LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 2 Coresma (20/03/11)

DOMINGO II DE CORESMA  - CICLO  A



LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Primeira Lectura       Xen 12, 1-4a
Vocación de Abrahán, pai do pobo de Deus

     Naqueles días, o Señor díxolle a Abram:
     Sae da túa terra e da túa patria e do teu clan para a terra que eu che mostrarei.
            Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome con sona, que será exemplo de bendición.
            Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga. Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome.
     Abram saíu, conforme lle dixera o Señor.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22

R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para liberar las súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos lo Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.




LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Segunda Lectura    2 Tim 1, 8b-10
Deus chámanos e ilumínanos

            Benquerido irmán:
            Comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El santificounos e chamounos a unha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de todos os tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús.
            El destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo     Mt 17, 1-9
O seu rostro resplandecía coma o sol

            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto.
            Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.
            Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el.
            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
            ‑ Señor, que bo sería ficarmos aquí! Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?
            Aínda el estaba falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:
            ‑ Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitá­deo.
            Ó escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
            ‑ Erguédevos, non teñades medo!
            Levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
            ‑ Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


EQUILIBRIO
           
Dános, Señor,
chan firme,
ceo aberto
e horizonte con luces.

Dános paso lixeiro,
mirada serena,
mans tenras
e cintura flexible;
un espírito libre
de presións e medos,
de présas e convulsións ...
e san equilibrio.

Dános gusto polo baile,
ritmo e movemento,
música axeitada
soltura e graza;
abrir os brazos,
fixar o corpo,
soltar o espírito ...
e san equilibrio.

Para romper os elos
e cadeas do destino;
para vivir o presente,
e compartir alegría e dor,
soñar o futuro,
e achegamos ao teu corazón,
dános, Señor, baile ...
e san equilibrio.

Líbranos, Señor,
de ser espectadores;
da inercia, da vertixe
e do medo ao ridículo;
de ser satélites do eu
e de marear perdices.

No baile da vida ...
dános san equilibrio, Señor.


UNHA FLOR QUE RECORDE A PRIMAVERA

Cando o plan de Deus pide loita,
e a loita sufrimento,
que non nos falte, Pai,
como non lle faltou a Xesús,
a compaña duns amigos fieis.

Cando a noite xa se anuncia,
e coa noite os medos,
que non nos falte, Pai,
como non lle faltou a Xesús,
a luz do ceo.

Cando nos sentimos baleiros,
co que temas e facemos,
que non nos falte, Pai,
coma non lle faltou a Xesús,
a túa certeza no entremedio.

Cando soñamos con melloras
e os soñas van para longo,
que non nos falte, Xesús,
os sinais que anuncien algo novo…

Que atopemos no camiño: unha flor,
que nos recorde as primaveras;
un amencer,
que nos anuncie o día;
un éxito,
que nos adiante o triunfo…

Que os rebaixados e humillados
contemos seguros coa vitoria;
e que ti, Pai, te nos convertas
en luz, alento e gloria. Amén.


A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA
O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE


SIGNO SINXELO E EXPRESIVO
Colocamos unha segunda póla na nosa árbore da Coresma.
Lembramos que as frases que escolleu o noso equipo para os cinco domingos son as seguintes:
1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME
2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!
3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE
4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO
5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.

PÓRTICO
Tod@s corremos o risco de instalarnos na vida, buscando un refuxio cómodo que nos permita vivir tranquilos, sen sobresaltos nin preocupacións excesivas. Vivir relaxad@s nun ambiente feliz, deixándonos atrapar por un conformismo cómodo que nos permita seguir camiñando do xeito máis agradable.
E·a vida de fe non é allea a isto. Hai un xeito de instalarse que pode ser falsamente reforzado con “tons cristiáns”. É a eterna tentación de Pedro que espreita sempre aos crentes: “plantar tendas no alto da montaña”, ou o que é o mesmo, conformarnos co que xa facemos, eludir a nosa responsabilidade, esperar que Deus realice a salvación.
Porén, a mensaxe de Xesús é clara: o que nos illa dos irmáns, o que nos instala comodamente na vida, tranquilizándonos e afastándonos do compromiso e do servizo aos máis necesitados non é unha experiencia cristiá. Temos que baixar do monte, chegar onde está a xente e traballar contra todo aquilo que nos respecte a dignidade da persoa.
O PERDÓN
ö      Porque non somos capaces de dar o paso que nos leve a saír de nós mesmos, dos nosos egoísmos e das comodidades, SEÑOR QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
ö      Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos chama a saír de nós mesmos para ir ao encontro do irmán e da irmá, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
ö      Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos invita a baixar da póla da autosuficiencia, da despreocupación e do medo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
REMUÍÑO
·         Do mesmo xeito que, tal e como nos di hoxe a primeira lectura, Deus chamou a Abrahán, e despois del a moit@s homes e mulleres ao longo da historia grazas aos que nós hoxe podemos xuntarnos para celebrar a fe de maneira comunitaria e gozosa; tamén nos chama a nós para que respondamos a esta chamada acollendo valores que logo saibamos converter en actitudes que van facendo que o noso actuar leve paz polo xeito de relacionarnos con nós mesmos e cos demais; sexa imaxe da xustiza polo xeito respectuoso e sen favoritismos de abordar os conflitos e de solucionar diferenzas; e sexa mostra de esperanza á hora de integrar a dor e o fracaso cando chegan a nós e ao noso contorno. Deus, entón, chámanos cada día e de formas e xeitos plurais; o que temos é que estar sempre atentos para poder escoitar a súa chamada. É verdade que a diferenza do tempo de Abrahán, hoxe son moitas e moi diferentes as voces que se escoitan, e non todas valen, pois só unha é a voz de Deus. Simplemente temos que estar cos ollos ben abertos e cos oídos atentos para saber identificar esa voz e responderlle. Na longa historia de amor entre Deus e os seres humanos, foron moitas as persoas que souberon identificar esa voz e responder á súa chamada. Se miramos cara atrás, non buscando nostalxia, senón para asentar e unir o noso hoxe co onte dos que estiveron antes, descubriremos rostros con nome e apelido que foron capaces de converter a súa vida nunha experiencia de realización persoal, realización do ben común e testemuño de entrega á causa de cantos se sentían necesitados e buscaban un sorriso, unha man, unha palabra, un pouco de tempo… que lles facía entender quen e como se mostraba Deus. E se agora estamos neste tempo de Coresma, e constantemente estamos escoitando que é tempo de conversión, preparación para a pascua, revisión de actitudes nas que fallamos, etc; e non queremos facer da coresma unha palabra, unha rutina ou unha cousa da que falan os curas, ben poderíamos aproveitar para convertelo verdadeiramente nun tempo de gozo e de graza. De nós depende.

·         Aos que lles gusta o fútbol seguro que teñen escoitado máis dunha vez o lema do Liverpool, un equipo de fútbol inglés, que di: “nunca camiñarás só”. Este lema que lles serve a eles para sentirse unidos, formar grupo e animar ao seu equipo, non lle estraña a ninguén, ao contrario, é motivo de admiración por moita xente máis alá do fútbol. Ben, pois os cristiáns, e sen que soe raro nin supoña que nos volvésemos tolos, tamén dicimos o mesmo. É máis, moito antes ca eles, desde o principio os primeiros seguidores de Xesús e nas diferentes comunidades viñan dicindo e sentindo iso mesmo. Non se sentían solos, percibían na súa vida e no seu actuar a presenza do Espírito que os facía sentir fortes e os levaba a perder os medos e as desconfianzas. Porén nós, como que temos vergoña de dicilo, ou de estar atentos para sentilo, dándose así unha contradición, pois namentres ao falar de deporte, música ou afeccións nada nos avergoña, cando nos referimos as cuestións da fe, calamos, cambiamos de tema ou mesmo evitamos manifestar por que e que supón a fe na nosa vida. Como se aquí, ao contrario que nos outros campos, si que nos gustara camiñar solos. A pesares de que nós somos así, o Espírito teima, unha e outra vez, para que nós vaimos descubrindo a súa presenza ao noso lado, e non teñamos medo nin desconfianza para afirmar que, desde sempre e polo tanto, tamén hoxe, os cristiáns non camiñamos solos.

·         E diante da tentación de agocharnos e reducir a fe ao ámbito do íntimo, do individual ou a dentro da Igrexa, Xesús vennos dicir no Evanxeo de hoxe que a súa mensaxe hai que comunicala, anunciala a cantos a descoñecen. Non do xeito escandaloso de quen fai moito barullo, senón co bo facer por parte da cada un/ha de nós na casa, na parroquia, no traballo, cos amigos… no medio da sociedade, facendo as cousas de xeito responsable, non deixando que comportamentos corruptos aniñen na maneira de actuar; non sendo violentos nin tampouco desprezadores dos demais. Ser cristián, hoxe e sempre, lévanos a converter en praxe, vida e acción, a chamada que Xesús nos dirixe hoxe a nós. E fronte a actitude de Pedro de escapar da dureza do mundo e refuxiarse na comodidade dos grupos estufa –onde nos sentimos a gusto, acollidos pero totalmente inactivos e deixando que fóra do grupo as cousas sigan sempre igual– chámanos a comprometernos en todo aquilo que supoña avance na sociedade, traballo a favor do ben común, defensa da persoa e dos seus dereitos, especialmente concretado nos máis desfavorecidos. A fe non é algo estático e inamovible, todo o contrario, é esforzo cotián e tarefa sempre activa e permanente para que canto Deus puxo nas nosas mans o dispoñamos ao servizo e para uso e goce dos seres humanos. E, temos que recoñecelo, moitas veces non a vivimos así. Máis ben pásanos como a Pedro, sentímonos cómodos e a gusto cunha das súas dimensións, a litúrxica, pero perdemos a referencia, ou esquecemos que xunto á necesidade de celebrar hai que situar o anuncio –“non teñades medo”– e o compromiso –a caridade–, e que é esta última a que expresa que crer é amar; e non debemos esquecer que cando me sirvo, non sirvo, senón que me aproveito. E iso non é o que Xesús esperaba de nós. Deixemos de facer tendas que entreteñen e poñámonos a traballar para que as miñas conviccións xunto coas dos outr@s acaben facendo do mundo a casa de todos. Utopía ou posibilidade?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, queremos nós, membros da comunidade de S./Sta. …………….., compartir a oración e responder coa nosa vida a túa chamada, por iso dicimos xunt@s:
QUE O MEDO NON ESCUREZA A NOSA RESPOSTA
v      Pola Igrexa, para que sexa máis evanxélica e menos institucional, máis testemuña e menos mediática, máis reflexiva e moito menos superficial nos seus membros, OREMOS
QUE O MEDO NON ESCUREZA A NOSA RESPOSTA
v      Polas nosas comunidades, para que nunca caiamos na tentación de instalarnos na comodidade de tantos Tabor, senón que pola contra camiñemos cara ao Monte Calvario onde atoparemos a Cristo que sofre cos parados, coas mulleres maltratadas, cos vellos que están solos, coa xente que vive na desesperanza, na dor e na tristura, OREMOS.
QUE O MEDO NON ESCUREZA A NOSA RESPOSTA
v      Abramos corazón e ollos, e teñamos neste momento presentes a aquelas persoas ás que, cando nos necesitaron, fomos incapaces de estar ao seu lado: enfermos, persoas que viven solas, veciñ@s que están no paro, cant@s andan sen rumbo nas súas vidas, e necesitan unha voz amable que lles diga cal é o camiño que dá a verdadeira felicidade e lles tenda  a man, Oremos.
QUE O MEDO NON ESCUREZA A NOSA RESPOSTA.
Sentindo a ledicia da forza comunitaria da oración, queremos , Señor, que deixando a tras a mediocridade, non teñamos medo de expresar co noso comportamento que Ti alentas cada día a nosa vida.P.X.Noso Señor.Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Somos construción de Deus,
non nos pertencemos.
Somos cidade no alto.
É absurdo achegarse; pero estamos feitos todos e todas
para a colaboración mutua,
para a iluminación mutua,
para o reforzamento mutuo.
Somos feitos para a comunidade,
para dar e recibir,
luz, calor, ánimos, ideas…
A primeira luz son os feitos bos, non as palabras;
e o fin non é o propio lucimento, senón a bendición de Deus.
Porque o Deus que hai en nós, o Deus que somos,
é o autor de todas estas humildes marabillas.
(Manolo Regal, A Graza…)


Cantos
*       ENTRADA: Seguirei os teus pasos
*       LECTURAS: Arrepentido
*       OFERTORIO: Camiñarei na presenza do Señor
*       COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Publicacións populares