LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 9 Tpo.Ordinario (06/03/11)
IX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A
6 DE MARZO DE 2011
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Primeira Lectura Dt 11, 18. 26-28. 32
Velaquí o que vos propoño: bendición e maldición
Díxolle Moisés ao pobo:
Constituíde estas palabras miñas coma obxecto das vosas intencións e do voso esforzo, atádeas ao voso pulso coma sinal, e póndeas entre os vosos ollos coma filacteria.
Olla! Eu poño diante de vós hoxe bendición e maldición: a bendición, se facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, que eu vos mando hoxe; e a maldición, se non facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, e vos apartades do camiño que eu vos mando hoxe, marchando tras de deuses estranxeiros que non coñeciades.
Estade atentos a cumprir todos os mandamentos e decretos que eu vos poño diante hoxe.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 30, 2-3a. 3bc-4. 17 e 25
R/. (3b): Sexas para min, Señor, a rocha que me defende.
Abrígome en ti, Señor,
que endexamais me vexa defraudado.
Inclínate cara a min,
ven axiña librarme.
Sexas para min a rocha que me defende,
o forte castelo onde me salve.
Xa que ti es a miña fortaleza e o meu refuxio,
por mor do teu nome diríxeme e guíame.
Fai brillar o teu rostro para o teu servo,
sálvame, pola túa misericordia.
Sede fortes e valentes
os que esperades no Señor.
Segunda Lectura Rm 3, 21-25a. 28
O home queda xustificado pola fe sen as obras da lei
Irmáns:
Agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus: a que atestaran a Lei e mais os Profetas.
Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para todos e sobre todos os que cren, porque non hai distinción ningunha: todos pecaron, e carecen da gloria de Deus.
Pero todos quedan xustificados polo don da súa graza, mediante a redención que se dá en Cristo Xesús, a quen puxo Deus como propiciatorio no seu sangue pola fe.
Pois afirmamos que o home recibe a xustificación pola fe, con independencia das obras da Lei.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 15, 5
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Eu son a vide, vos os bacelos, di o Señor;
quen permanece en min e eu nel,
ese da froito abondoso.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 7, 21-27
A casa edificada sobre rocha e a que é edificada sobre area
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Non todo aquel que me di: "Señor, Señor", entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do Pai meu, que está nos ceos.
Moitos hanme dicir naquel día: "Señor! Señor!, non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e no teu nome non fixemos moitos milagres?"
Eu entón heilles dicir abertamente: "Endexamais vos coñecín: arredádevos de min os que practicades o mal!"
Así pois, todo aquel que escoita estas miñas palabras e as pon en práctica, será semellante a un home asisado, que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, viñeron as riadas, sopraron os ventos e bateron na casa aquela, e non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
E todo aquel que escoita estas miñas palabras e non as pon en práctica, será semellante a un home atolado, que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, viñeron as riadas, sopraron os ventos e bateron na casa aquela, e derrubouse, e foi total a súa ruína.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ENSÍNAME A CONSTRUÍR A MIÑA CASA
Señor,
ensíname a construír a miña casa
sobre pedra firme.
Señor,
líbrame de construír a miña casa
sobre area movediza.
Señor,
ensíname a escoitar as túas palabras
diariamente
e a cumprilas con todo o corazón.
Señor,
líbrame de repetir coma un loriño
o que nos dis no Evanxeo
para non cumprilo despois.
Señor,
ensíname os camiños da sinceridade.
Señor,
líbrame de levar o teu nome
nos meus labios,
e de esquecelo cos meus feitos.
Señor,
ensíname a descubrir a túa vontade
entre os humildes.
Señor,
líbrame dos que andan de máscaras pola vida.
Señor,
ensíname a rezar con verdade.
Señor,
líbrame dos que agachan nos rezos
o seu desprezo polos dereitos dos pobres.
CASE NON NOS ATREVEMOS A REZAR
Case non nos atrevemos a rezar hoxe, Pai,
case non nos atrevemos a pronunciar o teu nome.
Tantas veces o teremos feito dun xeito pouco cristián!
Tantas veces te teremos aldraxado máis que venerado
coa nosa pregaria sen xeito nin corazón!
Só nos presentamos diante de ti
traéndoche nas mans os sinais de lama,
da nosa condición fráxil e enganosa.
Que a luz da túa presenza, Pai,
nos descubra o noso mesmo ser,
na súa total verdade,
e nos faga limpos e transparentes,
e nos faga amigos do ben, totalmente.
Queremos, Pai, facer a túa vontade,
e queremos facer dese cumprimento
o noso principal acto de relixión.
Queremos levar á práctica ás palabras boas
que de ti e da xente escoitamos cada día.
Pero, seremos capaces sen ti, Pai?
Seremos capaces de poñer autenticidade
en todas as nosas tarefas?
Ti es o albanel das nosas vidas,
ti es o albanel da nosa comunidade,
ti sabes construír rexo e forte
sobre os bos cimentos
dunha palabra escoitada e practicada.
Nas túas mans poñemos, logo, a nosa vida,
a nosa comunidade, a nosa parroquia,
para que ti nos constrúas,
e sexa a nosa vida sólida construción
onde ti e nós vivamos xuntos
o gran regalo da fraternidade.
BENAVENTURANZAS para unha Igrexa máis evanxélica
Ao formular as benaventuranzas, Mateu, a diferenza de Lucas, preocúpase de trazar os trazos que han de caracterizar aos seguidores de Xesús. De aí a importancia que teñen para nós nestes tempos en que a Igrexa ha de ir atopando o seu estilo cristián de estar no medio dunha sociedade secularizada.
Non é posible propor a Boa Noticia de Xesús de calquera forma. O Evanxeo só se difunde desde actitudes evanxélicas. As benaventuranzas indícannos o espírito que ha de inspirar a actuación da Igrexa mentres peregrina cara ao Pai. Habémolas de escoitar en actitude de conversión persoal e comunitaria. Só así habemos de camiñar cara ao futuro.
Ditosa a Igrexa "pobre de espírito" e de corazón sinxelo, que actúa sen prepotencia nin arrogancia, sen riquezas nin esplendor, sostida pola autoridade humilde de Xesús. Dela é o reino de Deus.
Ditosa a Igrexa que "chora" cos que choran e sofre ao ser desposuída de privilexios e poder, pois poderá compartir mellor a sorte dos perdedores e tamén o destino de Xesús. Un día será consolada por Deus.
Ditosa a Igrexa que renuncia a imporse pola forza, a coacción ou o sometemento, practicando sempre a mansedume do seu Mestre e Señor. Herdará un día a terra prometida.
Ditosa a Igrexa que ten "fame e sede de xustiza" dentro de si mesma e no mundo enteiro, pois buscará a súa propia conversión e traballará por unha vida máis xusta e digna para todos, empezando polos últimos. O seu anhelo será saciado por Deus.
Ditosa a Igrexa compasiva que renuncia ao rigorismo e prefire a misericordia antes que os sacrificios, pois acollerá os pecadores e non lles ocultará a Boa Nova de Xesús. Ela alcanzará de Deus misericordia.
Ditosa a Igrexa de "corazón limpo" e conduta transparente, que non encobre os seus pecados nin promove o segredo ou a ambigüidade, pois camiñará na verdade de Xesús. Un día verá a Deus.
Ditosa a Igrexa que "traballa pola paz" e loita contra as guerras, que xunta os corazóns e sementa concordia, pois contaxiará a paz de Xesús que o mundo non pode dar. Ela será filla de Deus.
Ditosa a Igrexa que sofre hostilidade e persecución por mor da xustiza, sen refugar o martirio, pois saberá chorar coas vítimas e coñecerá a cruz de Xesús. Dela é o reino de Deus.
A sociedade actual necesita coñecer comunidades cristiás marcadas por este espírito das benaventuranzas. Só unha Igrexa evanxélica ten autoridade e credibilidade para mostrar o rostro de Xesús aos homes e mulleres de hoxe.
José Antonio Pagola, Mt 5, 1-12
Invitad@s a camiñar sabendo poñer os pés no camiño adecuado: amor e servizo
Pórtico
Basta con botar unha ollada superficial aos medios de comunicación para decatarnos de que estamos pasando por un momento de crise, non só económica, senón tamén de valores. Palabras como responsabilidade, honestidade, sinxeleza, compromiso ou sinceridade parece que quedaron obsoletas e que pertencen a un pasado que non queremos lembrar.
Pero hoxe o Señor volve lembrarnos que temos que ter coidado á hora de edificar a nosa vida, que temos que construír sobre rocha firme, porque no caso contrario, cando veñan as dificultades, que virán, quedaremos ao pairo e non seremos quen de afrontalas con serenidade e esperanza.
Que o Deus que nos convoca aquí nesta mañá de domingo nos dea sentidiño para edificar a nosa vida sobre o cimento firme do Evanxeo do amor e da xustiza.
O PERDÓN
· Porque esquecemos que ter fe esíxenos manifestalo coas nosas obras, SEÑOR, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.
· Porque nos cansamos demasiado rápido á hora de poñer o noso tempo a servizo dos demais, CRISTO, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.
· Porque a nosa comodidade e preguiza lévannos moitas veces polo camiño equivocado, SEÑOR, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.
REMUÍÑO
· Na lectura do Evanxeo de hoxe, final do discurso do Monte, descubrimos cal é o cerne do noso ser cristián. Un descubrimento que servirá para estimular a moit@s crentes a seguir actuando como o viñan facendo ata o de agora, á vez que fará tamén que moitos outr@s cristiáns, boas persoas e de cumprimento dominical, descubran que non estando mal ter unha vivencia da fe na que ocupen o seu lugar as prácticas de piedade, as celebracións litúrxicas e moitas outras accións paralitúrxicas, é necesario dar un paso máis para que todo iso que se reza e vive con convicción e confianza, se mostre no actuar de cada día en relación aos demais. Sen compromiso, a fe permanece orfa, e Deus segue a dicirnos que é Pai. Camiñar no compromiso é querer facelo desde actitudes e valores que poñan sempre de manifesto que non imos sós, que connosco vai moita máis xente que cre e loita por unha parroquia, un concello, un país… un mundo máis humano e xusto. Un mundo no que se lle vaian dando oportunidades a tod@s, e non soamente a uns poucos privilexiados e escollidos. Non, Deus é Pai de tod@s, e pide de nós que o compromiso por facer xustas e liberadoras as vidas dos homes e mulleres que nos rodean, ha ser sen exclusións e sincero. O Evanxeo de hoxe ben podemos resumilo no famoso refrán que tantas veces temos dito e escoitado: “a Deus rogando e co mazo dando”; ou dun xeito menos coloquial, “ora et labora” como nos di a regra de san Bieito.
· Facernos, logo, construtores do Reino esixe que sexamos espelidos, que deixemos atrás o desencanto de quen celebra da fe só o externo –poñendo nela a boca, pero non o corazón-, esquecendo a fondura de canto nos ten deixado o legado de Xesús: “IDE E ANUNCIADE”; un ir e anunciar que fai de nós persoas activas e preocupadas por canto pasa onda nós e moito máis alá de nós; persoas que somos capaces de superar a tentación do ritualismo baleiro, para encher a vida de actitudes de esperanza e solidariedade. Si, solidariedade, alí onde esteamos e cos que máis preto están de nós. Facendo da fe unha construción de cimentos firmes e estables, que non se moven ao vaivén do que nos diga ou non nos diga o cura, o bispo ou o Papa. A fe ben cimentada sabe abordar e dar adecuada resposta, desde a vida comprometida a favor dos demais, ao vento forte que cuestiona comportamentos e denuncia actitudes contrarias ao Evanxeo en quen afirma e se proclama seguidor e testamenteiro do proxecto de Xesús. Porque, ao final da vida o único, pero tamén o máis importante dos exames que temos que superar é aquel no que nos van examinar do amor.
Oración Da comunidade
Diante de Ti, Señor, compartimos xuntos a nosa oración comunitaria e dicimos coa palabra e o corazón:
SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA
· Grazas, Señor, pola Igrexa, que quere mostrar ás persoas o verdadeiro sentido da vida, para que non caia na tentación de manexalas e de pensar por elas e ao contrario, sexa fonte de liberdade responsable e construtiva, OREMOS:
SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA
· Grazas, Señor, por seguir alimentando o noso esforzo para que aprendamos a compartir o noso tempo en tarefas e esforzos que dignifican ás persoas e abren camiños de liberación, OREMOS.
SEÑOR,QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA
· Grazas, Señor, porque a pesar da nosa apatía, desgana e pesimismo, segues estando ao noso lado e ofrecéndonos a túa confianza, invitándonos a renovar todo canto axuda a crear pontes de liberdade e igualdade entre as persoas, OREMOS.
SEÑOR,QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA
Grazas, Señor, por non deixar que adormezamos na comodidade dunha vida que só xira ao redor de nós mesmos, esquecendo as angustias e sufrimentos dos irmáns. P.X.N.S.
PARA A REFLEXIÓN
COMA TI, PAI
Sobre bos e malos, Pai,
fas saír o sol e mandas a chuvia.
Sostés a todas as persoas,
ofréceslles a todas as persoas o teu colo
e fálaslles baixiño de vida e tenrura,
independentemente dos seus méritos e do seu credo.
Amas a todas as persoas, pero non es neutral.
Amas á persoa inxusta, pero detestas a inxustiza.
Amas á persoa pobre, pero rexeitas a pobreza.
Amas á persoa fachendosa, pero aborreces o orgullo.
Amas á persoa pecadora, pero odias toda maldade.
Grava en nós as claves do teu corazón
para respectar a quen é diferente,
para ser tolerante con quen non coinciden,
para dialogar cos disidentes,
para acoller ao estranxeiro,
para prestar sen esperar recompensa,
para saudar ao camiñante
e para amar a todas as persoas por riba das nosas preferencias.
Ensínanos, Pai, a ser coma Ti.
Que todos poidan dicir: son fill@s dign@s de tal Pai.
Ensínanos a construír a nosa vida sobre a rocha firme da túa Palabra.
CANTOS
· ENTRADA: Pedras vivas
· LECTURAS: Benaventurados
· OFERTORIO: Velaquí Señor o viño
· COMUÑÓN: Quédate Señor connosco
Comentarios
Publicar un comentario