FICHA E LECTIO: Domingo 1 de Advento - ciclo A
DEBUXOS DE: elrincondelasmelli.blogspot.com
LECTIO:
Festa
da esperanza
(1 de Nadal de 2019)
Damos
comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano litúrxico, coa
vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre
e nós con el. E así chegamos ó Advento.
“Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois,
preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e
festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que
marca misteriosamente a historia humana toda.
Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a
“esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe
robusta. A fe nun Deus Pai todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo-
que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.
Porque esta nosa esperanza, renovada na manifestación
humana de Deus no Nadal, é en realidade unha esperanza que está previamente
apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre
connosco, onda nós.
O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que
virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó
mesmo tempo, pasado, presente e futuro.
Pasado, porque des que existe o mundo e a humanidade alí
está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos
desde sempre, tal e como nolo explica o mesmo apóstolo Paulo: “Nel, é dicir, en
Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde sempre o facedor e
sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.
Pero é que, ademais, o acontecemento do Deus que se
encarnou e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós”
tivo xa lugar hai máis de dous mil anos. Fíxose el dende aquela un de nós, un
coma nós. Dende entón e para sempre Deus veu onda nós e emparentou, por dicilo
así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis
humildes, necesitados e marxinados.
De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos
esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu
xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós a cotío, en cada intre concreto
da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia
conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas todas coas que un día e
outro nos atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembrade aquel
dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aquel outro: “Onde
dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.
Por iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo de
Advento a esperarmos, faino ela sabendo que é Deus mesmo, que desde sempre está
xa connosco, o que nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter azos para
esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos
capaces de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente
infinita.
Deus non é nunca algo así coma unha lección que se
aprende un bo día ou dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos
volver. Deus é e será sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos
a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente
infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.
Por
iso, para nós, Deus está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en
todo intre cheas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e
prezado galano, un inconcibíbel agasallo que Deus mesmo nos dá para podermos
estar así en disposición de recibilo.
De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos
repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía:
“Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.
Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada
un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa
axuda e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo este tempo de
Advento que hoxe comezamos.
Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se
converta en pensamento ardente e vida práctica concreta en todos nós. Porque a
súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un
acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará endexamais
de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén
sendo cativa, todo “advento” ficará curto en relación cun acontecemento tan
inimaxinábel e incríbel.
Este “esperar” do Advento non poderá ser un esperar
pasivo ou adormecido. Precisamente a segunda lectura da carta de Paulo ós
Romanos e mais o evanxeo de Mateo de hoxe convídannos a sermos responsábeis nas
nosas particulares angueiras e quefaceres, a “estarmos á espreita”, a
“espertarmos do sono” e a mantermos viva a nosa conciencia. Unha
responsabilidade, a nosa, que tampouco debería ser angustiosa, senón confiada,
porque o que vén, aquel a quen esperamos, é en definitiva o Deus que se nos
fixo intimamente familiar e querido.
Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de
practicarmos este espírito de “esperanza”, específico do Advento, é xustamente
levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos
ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e
real entre todos, en canto irmáns que todos somos dese Xesús que no Nadal se
vai facer para sempre irmán noso, querido irmán maior noso.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario