FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: SANTA MARÍA NAI A
FICHAS ANTERIORES:
Aninovo ano de paz e igualdade
(1 xaneiro
2023)
Todos temos, dunha forma ou
doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando connosco. Se non houbese
anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días,
resultaríanos pouco doado dármonos conta do paso do tempo.
Dicimos que Deus vive na súa propia
eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos
intemporal se fixo, no seu Fillo Xesús do Nadal, temporal, ou sexa, metido no
tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade
(como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo de
eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos
dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle
gustaría vivir cen, mil, un millón de anos e vivindo ademais sen que parecese que
o tempo pasa por un?
Con isto o que quero dicir é
que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por
nos permitir debruzarnos no Aninovo. Á altura deste comezo do Aninovo é moi
posíbel que a todos nos conveña medrar máis no senso da nosa común fraternidade,
derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo
menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do
apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo,
nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos “adoptivos”
de Deus; e que por iso todos podemos
invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o feito de que
sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres
fillo –dinos Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
A carta ós Gálatas de Paulo é
unha grandiosa loa da “liberdade”. Por máis que algúns poidan pensar que os
cristiáns estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e
razóns valedoiras para considerármonos moi libres. Libres no noso comportamento
e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara: “Ti xa
non es escravo, senón fillo”.
Por iso este día primeiro de
ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. Canto precisamos de que haxa paz e non
guerras! E está claro que non pode haber “paz” onde hai guerra e asoballamento.
Un cristián no debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de
ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos
así.
Naturalmente, esta liberdade
non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é a liberdade de quen
libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude”
si que é boa. Exerceuna Xesús, durante toda a súa vida e de maneira simbólica
lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade de tantas
persoas (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde
queira que van, facéndose libremente escravos dos demais.
No mundo pertencemos todos a
unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús
non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz no
canto dun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste
mundo puidese dicir que el non é seu irmán.
Deus quixo así facerse nel
fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa
María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case
sen contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha vez máis, “non hai
imposíbeis”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en
Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio” central da nosa fe.
Renovando, pois, coa graza de
Deus esta nosa fe, comecemos o Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón
do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos
días deste novo ano 2023, que desde só hai doce horas nos acompaña.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario