Natividade do Señor


LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

Primeira Lectura             Is 52, 7-10

Todos os pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus


            Que fermosos son sobre os montes

os pés do mensaxeiro de boas novas,

que anuncia a fartura,

que proclama a felicidade,

que pregoa a salvación,

que di:

            Sión, o teu Deus reina!

            Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:

            "Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".

            Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,

que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.

            O Señor remangou o seu brazo santo aos ollos de todos os  pobos,

e todos os  confíns da terra viron a salvación do noso Deus.


Palabra do Señor


 


SALMO RESPONSORIAL    Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6

R/. (3c): Os confíns todos da terra percibiron a vitoria do noso Deus.


Cantade ao Señor un cántico novo,

pois fixo marabillas;

a súa destra deulle a vitoria,

o seu brazo santo.


O Señor dá a coñecer a súa vitoria,

revela a súa xustiza diante dos pobos.

Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade

coa casa de Israel.


Os confíns todos da terra percibiron

a vitoria do noso Deus.

Aclama ao Señor, terra enteira,

rompede a cantar e a tocar.


Tocade para o Señor a cítara,

a cítara e tamén o salterio;

con claríns e co son das trompetas

aclamade o Señor, noso rei.


 


LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

Segunda Lectura              Heb 1, 1-6

Deus falounos por medio do Fillo


            Irmáns:

            En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio do seu Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.

            Porque, a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu"; ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo"?.

            E cando introduce de novo o seu Fillo primoxénito ao mundo celeste, di: "Adóreno todos os  anxos de Deus".


Palabra do Señor


 


ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.


Resplandeceu para nós un día de santificación:

vinde todos e adorade o Señor:

porque hoxe descendeu unha inmensa luz sobre a terra.

Aleluia.


 


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Evanxeo  Xn 1, 1-18 (longo)

O Verbo fíxose carne e habitou entre nós


            No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus.


            Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.

Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.


            Houbo un home

mandado por Deus:

o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña

para dar testemuño da luz,

para que todos cresen por el.


            Non era el a luz,

senón que veu para dar testemuño da luz.

A Palabra era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.


            Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.


            Pero a cantos a recibiron,

‑ aos que cren no seu nome ‑

deulles o poder

de seren fillos de Deus.


            Estes, non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

nin da vontade do home,

senón de Deus.


            E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.


            Xoán dá testemuño del,

exclamando:

Este évos de quen eu dixen:

"O que vén detrás miña,

pasa diante miña,

pois existía primeiro ca min".


            E da súa abundancia

recibimos todos nós

graza e máis graza.

Pois a Lei deuse

por medio de Moisés;

a graza e a verdade

realizáronse por Xesús Cristo.


            A Deus ninguén o viu;

o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.



Palabra do Señor


______________________________________________________________


Ou máis breve:  Xn1-5. 9-14

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.


            Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.


            Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

A Palabra era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.


            Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.


            Pero a cantos a recibiron,

‑ aos que cren no seu nome ‑

deulles o poder

de seren fillos de Deus.


            Estes, non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

nin da vontade do home,

senón de Deus.


            E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.


Palabra do Señor


Comentarios

Publicacións populares