Bendíganos o Señor tódolos días da nosa vida - Salmo 127

Domingo 27 ord - ciclo B




CANTO DAS CRIATURAS

Omnipotente, altísimo, bondadoso Señor,
son túas a loanza, a gloria e mailo honor,
só ti es merecente de toda bendición
e nunca é digna a xente de honrarte nos teus dons.

Loado ti por toda criatura, meu Señor,
e en especial loado polo irmanciño sol,
que aluma e abre o día cheíño de esplendor
e espalla polos ceos a voz do seu autor.

Pola irmanciña lúa, de branca luz menor,
polas estrelas claras que o teu poder creou,
tan limpas, tan fermosas, tan vivas como son,
e brillan polos ceos: loado, meu Señor!

Pola irmanciña auga, repleta de candor,
que é útil, casta, humilde: loado, meu Señor!
Polo irmanciño lume, que aluma ao se ilo sol,
e é forte, lindo, alegre: loado, meu Señor!

Pola irmanciña terra, que é toda bendición,
a irmá naiciña terra que dá en toda ocasión
as herbas e os froitos e flores de color,
e nos sustenta e rexe: loado, meu Señor!
E polos que perdoan e aturan con amor
os males corporais e a tribulación:
felices os que loitan en paz contra a dolor
porque lles chega o tempo da gran liberación!



Pola irmanciña morte: loado, meu Señor!
Ningún vivente foxe da súa obrigación.
Ditosos os que acollen de Deus o firme amor,
non vivirán a morte con desesperación.

Servídeo con tenrura e humilde corazón,
honrádeo con cantigas que aclamen os seus dons.
De Deus todo nos chega: cantade á creación.
As criaturas todas, loade o meu Señor!

Comentarios

Publicacións populares