FICHA E LECTIO + ORACIONAL: DOMINGO 2 DE ADVENTO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
O lobo habitará co carneiro
(4 decembro 2022)
Estamos no segundo chanzo (2º domingo
de Advento) desta escaleira que nos vai achegando, con humildade e abraio, ó
berce de Nadal.
As lecturas da liturxia póñennos diante
dun cadro, dunhas imaxes, que nos tempos que corren semellan pura utopía.
Mais Isaías é profeta e non un escritor
de novelas nas que nos mergullamos cando dispoñemos dun pouco de lecer con ilusión
e secreto contento para así refuxiármonos da dura realidade que a vida nos
impón.
Mais non. Isaías, movido e acendido no
seu interior pola experiencia do espírito de Deus, fálanos dun futuro que terá
que ocorrer. Fálanos dunha aparición neste noso mundo, no vello tronco da
historia humana, dun xermolo humano-divino que se constituirá nun novo reino,
nunha nova maneira de relacionármonos os humanos entre nós e con Deus. Un reino
que, como nos anuncia, será un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Oiamos e ollemos de novo as imaxes coas
que nos describe Isaías eses novos tempos, anunciados por el. Na súa fermosura
non teñen desperdicio e compréndese así moito mellor con elas o que el nos quere
anunciar ca con moitas ideas e conceptos ben precisos e aquilatados, que á fin
e ó cabo non deixan de ser sempre algo abstracto:
“O lobo habitará co carneiro e o
leopardo deitarase co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño
pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as
súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla. Un meniño de leite xogará no
tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man. Ningún será
malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento
do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar”.
Ou sexa. O Deus que se nos amosará
liturxicamente dentro de só tres semanas, nas festas de Nadal, é un Deus que
quere implantar e implantará un mundo de convivencia harmoniosa na humanidade toda
e en toda a fermosa creación, saída das mans e do corazón de Deus. Un mundo, un
cosmos inmenso e variado, no que non haberá xa nin inimigos ou agresores, nin
agredidos, senón só convivencia fraternal e pacífica e mutua colaboración.
Claro que todo isto non ocorrerá sen
nós, é dicir, sen a nosa propia acción e sen o noso compromiso coa paz, co
amor, coa convivencia, coa igualdade entre todos, recoñecéndonos dese modo como
fillos dun mesmo Pai e irmáns entre nós.
Porque se Deus se nos amosa en Xesús
coma un Deus pacífico e familiar, tampouco quererá el impoñerse ditatorialmente
a si mesmo no mundo. Se tal cousa ocorrese, deixaría automaticamente de ser el
o Deus libre e dador de liberdade e destruiría ó tempo en nós calquera pegada de
liberdade para relacionármonos libremente con el, cos demais e coa creación que
nos sostén e amorosamente arrodea.
Por iso, nun moi fondo sentido,
dependemos nós de Deus e el depende tamén de nós. Foi el quen quixo que as
cousas fosen así. E por iso é moi sabio e de vastas consecuencias aquel dito ou
consello de Santo Ignacio de Loiola que soa así: “Fai todo coma se todo
dependese de ti e confíalle a Deus o resultado coma se todo dependese del”.
Deus e mais nós, nós e mais el. “Entre” os dous somos quen de cambiar o mundo.
Entenderemos ben así tamén por que
outro profeta, Xoán Bautista, algo máis achegado a nós ca Isaías, teña que
incitar os seus contemporáneos á “conversión” para dese modo estaren en
condicións de aceptar a mensaxe de Xesús, que anda xa entre eles, é dicir, entre
nós. O clamor do Bautista diríxese a todos, a grandes e cativos, a pecadores e
a oficialmente “relixiosos”, servíndose das palabras de Isaías: “Preparade os
camiños do Señor, endereitade os seus vieiros”.
Somos, pois, nós –non Deus- os que temos
que cambiar, os que temos que nos converter ós seus grandiosos e case incríbeis
proxectos sobre nós. Proxectos que só buscan en definitiva a nosa plenitude e
felicidade.
O Bautista formula esta súa proclama desde
o exemplo da súa propia vida persoal de renuncia a comodidades e seguridades, a
todo iso que a meirande parte da xente do seu tempo e tamén do noso busca para
si. O Bautista é parco no comer, no vestir e nas cousas das que fai uso.
Renunciara tamén á cómoda e envexábel función de exercer o oficio sacerdotal no
templo de Xerusalén, como sería normal se continuase a súa tradición familiar,
sendo como era o único fillo do sacerdote Zacarías.
Por todo isto, o Bautista ten
suficiente autoridade moral para chamar na cara “raza de víboras” tanto a
fariseos coma a saduceos, ou sexa, os representantes sociais e relixiosos
mellor situados entre os demais. Porque os seus feitos non se correspondían co
seu status social e relixioso. Non eran, polo tanto, tal como eles fachendeaban,
verdadeiros e consecuentes “fillos de Abrahán”.
Pola súa parte, Xoán, o “Bautista”, é
dicir, o “bautizador”, sinálalles co dedo á xente e a través dos séculos tamén
a nós, Xesús como o verdadeiro e auténtico bautizador, porque –segundo nos indica
o mesmo Xoán e a diferenza del- Xesús nos bautizará a nós co “Espírito Santo”.
Neste segundo domingo de Advento
teremos, pois, que lle pedir ó Espírito Santo que descenda sobre nós, como
descendeu sobre Xesús ó ser humildemente bautizado por Xoán. Dese modo seremos
bautizados tamén nós coa forza e o poder do Espírito do Pai e do Fillo. É el
quen nos dará graza e ímpeto para preparármonos para esta vinda en carne mortal
de Xesús no Nadal e sermos así quen de construírmos entre todos ese reino de
paz e harmonía universal anunciado polo profeta Isaías.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-advento-a-mateu-31-12/
Comentarios
Publicar un comentario