Festividade de Todos os Santos
Os santos son homes e mulleres que abrazaron con coherencia os valores do evanxeo. Son os seguidores do Señor. Hóuboos en todas as épocas. Sempre os houbo e sempre os haberá. Eles demóstrannos a posibilidade de imitar o estilo de Xesús.
Xunto aos santos canonizados están os outros. Aqueles cuxa fama non transcendeu máis aló do seu ambiente familiar ou laboral. Os descoñecidos polos medios de comunicación. Son homes e mulleres que seguiron con sinxeleza e fidelidade a súa vocación e manifestaron a alegría da graza. Viviron a fe, contaxiaron a esperanza e fixeron do amor a norma da súa vida. E iso, non para ser simpáticos nin eficaces, senón porque así era Xesucristo.
Os santos e santas de Deus son os mellores fillos da Igrexa. A proba de que é posible vivir o proxecto de Deus. A icona máis bela da dignidade humana. As arras da esperanza. O anticipo da gloria que nos foi prometida.
CANDO DEUS FELICITA
Nesta solemnidade de Todos os Santos proclámase, unha vez máis a mensaxe das benaventuranzas pronunciadas por Xesús.
As benaventuranzas non son tan só unha ética. Antes de nada nos revelan o rostro de Deus e o espírito que animaba a Xesús. Dinnos cales son as notas que caracterizan aos que forman parte da súa Igrexa. E oriéntannos cara á patria celestial. Coas súas promesas de futuro recollen as mellores aspiracións e esperanzas do corazón humano.
As benaventuranzas non desprezan a terra na que viven, traballan e sofren os fillos e fillas de Deus. Pero convídannos a non parcelar o corazón humano. A ver a nosa vocación na súa integridade. A lembrar que a nosa verdadeira vocación e dignidade transcende os logros das nosas mans e supera o malogro que nos aflige.
Como escribía San Pedro Poveda, "as benaventuranzas son o mellor resumo do Evanxeo, o máis firme sostén da nosa fortaleza na loita polo ceo e a máis perfecta regra de vida. Son a alma da fe, da esperanza e da caridade".
A PROPIEDADE DO REINO
San Agustín identifica a benaventuranza dos pobres coa dos persguidos por causa da xustiza. As dúas ofrecen a mesma recompensa a dúas actitudes que só en aparencia poderían ser diversas:
"Ditosos os pobres no espírito porque deles é o reino dos ceos".
Os pobres no espírito non se conforman coas aparencias de riqueza, porque só en Deus
teñen o seu tesouro. Abrazaron a liberdade que capacita para vivir como fillos de Deus.
A fin de contas, así era Xesús.
"Ditosos os perseguidos por causa da xustiza porque deles é o reino dos ceos".
Os perseguidos por manter o máis alto ideal non se deixan chantajear polos
que ofrecen os espellismos do ter do poder ou do pracer. Tamén eles optaron pola liberdade.
A fin de contas, esa foi a sorte que lle tocou a Xesús.
Pobres por amar a única riqueza. Perseguidos por amar a única verdade.
A eles ofréceselles a plenitude do Reino de Deus.
Eles fan visible a grandeza dese Reino.
- "Deus todopoderoso e eterno, que nos outorgaches celebrar nunha mesma festa
os méritos de todos os Santos; concédenos, por esta multitude de intercesores,
a desexada abundancia da túa misericordia e o teu perdón". Amén.
José-Román Frecha Andrés
Comentarios
Publicar un comentario