FICHA E LECTIO + ORACIONAL: DOMINGO 3 DE ADVENTO A
FICHAS ANTERIORES:
Semente alegre
(11 decembro 2022)
O tempo de Advento ten unha
certa ambigüidade en canto que por un lado podemos dicir que principalmente se
refire á espera da festa de Nadal -do nacemento do Señor-, e por outro faise
nel tamén alusión á derradeira vinda do Señor á fin dos tempos.
Por iso, é dicir, por esta
que chamo “ambigüidade” do tempo de Advento, a actitude de espera e de esperanza
na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie de aprendizaxe da
actitude que deberiamos ter sempre, ata o noso definitivo encontro co Señor.
Deberiamos ter, xa que logo,
actitudes de esperanza, de alegría e de paciencia durante toda a nosa vida.
Trátase dunha especie de cóctel de actitudes aparentemente difíciles de
harmonizar, pero que constitúen de feito a sustancia mesma da nosa vida.
Proclámao para todos Isaías cando nos di: “Ponde firmes os xeonllos que
tremen”. “Collede ánimo, non temades”. “Velaí chega o voso Deus, El mesmo, e
salvaravos”. “Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois
o sufrimento e o pranto fuxirán”.
Para quen cre na mensaxe de
Xesús a vida enteira é coma un día no que hai de todo: chuvia, nubes brancas e escuras,
sol que amosa ás veces claramente a súa face, quenturas e friaxes. Días que
teñen tamén as súas noites, mais noites que esperan a chegada do rei sol, que
sempre chegará pra alumar o novo día. A comparanza reflicte algo do tempo de
Advento.
Algo semellante nos anuncia a
carta de Santiago. Estamos todos envoltos nun proceso que ó que deberiamos
acotío estar abertos. Un proceso semellante ó que se ten que someter toda
semente que queira frutificar e sobrevivir alén de si mesma, manténdose ela
mesma dunha forma nova como planta vizosa e produtora de novas sementes. Este é
o misterio de toda vida, que leva consigo procesos difíciles e complicados como
o noso enfermar ou finar, por máis que o proceso real non remate aí. Proceso
que require paciencia, confianza, esperanza. Santiago dínolo desta fermosa
maneira: “Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o
labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con
paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede
folgos, porque o Señor axiña chegará”.
O tempo de Advento convídanos,
pois, a sermos “sementes”. Mais sementes conscientes dos cambios e procesos que
ocorren en nós e que nos han levar a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un
gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente,
cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da
invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin
crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo
iso. Esa é a nosa diferenza e grandeza. Ese é o noso misterio, que nos asemella
a Xesús na súa vida, na súa morte e resurrección.
Este Xesús, guieiro e modelo
noso, é o que nos pon hoxe diante dos ollos o texto de Mateo. Dísenos alí que
Xoán Bautista é loado por Xesús en canto “preparador” da súa Boa Nova. Pero só,
e nada máis, en canto “preparador” ou iniciador do novo camiño de Xesús.
Sabemos que o Bautista se
centrou no labor de achanzar o terreo para os seu oíntes poderen escoitar con
proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era unha linguaxe de penitencia,
de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda sobre todo como castigador ou
vingador.
Xesús amósase, en cambio,
como “alegre anunciador” da Boa Nova, da boa noticia. Como aquel que se
presenta como “liberador” de todo mal, de toda limitación, como destrutor da
morte, pois a súa resposta ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a Xoán
que “os mortos resucitan”. Mais teñen tamén que contarlle que el, Xesús, toma
partido polos pobres, necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle que “ós
pobres se lles está a anunciar a Boa Nova”. Xesús preséntase, pois, a si mesmo
ante os discípulos de Xoán como aquel que, a diferenza de Xoán, vén amosarnos
un Deus que en Xesús, está aí non para condenar, senón para salvar, para amar e
dar a súa vida por todos, para proclamar e construír esperanza, para sufrir cos
que sofren e aledarse cos que se aledan.
Enténdese ben así por que o
papa Francisco, na súa primeira encíclica ou Exhortación de hai algúns anos, nos
falaba tanto da “alegría” que todo cristián ha ter. O mesmo título da encíclica
dicíao así: “Evangelii Gaudium”, é dicir, a alegría do Evanxeo.
O escrito do papa comeza así: “A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira
dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do
pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo sempre
nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme ós fieis cristiáns
para convidalos a unha nova etapa
evanxelizadora marcada por esa alegría”.
Dinos o papa que se trata
dunha “nova” etapa de evanxelización, aínda que estea de feito en perfecta
continuidade coa presentación que de si mesmo fai Xesús ós discípulos de Xoán
Bautista para que lle leven a estel a resposta de Xesús. Esta é tamén a razón
pola que Xesús -por máis que faga unha gran loanza do Bautista dicindo que el é
“moito máis ca un profeta” e que “ningún nado de muller fora meirande ca el”- diga
a continuación que “o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el.
Convertámonos, pois, a esta
“alegre” e liberadora esperanza da Boa Nova de Xesús.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario