Domingo 29 de Ordinario - ciclo B


29º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura     Is 53, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Se entrega a súa vida en expiación, verá unha descendencia lonxeva
            O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
            Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
            Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
            O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
R/.  (22):  Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


Segunda Lectura     Heb 4, 14-16
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Acheguémonos con confianza  ao trono da graza

            Irmáns:
            Xa que temos un Sumo Sacerdote grande que penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.
            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
            Acheguémonos pois, con liberdade,  ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Mc 10, 45
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Fillo do Home veu para servir,
e para dar a súa vida en redención por moitos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 35-45 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home veu para dar a súa vida en redención por moitos

            Naquel tempo, achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo ‑Santiago e mais Xoán ‑, dixéronlle:
            ‑ Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
            El preguntou:
            ‑ E logo, que é o que queredes que vos faga?
            Contestáronlle:
            ‑ Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
            Respondeulles Xesús:
            ‑ Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
            Respondéronlle:
            ‑ Somos.
            Xesús replicou:
            ‑ O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
            Ó escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
            ‑ Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a  súa vida en rescate por todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

_________________________________________________

Ou:  42-45 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, chamando Xesús aos doce, díxolles:
            ‑ Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal.
            Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a  súa vida en rescate por todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



 UNHA MISIÓN DE SERVIZO,                     DESDE A FE, AO DESENVOLVEMENTO INTEGRAL DO SER HUMANO
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
(XORNADA DO DOMUND 2012)

PÓRTICO
      Os textos que imos proclamar hoxe móstrannos que seguir a Xesús non é tanto relatar a súa vida e a súa mensaxe, como esforzarse por estar real e verdadeiramente ao lado das persoas pobres, excluídas, as que non contan no noso mundo tan inxusto e desigual. Isto esixe de nós constancia e perseveranza, porque só quen é quen de seguir a pesar de que as dificultades non son poucas, só quen sabe buscar portas abertas e ventás de aire fresco, só quen vai descubrindo que a universalidade da fe leva unida a solidariedade dos cristiáns, pode entender por que, unha vez máis, celebramos o día das misións, a xornada do DOMUND, compartindo gozos e esperanzas cos homes e mulleres que, en situacións e mundos difíciles, están a traballar polo Reino, entregando xenerosamente a súa vida, o seu tempo e as súas capacidades. Só se somos capaces de entender isto, poderemos entender tamén por que esta mañá de domingo estamos xuntos para compartir, celebrar e renovar a nosa fe.

O PERDÓN
Ti, Señor, que nos mostras que o camiño non pode ser outro que o servizo e a entrega ás persoas máis desfavorecidas, SEÑOR, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA.
Ti, Cristo, que nos chamas a ser creadores e defensores de vida; unha vida que ha ser dignidade e respecto en igualdade, CRISTO, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA.
Ti, Señor, que nos envías a ser misioneiros de servizo e non de imposición, SEÑOR, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA

REMUÍÑO
Do Señor esperamos sempre actitudes de misericordia, a misericordia que vai modulando a nosa vida e nos fai esquecer comportamentos interesados, orgullosos ou soberbios. Diante desta tentación que todos temos algunha vez, non deberamos obviar que só se nos esforzamos por ir acomodando a nosa vida ás pegadas que Xesús foi deixando e que recolleron os autores dos Evanxeos e das Cartas do Novo Testamento, acadaremos ser verdadeiras testemuñas, gozosas e esperanzadas, da mensaxe de Xesús. De aí que, inda que só algúns dos crentes levan o nome, todos somos misioneiros e misioneiras da mensaxe de Xesús alí onde nos atopemos. Na casa ou a moitos quilómetros de distancia. A universalidade do Evanxeo, que non exclúe, senón que engloba, non deixa de recordárnolo unha e outra vez.
En Cristo e desde Cristo, todos fomos marcados cun corazón de carne e cheo de esperanza; un corazón que non se para diante do abuso dos fortes, a ignorancia dos máis débiles ou a manipulación de quen non é aproveitado e vai coa mirada sempre limpa, senón que latexa, se cabe con máis forza, para facernos sentir unidos e solidarios na dureza da vida, e dispostos a traballar xuntos para loitar contra ela, e non deixar que aniñe e acabe quedándose, en cada un e cada unha de nós. E isto, claro está, non resulta doado. Tampouco llo resultou aos discípulos. Antes e tamén agora, custa moito entrar na dinámica da graza que trae misericordia e horizontes de sentido e salvación para o que facemos e é camiño que nos leva a gozar da presenza plena con Deus. E porque non é doado, sempre nos vai máis rápida a lingua que a vida, como lle pasaba aos apóstolos. Nin o pensaron moito nin tardaron en dar resposta; a modo de quen se move por arroutos, non dubidaron en afirmar que estaban dispostos a beber do cáliz do Señor. Cáliz de sufrimento e angustia, cáliz de incomprensión e abandono, cáliz de rexeitamento e burla. Pero outra cousas distinta era sentilo nas súas propias carnes..., e aquí tampouco eles andaban moi finos: Pedro négao, os demais abandónano. A pesar desta actitude, Xesús segue a confiar neles, pois sabe que reconsiderarán palabras e feitos. O mesmo ocorre con nós: tamén segue a confiar e a darnos oportunidades. Seremos nós capaces de facer o mesmo cos demais?
Porque a confianza que nos dá vai facendo que a nosa vida non desespere, senón que volvamos intentalo, cambiemos e a transformemos. Hoxe podemos estar aquí xuntos sen medo e abertos  a vivir, un domingo máis, unha fe que non se esgota nin nas paredes do templo, nin nas lindes da nosa parroquia, ou as fronteiras que marcan o noso continente. A universalidade da fe lévanos a unirnos aos seguidores de Xesús que hoxe, dun cabo ao outro do mundo nos reunimos para celebrar a fe; sentir a calor da comunidade reunida sendo capaces de compartir solidariamente o moito ou pouco do que teñamos con aqueles que non teñen nada e máis o necesitan. Porque non queremos esquecer nunca isto, fagamos da nosa celebración unha experiencia de apertura e encontro universal no Deus amor e solidario, verdadeiramente misioneiro.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Cristo ábrenos un camiño de confianza e encontro con Deus desde a nosa disposición a acoller aos irmáns. Recemos logo presentándolle a nosa oración comunitaria e dicindo:
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Para que a Igrexa non esqueza nunca, no seu dicir e no seu actuar, que é universal, e que o seu compromiso é levar liberación, xustiza e amor dun cabo ao outro do mundo a quen lle falte, Oremos.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Para que nas nosas comunidades teñamos sempre actitudes evanxelizadoras e non rutineiras, desesperanzadas e faltas de ilusión que nos impiden sempre dar testemuño gozoso e ilusionado da fe que rezamos, compartimos e vivimos, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Polas persoas que neste momento están a sufrir situacións de dolor e tristura: enfermos. parados, abusados, ignorados... para que nós, que nos sentimos seguidores de Xesús, non esquezamos nunca o noso compromiso de esforzarnos por estar ao seu lado para compartir o seu desespero, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Polos misioneiros e misioneiras e aqueles aos que serven coa súa entrega e traballo, o seu tempo e a súa vida, para que Deus siga movendo corazóns dispostos a darse á misión de levar dignidade e salvación a quen lles falte, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Grazas, Señor, por invitarnos a non esquecer a universalidade da misión que tamén a nós nos encomendas no aquí e agora do noso tempo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Queremos, coma Ti, pensar que non estamos para ser servidos, senón para servir,
que quen está ao noso redor vive mellor se nós estamos atentos ás súas necesidades,
que posuímos capacidades infinitas para regalar,
que podemos facerlle a vida máis doada a quen camiña connosco.
Queremos ser o ombreiro no que descansa quen está canso,
o oído que escoita a mágoa de quen sofre,
a ollada que acariña a vida que está ao lado,
a man que se estende para acoller a súa historia,
a luz para a escuridade doutros,
latexo para quen está desanimado,
sal para quen ten unha vida sosa,
azucre para quen ten que soportar tragos amargos.
Queremos, contigo, Señor,
ser o arco da vella que anuncia que detrás da tormenta vén a calma,
a auga fresca que hidrata o corpo reseco,
xograr que fai rir para esquecer as penas,
venda para as feridas do camiño,
menciña para as enfermidades da alma,
vitamina que contaxia ganas de vivir,
alimento para quen ten fame de amor, de amigos, de traballo ou de pan.
Axúdanos, Señor, a traballar por un mundo novo.
Danos a túa esperanza e a túa bendición.

CANTOS
             ENTRADA: 
Unha xuntanza de amor
             LECTURAS: 
Veña o teu Reino
             OFERTORIO: 
Misioneiro serás
             COMUÑÓN: 
Ide e pregoade


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares