FICHA E LECTIO: DOMINGO 32 DE ORDINARIO C
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
Vivir sempre
(10 novembro 2019)
O
contido básico da primeira lectura do Antigo Testamento xunto co
núcleo do texto do evanxeo convídannos a renovarnos na nosa fe na
Resurrección. Nesta nosa resurrección que é consecuencia inmediata
da de Xesús, Fillo de Deus e irmán maior noso, e pertencente á
nosa propia estirpe humana.
No
libro dos Macabeos vai aparecendo xa a fe na Resurrección en
relación co feito fundamental de que
Deus fixo todo da nada.
Se Deus é capaz de crear todo, terá igual poder tamén para refacer
o que desaparece coa morte, sobre todo cando esa morte é indebida ou
inxusta,
tal coma proclama un dos sete irmáns ante os seus torturadores. “De
Deus recibín este meus membros...; espero recibilos del novamente”.
É esta fe na resurrección futura a que lles dá azos e esperanza ós
mártires macabeos. Pódese aceptar a morte con tranquilidade “cando
–tal como dirá pola súa parte o cuarto dos irmáns- se espera
resucitar para a vida”.
Mais
esta nacente ou xerminal conciencia da resurrección, que se albisca
xa dalgún modo nos tempos do Antigo Testamento, vai acadar novo pulo
co Novo Testamento, coa presenza, o actuar e a clara mensaxe de
Xesús. Segundo a mensaxe de Xesús, a nosa vida vaise transformando
continuamente, de maneira máis rechamante coa nosa morte, mais esa
nosa vida non cesa, non rematará endexamais. Cando Deus nos fai
partícipes da súa propia vida, dánola á súa grandiosa maneira, é
dicir, xenerosamente, podendo dicir que nola dá sen data de
caducidade.
Vemos
no relato do evanxeo como, fronte ós saduceos (que, á diferenza dos
fariseos, non crían na resurrección dos mortos), Xesús sostén
decididamente a resurrección dos mortos. En contraste cun certo
comportamento ou modo de pensar que podería quedar reducido a un
simple e ambiguo sentimentalismo en relación cos defuntos, Xesús
dinos claramente: “Deus non é un
Deus de mortos, senón de vivos. Para el todos están vivos”.
En moitas culturas, tamén e de maneira especial na nosa galega, os
ritos e lembranzas en relación cos defuntos teñen moita presenza
pública e de moi diversas maneiras. Hai poucos días aínda, co
comezo mesmo deste mes de santos, familiares ou amigos dos nosos
defuntos acudían con flores a visitalos, honralos e lembralos.
Fronte
a este comprensíbel e normal comportamento, a actitude de Xesús en
relación cos defuntos, cos que xa nos deixaron, non se parece moito
a este modo noso de proceder. Isto débese a que Xesús se presenta
ante nós xustamente como o anunciador e proclamador da vida, desa
vida que Deus nos dá e que non nos vai retirar nunca máis. En
consecuencia, para o Deus anunciado por Xesús os mortos en realidade
non son tales. Para Deus non hai, pois, mortos, senón que -tal como
se nos di no texto de Lucas- para el “todos están vivos”. Os que
vivimos porque estamos vivos, e os que nos deixaron porque están a
vivir ou seguen a estar vivos dunha forma distinta, mais real, por
inconcibíbel que isto sexa para nós. “Deixade que os mortos
enterren os seus mortos”, proclamaba tamén Xesús noutro contexto,
intentando alí pór de relevo a importancia e a urxencia do anuncio
da vida.
En
realidade, se Deus é un Deus vivo, que existe e vive desde sempre e
vivirá para sempre e que é o facedor da nosa vida, entón a que
normalmente entendemos por morte non ten propiamente que ver con el.
Por iso a morte, co peso e a carga que nós lle adoitamos dar, non
ten para Xesús tal categoría. En consecuencia, e en última
instancia, a morte, a nosa morte, non pode ser senón un episodio
transitorio (por estraño, doloroso e sorprendente que sexa) no
interior dun proceso que está totalmente mergullado na vida, nese
mar infinito de vida, que é Deus mesmo, en quen –como nos di o
Apóstolo Paulo- nós mesmos “vivimos, nos movemos e existimos”.
Entendida deste xeito a morte, cómpre aínda engadir que pola nosa
parte estariamos de feito a crer nun “Deus do mortos” (nun deus
rexeitado por Xesús) cando non anunciamos a vida e traballamos por
ela en tódalas súas formas; cando non procuramos o ben, o progreso,
a xustiza, a misericordia; cando non loitamos a prol de que todos
sexan respectados nos seus dereitos; cando non damos alento ós que o
demandan e esperan de nós; cando non lles ofrecemos ós demais a
posibilidade de participar no gran don recibido de Deus, a nosa fe,
esperanza e caridade; cando nos pechamos nos nosos particulares
intereses e egoísmos, coidando que así conservaremos máis a nosa
vida, sendo así que a vida propia é máis vida cando dela facemos
participar os demais... Da mesma maneira que o lume é máis lume
canto máis se comunica e se estende.
Mais
por que
Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos”? Por que “para
Deus todos están vivos”? A resposta,
paréceme, podería ser esta: PORQUE DEUS É AMOR (tal como repetía
Xoán), PORQUE DEUS NOS QUERE, PORQUE DEUS NOS AMA, E DE VERDADE.
Neste
sentido, escribiu algunha vez un gran pensador: “Amar
a alguén é dicirlle: ti non morrerás endexamais”.
Todos temos algo de experiencia disto. E se non, pensade un momento
nalgunha ou nalgún a quen queirades moito. Se no noso poder
estivese, non permitiriamos en modo algún que esa persoa morrese.
Pois ben, Deus quérenos e ámanos
de verdade. Quere, en consecuencia, a nosa vida, e ten ademais poder
absoluto para conservala e aumentala.
Nisto radica en realidade a “resurrección” que Deus nos anuncia
e promete en Xesús. Porque Deus nos ama de verdade e porque ten
poder para facernos vivir sempre, por iso pode resucitarnos e quere
resucitarnos tras esa estraña, fonda e ardua transformación nosa
que chamamos morte.
Porque,
ademais, efectivamente, da nosa propia morte nin temos conciencia
agora nin a teremos cando nos chegue. Xa o adiviñaron algúns
antigos filósofos cando dicían que non é posíbel experimentar iso
que chamamos morte, pois cando ela está –dicían- non estou eu, e
cando estou eu ela aínda non está. Sostiñan eles por iso que non
deberiamos ter medo algún a encontrarnos coa morte, porque tal
encontro non ocorrerá nunca. Total, que o noso é vivir, vivir
sempre. Sobre todo se cremos, máis alá do que digan ou sospeiten os
filósofos, na boa e alegre nova de Xesús: a resurrección.
Neste
sentido, e finalmente, como toda Eucaristía é lembranza viva da
Resurrección de Xesús e polo tanto tamén da nosa, agradezámoslle
a Deus Pai a vida que nos deu, que nos dá e que nos promete para
sempre. E animémonos tamén a comunicar a todos esta gran “boa
nova” que nos debería encher de alegría.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/32-tempo-ordinario-c-lc-2027-38/
Comentarios
Publicar un comentario