LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 1 de Coresma (13/03/11)
1º DOMINGO DE CORESMA - CICLO A
Primeira Lectura Xen 2, 7-9; 3, 1-7
Creación e pecado dos primeiros pais
O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel o home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller:
‑ "Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
A muller respondeulle:
‑ "Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
A serpe insistiu:
‑ "De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ao seu home, e tamén el comeu.
Entón abríronselles os ollos aos dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
R/. (cf. 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos.
Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
Eu recoñezo o meu pecado,
e diante de min teño sempre a miña culpa.
Contra ti eu pequei, contra ti só.
Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña boca pregoará a túa loanza.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Segunda Lectura Rm 5, 12-19 (longa)
Onde abundou o pecado, sobreabundou a graza
Irmáns:
Como por un home entrou o pecado no mundo, e polo pecado a morte, así a todos os homes chegou a morte, pois naquel pecaron todos. Porque ata o tempo da Lei non había pecado no mundo, pero o pecado non se imputaba ao non haber lei.
Mesmo así, a morte dominou desde Adán ata Moisés, tamén sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adán, que é antecesor do home que debía vir.
Pero non hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun home morreron todos os outros, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza de Deus e a liberalidade na benevolencia rebordaron sobre todos.
E a dádiva que se concedeu non corresponde a un só pecador: pois o xuízo de un remata en condena, mentres que a graza de moitos pecadores leva á xustificación. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte -e por culpa dun só-, canto máis os que reciban a abundancia da graza e do don da xustiza reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Polo tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustiza doutro só vén para todos os homes a xustificación cara á vida. Pois a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
_____________________________________________________________
Ou máis breve: 12. 17-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Irmáns:
Como por un home entrou o pecado no mundo, e polo pecado a morte, así a todos os homes chegou a morte, pois naquel pecaron todos.
Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, canto máis os que reciban a abundancia da graza e do don da xustiza reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Polo tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustiza doutro só vén para todos os homes a xustificación cara á vida. Pois a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 4, 1-11
Xesús xaxúa corenta días e afronta a tentación
Naquel tempo, o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
‑ Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
Pero el respondeu:
‑ Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, dicíndolle:
‑ Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
Xesús respondeu:
‑ Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
‑ Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
Entón replicoulle Xesús:
‑ Arreda, Satán, porque está escrito: Só ao Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
SEDE DE DEUS
Amor, delicia de alma a Deus unida,
do mesmo Deus suavísimo atractivo,
que o corazón liberta, e dá motivo
a saudades crueis encanto hai vida!
Tal dar causa o saber que só morrendo
de Deus pode gozar quen a Deus ama,
que me sinto morrer, por ir vivindo.
Canto custa esta vida dilatada! ...
Coido que arrastro levo duros ferros;
son cárceres meus días, son desterros,
do ben, que tanto adoro, separada.
Vou con ansias de amor desfalecendo;
e sen chegar ao fin, padezo tanto
que me sinto morrer, por ir vivindo.
Ai que vida tan dura, tan amarga,
sen tomar do meu Deus enteira pose!
Se o puro amor en que ardo é sempre doce,
cansa, aflixe a esperanza cando é larga.
Acúdeme, Señor!, vai desfacendo
o pesado grillón que aínda me prende,
que me sinto morrer, por ir vivindo.
Marquesa de Alorna 1750 - 1839
OS TROPEZOS DO PLAN DE DEUS
o pan, os cartos valen moito;
pero non o son todo.
A economía, boa ou mala,
ten moito que ver
coa boa marcha dunha persoa,
dunha familia,
dun pobo,
dunha terra;
pero a economía non o é todo.
Máis aló da economía
está Deus
e a súa palabra.
Máis aló da miña economía
está a economía de todos.
Máis aló da economía do corpo
está a economía da alma,
pedindo un tempo,
solicitando tamén
un orde e un progreso.
Non tentes a Deus;
non o poñas
no canto do teu esforzo.
Non agardes milagres
Onde ten que haber
coidado, cálculo, prevención,
traballo serio e Ordenado.
Non cubras con rezos
a túa preguiza
e o teu desorde.
Non xogues a poderoso.
Non vendas o teu corazón,
a túa vida,
e a túa verdade
por unha presa de poder.
Non te dobregues
ante nada e ante ninguén.
Só tes un dono,
só un,
ao que tes que mostrar,
agarimosamente,
o teu recoñecemento.
QUE PINTAS EN MIN, SEÑOR?
Que pintas en min, Señor?
Pregúntocho con Xesús.
Que pintas en min?
Que lugar ocupas ti na miña vida,
no meu corazón, nos meus plans todos?
Podo terte coma un compañeiro inútil
no tránsito dubitativo da miña vida,
sen gozar coa túa comprensión,
sen animarme co teu alento:
presenza fría na miña vida inqueda,
que seguirá soñando
en milagres de sorte ou de fortuna.
Podo terte coma un recurso fácil,
coma un Señor poderoso
dado ás comenencias.
E apelar sempre a ti,
e gañarche a vontade e o corazón
coas miñas prácticas piadosas,
para cubrir así co teu poder gañado
as miñas preguizas e covardías;
para ignorar cos teus consolos conquistados
os abusos que sementan na terra desconsolo.
Podo terte coma un amor de ocasión,
disposto sempre a ceder o teu lugar
a calquera urxencia ou compromiso
que o poder me ofreza ou recomende.
Pero non,
coma Xesús, querendo seguilo e imitalo,
quero terte
coma un compañeiro fiel
que me comprende e acompaña sempre;
coma un amigo inseparable
que me alenta no esforzo inevitable da vida;
coma un amante eterno
onde pousar o corazón con paz e con confianza.
POBRE DE MIN!
Pobre de min, Señor,
que non sei onde me atopo!
Non sei se estou
naquilo que en nin nego
ou naquilo en que afirmo.
Quizabes meu lugar
está na miña sombra.
Quizabes o meu lugar
está no meu silencio.
Quizabes o meu amor, Señor,
está no colo dos meus abandonos.
Pobre de min, Señor!
Ata cando esta busca incerta
e este incerto atoutiñar
no carreiro das miñas esperanzas?
Eu son débil,
e todo é débil.
Todo é lama e po e vento ao meu redor.
Soamente quedas ti,
confuso tamén entrecortado,
humillado, descoñecido,
difícil de agarrar, inexpresado.
Pobre de min, Señor,
só e débil,
coroado de ausencias,
ante ti, o gran ausente sempre
que me esperas cada día
na soleira dos meus soños!
OUTRA CORESMA
Outra Coresma, Señor, corenta días,
toda unha vida que me dá a túa graza
para recupera corenta noites,
que son toda unha vida perdida ás túas costas.
Hoxe comezo, Señor,
comezo coa túa axuda a Coresma,
comezo o cambio que o teu amor me inspira…
Hoxe comezo, Señor, toda a miña vida.
Que a túa palabra despexe os camiños,
que a túa luz ilumine e disipe os meus temores,
que a túa forza reforce os meus esforzos,
que o teu amor me transforme enteiramente.
Ven comigo, Señor,
garda os meus pasos e sostén o ritmo
desta marcha que emprendo
confiando chegar á Pascua
e estreitar os teus brazos.
Luis Betes
DITOSA A MULLER
Ditosa a muller que ten os ollos limpos,
moi espertos para saber ler o misterio da vida,
entender os signos dos tempos,
e descubrir as pegadas do Señor.
Ditosa a que ten os oídos moi abertos,
para escoitar as mensaxes ofrecidas,
e acoller as voces dos pequenos,
os berros das vítimas, os anuncios do profeta.
Ditosa a muller que ten as mans abertas, desprendidas;
que sabe que o Reino de Deus lle pertence
e espérao, tamén para os pobres.
A muller de mans dispoñibles, servizais,
xenerosas, para que o Reino de Deus veña.
Ditosa a muller que camiña sobre os seus propios pés,
apoiando as súas pegadas nas daquel
que viviu ata o extremo o amor,
que busca endereitarse con outros
e con outras, que quere dar a luz a humanidade nova.
Ditosa a muller de corazón ardente,
que escoita a Palabra e se enche de folgos,
que goza coa promesa, contaxia optimismo,
cre na utopía e trabállaa.
Ditosa a muller alegre aínda que coñece o sufrimento e a pobreza.
Non é alegría natural, é recibida,
escoitou as benaventuranzas.
Sabe que os pobres, os que sofren son ditosos, Deus está con eles.
Ditosa a muller que eleva os seus brazos en actitude suplicante,
consciente da súa necesidade de Deus
e do Espírito que fecunda a Historia
e fai posible o froito desexado,
o que fai "xemer á creación enteira como en dor de parto".
A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE
SIGNO SINXELO E EXPRESIVO
Nunha cartolina debuxamos unha árbore sen pólas e con raíz. Ao longo dos domingos de coresma iremos engadindo as pólas, nas que escribiremos unha frase que dalgún xeito englobe o sentido dos textos que se van proclamar. Ao final do tempo de coresma teremos a árbore completa, que quererá significar que coresma é tempo de ir medrando e preparándonos para participar na pascua. As pólas vannos indicando canto nos falta para poder chegar ao final do camiño. A árbore completa é expresión da plenitude da resurrección de Xesús.
As frases que escolleu o noso equipo para os cinco domingos son as seguintes:
1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME
2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!
3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE
4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO
5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.
-----------------------------------------------------------------------------------------
PÓRTICO
Que difícil é manterse fiel a uns ideais! Que mágoa dá ver a facilidade coa que nos deixamos arrastrar por costumes e xeitos de vivir que se van implantando pouco a pouco na nosa sociedade baleirando de contido as experiencias máis nobres do ser humano. Pensemos, por exemplo, no que chamamos a cultura do “tírese despois de usalo”, que tende a impor un xeito de vida no que tiramos as persoas cando xa non nos serven; ou no fenómeno da corrupción, en xente que vende o seu cargo, a súa responsabilidade e a súa dignidade por un prato de lentellas, aínda que sexan millóns de lentellas; ou como damos culto a modas que terminan por deshumanizarnos, converténdonos en escravos dos cartos, do éxito, do prestixio....sacrificándolles todo: familia, amigos, veciños... a vida enteira.
E é que a tentación é sempre a mesma: ter en vez de ser. Que este tempo de Coresma que hoxe comezamos, nos axude a discernir, a tirar polo camiño da opción fundamental: abrirnos a Deus e adoralo só a El.
O PERDÓN
§ “Di que estas pedras se convertan en pan”. Porque en demasiadas ocasións seguimos empreñando do aire e intentando comerciar contigo, caendo na tentación do consumir en vez do compartir, SEÑOR, NECESITAMOS CAMBIAR.
§ “Tírate de aquí abaixo”. Polas moitas veces nas que che seguimos pedindo probas e solucións aos nosos erros, caendo na tentación da infantilismo en lugar da liberdade e a responsabilidade, CRISTO, NECESITAMOS CAMBIAR.
§ “Dareiche todo isto se te prostras ante min”. Polas veces nas que buscamos ser centro de atención, que nos recoñezan o moito que valemos e facemos, que nos rendan acatamento, caendo na tentación da egolatría, sen ter descuberto que o noso é o servizo, SEÑOR, NECESITAMOS CAMBIAR.
REMUÍÑO
v Deus é o Señor da vida, dinos hoxe o texto do libro da Xénese. El vai pondo ao noso dispor todo aquilo que pode levarnos a ter unha vida chea de sentido. Unha vida chea e sempre aberta a ir avanzando, facendo que canto recibimos poidamos deixalo mellorado aos que veñen tras de nós. O que ocorre é que este proxecto que Deus ten, moitas veces nós truncámolo co noso xeito de facer as cousas: temos ansias de poder e dominio (o que supón moitas veces oprimir ao irmán); temos ínfulas de crernos mellores e superiores aos demais (o que acaba traendo que humillemos e pasemos por riba de quen sexa para conseguilo); temos ansia de acaparar (o que nos leva a tratar de xeito inxusto a aqueles dos que queremos aproveitarnos polo que son ou teñen); temos… por isto, e moitas máis cousas que poderiamos seguir enumerando, o proxecto que Deus puxo nas nosas mans, ímolo escurecendo cada vez que xustificamos canto supón tratar ao irmán, que é fill@ de Deus coma nós, coma se fose unha cousa que puideramos utilizar ao noso antollo. As nosas ansias de querer ser e ter máis van facendo que nos afastemos da man e do abeiro de Deus. Ata cando seguiremos trabucados e camiñando polo vieiro torto?
v Tamén nós cremos que abrir os ollos supón non esquecerse de Deus. Dicimos que o cremos, pero o que mostramos á hora de facer as cousas di todo o contrario. Abrir os ollos debe levarnos a ser moi conscientes de cal e como é a realidade da que formamos parte, espertar de calquera sono que pretenda afastarnos do coñecemento de canto pasa ao noso redor, ou como diriamos de xeito que o entendamos tod@s, “vivir nos mundos de Yupi”. Si, moitas veces parece que o mundo no que estamos non é o noso, que non somos capaces de coñecelo, comprendelo, e así non seremos capaces de transformalo. Este é o derrotismo que agochamos en expresións ao uso, tales como: as cousas son así e non se poden cambiar, non hai nada que facer, por moito que fagamos todo vai seguir sendo igual… Este tempo de Coresma no que agora comezamos a camiñar, é unha nova oportunidade para que non cedamos á tentación de evadirnos, de darlle as costas a canto pasa ao noso redor, a tomar en serio que as cousas son dun xeito ou de outro segundo sexa o grado de implicación, de compromiso dos que as realizamos. Nada está determinado, nin o que pasa nin nós. Só Deus é eterno, todo o demais é modificable e está suxeito a transformacións. Volvamos a vista cara atrás e aprendamos da historia: cantos cambios foron posibles grazas ao esforzo, mesmo da vida, de tantas persoas que crían que elas e canto as rodeaba era posible cambialos, facelos distintos e para mellor? Só depende dunha cousa: a nosa vontade, querelo; pero antes temos que cambiar nós, recoñecer os nosos medos, as nosas angustias, as nosas teimas, as nosas… Somos libres, e en nós está a capacidade de facelo mellor e cambiar todo aquilo que sabemos que nin fai ben nin supón liberación e xustiza. A fe non é opio que nos durma ou nos ille da realidade, ao contrario: a fe úrxenos a tomar en serio a nosa vida desde a necesidade de poñela ao servizo de canto supoña facer presente entre nós o amor e a solidariedade de Xesús de Nazaré: a salvación. El foi o primeiro en tomalo en serio. E nós esquecémolo moitas veces. Este tempo de coresma pode ser un bo momento para espertar do sono. Só así poderemos conseguir converter a coresma en tempo de conversión, interior e exterior, e transformación do corazón. Desterrando, como fixo Xesús, a tentación de poñernos a o servizo dos poderosos, para facelo a prol da causa dos esquecidos e excluídos. Que o deserto, como tempo de reflexión, renovación e cambio, no que nos invita a camiñar a coresma nos leve a saír fortalecidos para poder celebrar en plenitude a Pascua que nos chama a ver o mundo con ollos de esperanza.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Chámasnos, Señor, a non caer na tentación da mediocridade e no desencanto. Porque sabemos que camiñarás con nós nesta travesía dicimos agora xunt@s:
QUE VENZAMOS A TENTACIÓN DE ACOMODARNOS
Pola Igrexa, que formamos cada un e cada unha de nós, para que descubramos que Deus nos quere no mundo, no conflito, alí onde se xogan os intereses de Deus, que son os intereses das persoas pobres e marxinadas, OREMOS.
QUE VENZAMOS A TENTACIÓN DE ACOMODARNOS
Polas nosas comunidades, para que este tempo de renovación e cambio non quede só nun intimismo superficial e individualista, senón que nos leve a unha entrega cada vez mais forte, OREMOS.
QUE VENZAMOS A TENTACIÓN DE ACOMODARNOS
Por todos nós, para que non caiamos na tentación de pechar a Deus no ceo, convertendo a nosa vida de fe nunhas prácticas baleiras e carentes de sentido, que só nos afastan máis da realidade e dos nos@s irmáns e irmás, OREMOS.
Iniciado este camiño de recoñecer que nin somos os mellores nin o podemos todo, agradecemos, Señor, que nos deas este tempo para afondar con sinceridade en canto vai supondo atranco na nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Fiad@s e confiad@s en ti,
dispoñémonos a comezar este tempo da coresma
aínda que pensemos que non temos forzas para cambiar.
Tentaremos cambiar e ser mellores,
por moito que o intentaramos outras veces e
pensemos que xa nada podemos facer.
Apostaremos cada vez por unha parroquia máis unida,
aínda que entre nós siga habendo receos e desconfianzas.
Soñaremos un mundo sen abusos e sen inxustizas,
por moito que o vexamos roto e tan dividido entre pobres e ricos.
Poñeremos o noso esforzo ao lado das amigas da paz,
por moito que levemos a violencia no corazón
e a vexamos tamén en tanta xente ao redor noso.
Seguiremos defendendo as nosas casas e aldeas,
por moito que a maioría siga escapando cara ás cidades.
Creremos nunha vida completa e feliz nas mans coidadoras de Deus,
aínda que esta terra se nos faga feliz e agradable.
Apostaremos pola honradez e pola legalidade no trato cos veciños,
por moito que as trampas se nos ofrezan como camiño de éxito rápido.
Loitaremos por unhas comunidades cristiás apegadas ao Evanxeo de Xesús, por moito que a rutina nos poida e a falta de fe nos achique.
Fiarémonos de Deus sempre, en calquera circunstancia da nosa vida,
aínda que sexan moitos os que se rían da fe e da vida relixiosa.
Manuel Regal Ledo: Xesús, aquel home de aldea
Cantos
© ENTRADA: Non vou só
© LECTURAS: Na noite escura
© OFERTORIO: Acharte presente na vida
© COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos
Comentarios
Publicar un comentario