunidades vainas conformando ao xeito de que nelas se
faga presente o dinamismo, a audacia, a ilusión... sempre desde a esperanza,
verdadeiro motor desde o que os cristiáns encaran a súa vida e o seu camiño; o
camiño de ir mirando cara adiante e non ter medo a asumir retos novos e tarefas
ilusionantes. Camiñar facendo sitio ao Espírito no desenvolvemento da vida das
comunidades, lévanos a non quedarnos laiando polo que noutro tempo foi,
tampouco nos invita a vivir nun presentismo sen saída nin avance cara diante,
senón que nos impulsa, de xeito continuo e permanente, a facer do presente ámbito
desde o que mirar ao futuro, sen esquecer nunca nin as raíces nin a identidade.
Por iso falamos tanto, e con tanta forza, da importancia e do lugar do Espírito
no quefacer cotián das nosas comunidades. Deixemos que ese Espírito reborde
para que tamén a nosa vida sexa testemuño ilusionado do anuncio do Deus que
salva!.
●
Deixarnos levar polo
camiño que nos vai mostrando o Espírito, pide de nós superar actitudes de
exclusión e rexeitamento dos que non pensan coma nós, ou teñen outros xeitos de
facer as cousas. E iso é así porque o Espírito sopra de xeitos e maneiras
diversos. Non é uniforme, tampouco nos chama á uniformidade, senón que nos abre
a unha amplitude que sempre supón acoller, coñecer, abrir novos campos nos que
evanxelizar, mostrar as múltiples e variadas maneiras de dicir si a Deus desde
un mundo no que sobran os mestres: os que o saben todo, os que se consideran na
verdade e na fidelidade ao dogma, os que non cansan de afirmar e reafirmar, ás
veces, parece mesmo que con certa soberbia, que a única verdade é a deles,
esquecendo que a Verdade é Deus, e desde El vaise despregando en todos aqueles
que nos consideramos imaxe e presenza súa. Sen exclusivismos e sen necesidade
de que ninguén teña que ir fóra buscando o que nesta casa que chamamos comunidade
cristiá, Xesús nos mostra constantemente o que podemos dar, ofrecer e
compartir. Faltan moitos por vir, pero non sobra ninguén. A forza do Espírito
ten que alentarnos e non deixar que cansemos na consecución desta tarefa.
●
E todo o anterior
lévanos a entender mellor canto Xesús manifesta no Evanxeo que vimos de
proclamar: a pluralidade existente dentro das comunidades é froito da
complementariedade das persoas que as conformamos. Unha conformación na que
homes e mulleres, en igualdade, imos construíndo, facendo achegas,
reflexionando e tomando decisións, sen que ninguén se crea superior ou inferior
a ninguén. Somos iguais en dignidade e todos merecemos o mesmo respecto. Un
respecto que non vén dado por ter esta ou aquela responsabilidade, que non poder
nin imposición, senón por compartir que somos imaxe e semellanza de Deus. Isto
lévanos a esforzarnos para non permitir nunca que actitudes de discriminación,
non recoñecemento ou minusvaloración de quen posúe outro xénero, ou outra
condición sexual, sirvan para ferir e facer dano, mesmo apartar ou ridiculizar
de tarefas de responsabilidade e servizo na vida das comunidades. Tomar en
serio que somos comunidade cristiá e espello a través do que mostremos que
segue a ser posible vivir o Evanxeo de Xesús no mundo de hoxe, lévanos a buscar
tender sempre cabos que acheguen e non redes que atrapen e afoguen aos que
conformamos as nosas comunidades. Porque Deus téndenos o cabo para unir, que
non sexamos nós os que non permitamos collelo a quen o queira, porque na Igrexa
ninguén sobra, e todos somos importantes.
Oración da comunidade
Diante do Deus que nos crea iguais e corresponsables da
vida e desenvolvemento do Evanxeo no noso mundo, presentamos entón a oración e
dicimos:
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE
VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
●
Invítasnos, Señor, a
vivir na pluralidade de modos, formas e xeitos de expresar e vivir a fe. Para
que nunca adoptemos actitudes que separan e discriminan, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE
VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
●
Chámasnos a que
fagamos das nosas comunidades parroquiais fogares onde saibamos escoitarnos,
acollernos e perdoarnos. Para que nunca fagamos oídos xordos á túa chamada,
OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE
VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
●
Queres que as nosas
actitudes sexan cribles superando a tentación do quedar ben ou facer cousas sen
sentilas. Para que saibamos potenciar na vida de cada día, desde a familia, os
barrios, as parroquias e o traballo todo canto supoña unir e colaborar, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE
VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
Señor, que esta oración que hoxe compartimos nos axude a
vencer prexuízos, para poder camiñar sempre na igualdade e a colaboración de
todos. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Pensei e recei,
temín darche as
chaves do meu corazón.
Seguín pensando e
rezando,
seguín vivindo,
e por fin dei o paso
e entregueiche as
chaves do meu corazón.
Mais
toda a miña loita foi
en vano,
ti non querías as
chaves.
Volvíchesmas dar,
e dixéchesme:
Ti es o dono,
manda e goberna.
Eu estou contigo.
(Manolo R., As chaves do corazón, en Chorimas, 63
)
● ENTRADA: Amigos nas penas
● LECTURAS: Canta o sol
● OFERTORIO: Gracias, Señor, na mañá
● COMUÑÓN: Eu soñei
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario