Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de Ti esperamos - Salmo 32

Domingo 29 de ordinario - ciclo B




COIDADE VÓS DELES 
  (Semana de Loita contra a Pobreza)

Señor, cando che pidamos milagres
e ante o xentío famento
invoquemos a túa omnipotencia, vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando nos escandalicemos
das condicións inhumanas
nas que tantas irmás e irmáns estranxeiros
se ven obrigados a habitar, a traballar e a vivir,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando suframos ao ver os nosos anciáns
abandonados e sós na cidade,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando nos decatemos de que os nosos fillos
están enviciados mentres millóns de inocentes
non teñen o mínimo para sobrevivir,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando nos entristezamos ao ver
que aínda hoxe hai persoas excluídas
na Igrexa e pola Igrexa,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando comprobemos
que a auga e o aire están sempre contaminados,
que os animais son maltratados,
que as cousas se estragan,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando atopemos persoas
que necesitan o noso sorriso
pero non atopamos tempo
para pararnos a escoitar,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando nos sorprendamos
dos desequilibrios económicos do mundo
mentres que os nosos armarios están cheos de cousas inútiles,
vólvenos dicir:
COIDADE VÓS DELES

Señor, cando as nosas Eucaristías sexan máis vivas,
a nosa escoita da Palabra máis intensa,
o noso estilo de vida máis evanxélico,
queda connosco, Señor, e sigue dicíndonos:

COIDADE VÓS DELES



Comentarios

Publicacións populares